2024_Redes Escarlata

Xosé Antón Laxe Martiñán

Houbo un tempo en que as Redes Escarlata eran o pulmón latente no corpo neumonectomizado da cultura de Galicia. Sabemos que aínda o son; o seu discurso segue plenamente vixente, e por iso entendemos que seguimos perdendo.

Inspiración

Na primeira inspiración as Redes dixeron asemblea cando outros practicaron o sectarismo.

Na segunda dixeron esquerda e autodeterminación onde outros propuxeron reforma estatutaria.

Nas seguintes dixeron internacionalismo mentres outros abrazaban a globalización neoliberal.

Subversión contra asimilación.

Igualdade real, xustiza, liberdade contra a franquía española do Capital.

Independencia contra autonomismo, alienación, imperialismo.

Multitude fronte tumulto.

Fraternidade contra a depredación dos corpos, das conciencias, do planeta.

Cultura contra xenofobia e simulacro.

E lingua, lingua, lingua normalizada tamén nas comarcas estremeiras para Ser contra reintegracionismo ou bilingüismo harmónico.

Expiración

Cando as Redes falaron, protestaron, se manifestaron, a resposta dos medios de prensa galegos foi o silenciamento.

Cando as Redes informaron, axitaron, espallaron, a resposta das institucións autonómicas foi a censura.

Cando as Redes se solidarizaron, interviñeron e propuxeron, a resposta do autonomismo foi o desprezo.

Algúns enfrontabámonos coa ollada ata que a nosa se anegaba. O combate era contra o medo e, ao cabo, vencidos, alguén recolleu os nosos restos.

Eran as Redes Escarlata.

Pleura

Léolle a Max Porter, “a arte é o corazón da sociedade, por iso é sempre a primeira vítima do totalitarismo, o que este destrúe para acabar con ela”.

Desde Maiakovski (na miña boca / axita as pernas un berro a medio mastigar) cando ordenaron o realismo, ata Tina Modotti; de Walter Benjamin, Illan Pappé, Machado, Lorca ata Ánxel Casal, todos son Redes Escarlata e saben que vivir na burbulla aséptica, alimentarse só de institucións formais -digamos para entendernos apenas o 30% do poder por tempo de catro anos en pouco máis de corenta de Autonomía- se cadra poida garantir que non seremos contaminados pola potencia do resto do mundo, pero a burbulla ten límites, a realidade non.

As Redes contaminaron canto puideron.

Pisar charcos hoxe é hobby de burgueses que se cren libertadores. Nesta paz violenta inventaron o paintball a os titulares dunha prensa chea de espullas coma o cabezudo de Castelao.

Se hai que pisar, que sexa o pescozo dos que pretenden domarnos. As Redes Escarlata chamáronlle democracia formal.