Isidro Román Lago
Deixamos a nosa explicación xusto despois da vitoria dos traballadores no conflito de Kober e na constatación da potencia que a solidariedade de clase comeza a ter como elemento de mobilización. Poucos días despois de rematado o este conflito, iníciase outro, a folga de maio de Barreras, o antecedente máis directo da Folga Xeral de setembro.
O conflito nos estaleiros Barreras responde a dúas causas. En primeiro lugar, e como feito desencadeante inicial está a intención da empresa de modificar de xeito unilateral o período vacacional por mor de necesidades da produtivas (algo que actualmente é absolutamente legal e “normal”). A empresa pretende que os traballadores, ante a escasa carga de traballo no mes de maio, collan as súas vacacións, pero estes se negan e convocan paros intermitentes e traballo a baixo ritmo. Cando este conflito aínda está activo, a empresa inicia as conversas para a sinatura do novo Convenio colectivo. Son precisamente os desacordos sobre este novo convenio o que provoca a segunda causa do conflito, solapándose un có outro.
O primeiro paro prodúcese o 9 de maio despois de días traballando a baixo ritmo contra a modificación das vacacións. A convocatoria prodúcese tras ser aprobado por un conxunto de asembleas de taller. Tal e como sostiña O.O. todo conflito debe xurdir das asembleas de traballadores. Este recurso ao asemblearismo fai que o paro sexa secundado pola practica totalidade do cadro de persoal nun ambiente de unidade. Esta primeira acción coincide co inicio das negociacións do novo convenio. Ante a medida de presión a empresa abandona a negociación recén iniciada, e anuncia que non volverá a sentarse mentres que non exista paz social nos talleres.
A ameaza da empresa non ten efecto nos traballadores que ese mesmo día convocan novos paros para o día 10, onde a unidade volve a ser a tónica. Non obstante o día 11 de maio os obreiros volven ao traballo con normalidade. A empresa pensa que a situación comeza a normalizarse, pero non é así. Entre o día 12 e o 17 o repertorio de acción dos traballadores cambia e adóptase como medida de presión o traballo a baixo ritmo. No medio, o día 15, a empresa cita aos negociadores obreiros para unha nova reunión do convenio, pero rexeita todas as propostas dos traballadores e os volve a citar para o 17, reunión que rematará cancelando ante a persistencia do traballo a baixo ritmo na factoría. De xeito sorpresivo, o día 18 os traballadores volven ao traballo con total normalidade.
Como se pode ver o inicio do conflito é un tira e afrouxa entre traballadores e empresa, cunha característica determinante, a posición dos traballadores é sempre sorpresiva, anticipándose ás decisións da empresa e provocando unha situación de incerteza na parte patronal. É precisamente esta creación de incerteza un dos elementos que sempre están detrás dos movementos disruptivos, xa que ocasiona a perda de iniciativa na parte patronal. Esta capacidade de creación de incerteza é un elemento novo nos conflitos laborais, pensamos que no conxunto de Galiza nesa época. Incluso cando no desenvolvemento do conflito aparezan xa despedidos, os traballadores conservarán esta capacidade: “aunque en Barreras hay despidos y sanciones (…) el carácter de la lucha va por delante de las actuaciones del régimen. Esto es lo nuevo.”.
A xornada de normalidade do 18 de maio fai que a empresa pense que o movemento pode estar, xa, en recesión, e o día 19 volve a insistir, desta vez, co cambio das vacacións. Pero a resposta dos traballadores é contundente e paralizan totalmente a produción. A empresa, desconcertada, cambia de estratexia e aumenta a súa oferta de incremento salarial a un 8% diario. Os traballadores non aceptan e inician un novo paro. Neste momento, unha sección do estaleiro reclama a declaración de folga indefinida, posición que será maioritaria dous días despois, o 22 de maio. Ante esta medida a empresa reacciona co peche patronal o mesmo día 22 de maio.
Si ate o 22 de maio as accións que realizan os traballadores nos indican que o seu desenvolvemento é substancialmente diferente aos conflitos previos, sobre todo por esa capacidade para crear incerteza que lle posibilita ir sempre un paso por diante da empresa, o peche patronal, e polo tanto a imposibilidade dos obreiros para reunirse dentro da factoría, abre un escenario totalmente novo que lle outorga ao conflito unha singularidade nunca antes vista en Galiza e que o sitúan dentro das prácticas do sindicalismo revolucionario.
O dia 23, primeiro día de peche patronal, a primeira hora da mañá nada parece indicar que estamos ante o inicio dun xeito de mobilización totalmente novo. Os traballadores, igual que en 1962 concéntranse ás portas da factoría pechada, e exactamente igual que noutras ocasións, a policía intervén para disolvelos. É neste intre cando comeza a desenvolverse un tipo de acción totalmente novo. Ante a violencia policial, os traballadores se dispersan, pero inmediatamente despois volven agruparse e se concentran, pero non para quedarse, como sempre se fixo, nas inmediacións da súa empresa, senón para iniciar unha marcha cara aos outros estaleiros da cidade co obxectivo de visibilizar o conflito e reclamar a solidariedade do resto do metal. Este cambio táctico prodúcese a pesar dos homes da CO de Barreras que non eran partidarios de abandonar as inmediacións da empresa.É pois unha innovación que se leva a cabo seguindo as posicións de O.O. e que xa ensaiaran anos antes baixo o liderado de Abelardo Collazo nunha sonada folga da construción. O obxectivo final da marcha é Citroën, e durante todo o percorrido incítase a secundar o paro a toda canta empresa se atopan no camiño. Durante toda a marcha dos obreiros, a policía realiza numerosas cargas tentando que se disolvan, pero estes volven reagruparse sen abandonar o seu obxectivo. Non obstante, antes de chegar a Citroën, decídese que un grupo de traballadores marchen atravesando a cidade cara o barrio obreiro de Teis. A decisión tiña por obxecto dividir ás forzas policiais e visibilizar o conflito no conxunto da cidade. Mentres que o grupo principal chega a Citroën o secundario provoca un caos polo centro da cidade onde se suceden cargas e cortes de tráfico. Finalmente cando este grupo chega a Teis o conflito penetra, por primeira vez, nun barrio obreiro. As cargas sucédense nas inmediacións do Mercado de Teis e as peixeiras e veciños enfróntanse xunto aos obreiros coa policía. A táctica proposta por O.O. se está levando a cabo punto por punto. O control do ritmo das accións, a multiplicidade de elementos do repertorio combinados nun só día, a extensión do conflito aos barrios obreiros e ao conxunto da cidadanía… Todo combinado impresiona incluso ás COs que afirman dende o seu voceiro local que: “Cada fábrica debe aprender a dominar la calle, siguiendo el ejemplo combativo de Barreras”.
Pero na estratexia que elabora O.O. a solidariedade do resto de grandes empresas do naval é imprescindible. A partir do día 23 de maio comezan os paros solidarios que se estenden rapidamente o día 24, día no que os traballadores da construción paran as obras polas que pasan as marchas obreiras. As accións de rúa dos traballadores multiplícanse e o conflito penetra en máis barrios obreiros, incluso o centro da cidade é testemuña dos choques entre traballadores en folga e policía. Ante este despregue táctico a policía, xa reforzada o día 20, ten que pedir novos reforzos que chegan á cidade ese mesmo 24 de maio.
Paralelamente á loita de rúa, os negociadores da empresa móvense. É imprescindible parar as accións obreiras polo que melloran a súa oferta salarial ofrecendo un 10% de aumento diario ao que habería que sumar un incremento do 3,5 % en todos os plus. Pero a oferta non ten os resultados agardados pola parte empresarial, e os representantes dos traballadores néganse a entrar a negociar nada si se mantén o peche patronal. A capacidade de presión tiña, xa, cambiado de bando.
O día 25 aparecen por primeira vez as manifestacións lóstrego, quizais unha das innovacións máis importantes de 1972. Este tipo de manifestación non é máis que unha evolución dos famosos saltos: a ocupación da rúa por un pequeno grupo de traballadores coa intención de repartir propaganda, convértese agora unha pequena manifestación que interrompe a circulación coa intención de atraer ás forzas policiais. Cando estas chegan ao punto da acción, esta disólvese sen necesidade de intervención policial ao mesmo tempo que comeza noutro lugar da cidade. Este tipo de acción, ademais de provocar a división das forzas represivas, restándolle efectividade, conseguía transmitir unha sensación ao resto de cidadáns de que o conflito era xeral e se estendía polo conxunto da cidade.
Ao mesmo tempo, o desprazamento da actividade disruptiva aos barrios orixina unha modificación na composición dos manifestantes, os traballadores veranse apoiados nos seus cortexos por veciños e estudantes. A presa clandestina fala da aparición neste momento das manifestacións populares para diferencialas das anteriores, exclusivamente de traballadores en loita.
Pero a patronal e a policía tamén reaccionan. A patronal sanciona ou despide a 36 traballadores, mentres que o goberno civil despraza a Vigo novas forzas policiais, desta vez unha brigada móbil da Guardia Civil. O día 26 de maio se calcula en 6000 os obreiros que participan en paros en solidariedade con Barreras. O día 27 prodúcese o primeiro gran desacordo público coas COs. O.O. propón nunha asemblea de traballadores a convocatoria de folga xeral para o día 30 de maio, as Comisións opóñense. Resulta estraño esta posición das COs-PCG xa que estaban inmersos nunha grande campaña preparatoria dunha folga xeral en Vigo dende finais de 1971. Con seguridade o papel totalmente secundario que mantiñan neste conflito fixo que non consideraran beneficioso para seus intereses o apoio á folga xeral proposta. Pero maila esta oposición, a convocatoria de folga xeral para o 30 de maio continúa. Nun intento de paralizala, a empresa ofrece unha suba salarial do 17% e un incremento en todos os plus. Os representantes dos traballadores néganse a negociar nada en tanto existan despedidos ou sancionados: aparece a consigna que será o detonante da Folga Xeral de Setembro, ou entramos todos a traballar ou non entra ninguén: “ou todos o ningún”.
O día 30 paralízase todo o metal da cidade, o ensino, e o comercio nos barrios obreiros. A policía armada toma os mercados para impedir altercados. Os traballadores de Barreras concéntranse como todos os días dende que comezou o peche patronal nas portas da factoría, e por primeira vez dende o día 20 a empresa ten abertas as súas portas, o peche patronal rematara. Os representantes dos traballadores entran a negociar coa empresa que acepta retirar todas as sancións, admitir a todos os despedidos e un aumento do 17 % do salario. Os obreiros aceptan a oferta empresarial, pero cando todos xuntos se dispoñen a entrar na fábrica corre a voz de que faltan dous compañeiros que están detidos en comisaría. Facendo efectiva a nova consigna “ou todos ou ningún” os traballadores néganse a entrar. Os representantes volven a negociar: ninguén entrará á factoría en tanto non entre a traballar todo o cadro de persoal. O director da empresa ponse en contacto co Gobernador Civil que ordena a liberación dos detidos e o seu traslado á factoría. Finalmente, cando os detidos chegan e o cadro de persoal está completo, todos xuntos entrar a traballar. A vitoria obreira é total: “Se ha visto, cómo una organización joven, toda vez que lleve a cabo una política audaz de movilización de masas, puede, de este modo suplir sus deficiencias apoyándose en los sectores más avanzados del proletariado como es el caso de Organización Obreira y el proletariado de Barreras”.
As consecuencias desta vitoria son múltiples e afectan a todos os actores. Por unha banda, O.O. como principal actor no conflito experimenta un espectacular crecemento sobre todo nas grandes empresas, pero tamén aparecen novas células nas pequenas. E o que é máis salientable, aparece na súa nova estrutura as células específicas de barrios e estudantes. Este crecemento fai que a nova organización comece a disputarlle a hexemonía ás COs, sobre todo no metal. Ao mesmo tempo, o tándem COs/PCG toma conciencia da nova realidade, xa non son o único actor con peso organizado no movemento obreiro vigués, e o que é máis importante, as tácticas desenvolvidas por O.O. e que eles tiñan rexeitado antes da excisión, demóstranse eficaces. Pola súa banda, o nacionalismo agrupado ao redor da UPG comeza a ver a O.O. non so como un aliado senón como un posible xermolo da súa alternativa sindical. Pero incluso dende o universo marxista leninista de ámbito estatal preténdese establecer contacto coa nova organización. Entre estes grupos destaca a Organización Marxista-Leninista de España (OMLE) que xa tiña establecido contactos antes da folga de Barreras e que mantiñan relacións discretas con algún dos dirixentes de O.O.
De todos xeitos os primeiros en mover ficha son o PCG-COs. Son os primeiros pasos cara a Folga Xeral de setembro. Primeiro destacan a potencia da mobilización dos traballadores de Barreras e a importancia da solidariedade de clase como xeito de expansión dos conflitos locais: “En Vigo, daba la impresión de que se había roto la compuerta de un embalse y la corriente arrollaba, inundaba las fábricas y lugares de trabajo, conmocionaba a toda la población. Daba la impresión de que las masas por si solas iban a la H. General casi instintivamente.”1 En segundo lugar, apréstanse a preparar a súa propia folga xeral como medio de propaganda da súa política de reconciliación nacional, que, dada a resposta do proletariado vigués, debería ser nesta cidade. Non obstante, outra vez, o PCG-COs non fai unha análise onde se teña en conta, prioritariamente, a capacidade dos traballadores de Vigo, senón a rendabilidade da acción. Así desbótase ao naval, onde se atopaban os cadros máis formados e máis combativos, e óptase por iniciar os preparativos en Citroën, sabedores da repercusión internacional dunha folga nunha das factorías da multinacional.
En xullo de 1972, o xornal das COs viguesas publica unha táboa de reivindicacións inmediatas na factoría de Citroën. Por unha banda, faise mención as penosas condicións de traballo nunha das naves da empresa, a de construción máis nova. Por outra banda, reivindícase o sábado como día feriado. Definido o marco de conflito proponse a forma de loita: paros na produción de ate 4 horas os sábados pola tarde. Sorprende que se elixa a reivindicación da semana inglesa como elemento de mobilización, xa que este asunto fora tratado na negociación do convenio para o ano 72 e rexeitado pola empresa e, ademais a negociación do convenio para o ano 73 estaba a piques de comezar. Tamén sorprende que se elixa xullo como o inicio das mobilizacións, xa que, era o mes onde máis traballadores realizaban as súas vacacións. Evidentemente, tanto o PCG como as COs eran absolutamente sabedores destas circunstancias, polo que podemos afirmar que primaban nas súas accións consideracións que escapaban ao estrito ámbito laboral. En palabras dun dos dirixentes das COs da época: “hai que buscar un detonador, e o detonador foi Citroën, e punto”.
En setembro, de novo, o xornal das COs insiste na necesidade dunha mobilización en Citroën, agora xa centrada exclusivamente na semana inglesa. Afírmase tamén que esta reivindicación ten un gran predicamento na factoría: “Existe un gran descontento en esta Factoría por tener que trabajar los sábados por la tarde (…) El descontento es general y se vienen observando pequeños y aislados brotes de lucha que esperemos cuajen definitivamente y se consiga la jornada laboral para todos los trabajadores de Citroën (…)”.
O elemento de mobilización estaba creado, a semana inglesa, tan só facía falla unha data para o inicio do conflito. O 8 de setembro a CO de Citroën lanza un panfleto na factoría chamando ao paro para o dia seguinte, o sábado 9 reivindicando a semana inglesa (xornada laboral de 44 horas semanais). Inmediatamente as outras organizacións con presenza no interior da fábrica (UPG e O.O.) critican a convocatoria por oportunista, innecesaria (xa que en menos dun mes comezarían as reunións do novo convenio) e de buscar unicamente rédito político dentro da estratexia carrillista de reconciliación nacional. Con estas perspectivas non sorprende a ninguén que o paro resulte un fracaso e só teña éxito nunha das seis naves, a nave F. Non obstante, o fracaso do paro xera unha concatenación de feitos imprevisibles que xunguidos ao desenvolvemento a partir das mobilizacións anteriores, dun sentimento de unidade e solidariedade de clase, fai que ese mesmo dia, o 9 de setembro de 1972, dea comezo unha das máis potentes folgas da historia de Galiza.
Cando o paro convocado pola CO de Citroën se está a desenvolver na nave F, o director de persoal require a presenza do inspector de traballo, e xuntos reclaman aos representantes dos traballadores que chamen á volta ao traballo na nave afectada. Pero os xurados de empresa da CO néganse en redondo. Ante esta negativa, o director de persoal, “unha persoa sen man esquerda”, decide o despido inmediato de 5 xurados (membros da CO) e a apertura de expediente disciplinario a outros catro. Este é o feito imprevisible que orixina a Folga Xeral de setembro. A noticia do despedimento dos representantes obreiros chega rapidamente ás naves da factoría que comezan, agora si, a parar (en menos de media hora o 70% do cadro de persoal da factoría esta en paro), pero non pola reivindicación inicial, senón por solidariedade de clase, a mesma arma que os traballadores puxeran en práctica nos conflitos de Kober e de Barreras: ningún despedimento, ningunha detención, ningún expedientado. A experiencia acumulada nos conflitos previos e as vitorias acadadas neles estaba a dar os seus froitos. É dicir, o feito dos despedimentos cambia de xeito radical a natureza da reivindicación inicial, converténdose este nun dos exemplos paradigmáticos do dinamismo nas loitas sociais. Non é necesaria a loita por un obxectivo concreto con poder aglutinador para obter a solidariedade do resto de traballadores xa que un simple despido pasa a ser percibido polo conxunto dos traballadores como un problema común.
Con este novo escenario, tanto a UPG como O.O. cambian rapidamente a súa posición adaptándose á nova realidade: xa non estamos ante un conflito de natureza política partidista, senón ante un ataque á a clase obreira. O mesmo día 9 pola noite a O.O. e a UPG chaman ao paro xeral solidario. O domingo día 10 ás COs convocan na folga xeral en solidariedade cos despidos: “La consigna que cierra la asamblea ha sido ni un sancionado, ni un despedido, ni un detenido. Este lema, lo habían hecho suyo ya desde la huelga de Barreras toda la clase obrera viguesa que revela una conciencia de clase y un espíritu solidario.”2 Ese mesmo dia o Comité Central de O.O. prepara as estruturas da organización para “unha loita dura e longa” e ordena a todos os responsables de célula para arriba que pasen á clandestinidade deixando os seus domicilios e casas dos seus familiares coñecidos. Tamén o día 10 ten lugar a que sen dúbida foi a única reunión durante todo o conflito entre O.O. e COs. Nela tratouse que actuar conxuntamente para paralizar Citroën dende fora o luns 11. E así se fixo. Un cordón duns 2000 traballadores impedían na entrada da primeira queda de Citroën aos poucos quebrafolgas que se presentaron. A policía presente na porta carga contra os concentrados, estes repréganse cara a avenida de Fragoso, pero por primeira vez, non foxen e fan fronte á policía. A capacidade da policía para dispersar aos traballadores posta en cuestión xa na mobilización de Barreras, parece resultar ineficaz agora. Inmediatamente despois destes primeiros choques o groso dos obreiros diríxense como aprenderan nas mobilizacións anteriores a buscar a solidariedade do resto de traballadores das empresas do metal. Pero estes cortexos de obreiros en busca de solidariedade que resultaran determinantes na folga de Barreras, xa non eran necesarios: Barreras, Vulcano e outros estaleiros están en paro solidario sen necesidade de que os traballadores de Citroën o reclamen nas súas portas: “Xa dende o principio hai unha resposta masiva, non foi como en maio que había que ir fábrica por fábrica. ¡¡A solidaridad era unha cousa…!! ¡Ni un solo detenido! ¡Ni un solo despedido!, era cousa que todo dios sabía.”3
Ese luns 11 os traballadores fan unha asemblea no interior de Barreras. Alí están presentes traballadores do estaleiro, de Citroën, de Vulcano, da empresa de cerámica Álvarez, de Freire, da construción… participan nela co obxectivo, en palabras dun dirixente de O.O., de reforzar os lados de unidade. Nesa asemblea un vello traballador anónimo toma a palabra e sen pretendelo manifesta o obxectivo táctico de toda a mobilización: “(…) <<agora que a solidaridad xa está conseguida, temos que tomar ás rúas. Os de Barreras polo centro cara Valladares, os de Citroën …>> pois para outro lado, es decir, o vello foi quen naquel momento tomou a iniciativa, se votou a man alzada e así empezou todo.”
Ese mesmo luns 11, as COs lanzan o seu primeiro panfleto. Nel non hai nin rastro de ningunha reivindicación de carácter económico ou laboral, todas son estritamente chamados á solidariedade de clase.
A partir deste momento comeza a etapa expansiva da Folga Xeral que durará unha semana, ate o 18 de setembro, comento onde comezará a inflexión cara o refluxo que conducirá ao final da folga o día 26 de setembro.
Si na asemblea de Barreras do día 11 maniféstase e mesmo apróbase o obxectivo táctico da mobilización, a conquista do espazo público, e polo tanto a conquista do espazo político, o día 12 ás portas de Citroën ten lugar outra asemblea onde se fai explícito o obxectivo estratéxico da folga: a readmisión dos despedidos. Non existe ningún outro obxectivo nin instrumental nin estratéxico asumido de forma expresa polo colectivo de traballadores en folga. O medio para lograr o obxectivo proposto é facer recuar a dirección de Citroën, con este obxectivo dende o día 11 téntase reunión coa dirección, pero esta non entra en ningún momento a tratar o tema das readmisións. Mentres a actitude de cerrazón empresarial continúa, novas empresas se suman aos paros: os estaleiros Santo Domingo e Reyman, a Fábrica de Gomas, Astiscar, Yarza, Manuel Álvarez e Forxas do Miñor secundan a chamada á solidariedade. O día 12 as mobilizacións obreiras ocupan o centro da cidade onde se producen fortes choques coa policía. É tamén o primeiro día en que se fan detencións, e no que os barrios obreiros comezan a sumarse á mobilización.
O día 13 as mobilizacións esténdese xa por toda a cidade. A policía emprega unha brutalidade poucas veces vista ante a resistencia dos traballadores: “Lémbrome sobre todo dunha carga policial bestial, realmente a máis brutal que vin na miña vida, na zona de Balaídos” onde se sitúan as instalacións de Citroën. Citroën ante a presenza de piquetes obreiros nas portas da factoría decide pechalas, xa non volverán a abrir ate o remate do conflito.
Ante a violencia policial, as mobilizacións radicalízanse e aparecen as manifestacións lóstrego nun intento de reducir os custos para os traballadores. Máis tamén aparecen as barricadas nos barrios obreiros nun contexto de violencia xeneralizada. Este día 13 de setembro pódese afirmar que todo o repertorio de mobilización que O.O. puxera en marcha na folga de Barreras en maio, está presente pero a unha escala moito máis grande. Incluso prodúcense modificacións no repertorio para adaptalo a unha situación de violencia non vista antes. En concreto, os comandos de traballadores que tradicionalmente eran empregados en pequenos cortes de tráfico e reparto de propaganda, son empregados en setembro para unha tarefa fundamental, o enfrontamento directo coa policía para tentar conseguir que esta, atarefada cos comandos, non poda disolver as asembleas de traballadores. Calcúlase que sobre 13.000 traballadores secunda a folga.
O día 14 de setembro a práctica totalidade de cidade súmase á folga. A situación é tan grave que mesmo a prensa do réxime informa abertamente sobre o conflito cifrando en 15.000 os obreiros afectados. A participación masiva de traballadores nas accións de rúa, a extensión das mobilizacións ao conxunto da cidade, decenas de comandos actuando simultaneamente ao tempo que se desenvolven por toda a cidade numerosas manifestacións lóstrego, debuxan unha situación de mobilización de masas que chega a transmitir a sensación de que en realidade son os traballadores quen controla a cidade. Nas crónicas destes días comézase a reflectir o medo que se está a apoderar da policía: “La violencia está ya al orden del día (…) La policía llega un momento en que se desmoraliza ante tanto trabajador junto. (…) tiene orden de no aproximarse a los trabajadores si no es en grupo, con casco y en los carros de lucha (…) Recalco de nuevo el pánico de la Policía a los manifestantes.”4 Ante esta situación de desborde das forzas represivas, péndese novos reforzos. Esa mesma noite chegarán a Vigo 500 gardas civís.
O sorprendente é que á vez que o conflito se estende e radicaliza coa ocupación dos espazos públicos por parte dos traballadores en loita, o xornal El Pueblo Gallego, da prensa do Movemento, informa que se están tendo lugar negociacións para a resolución do conflito. Estamos ante unha táctica patronal para tentar rachar a unidade dos obreiros ou realmente alguén está a tentar unha saída pactada? Pero non só producen estes movementos, igual que os traballadores practican a unidade de clase, a patronal tamén comeza a actuar dun xeito coordenado. O xoves 14 de setembro prodúcese una reunión, fora do marco legal de representación empresarial, dos responsables das empresas máis importantes da cidade, co obxectivo de fixar unha posición común. A situación é de tal gravidade que incluso os empresarios sáltanse as canles legais que o Estado deseñara para eles. Non obstante, a análise que neste preciso momento fai o actor máis importante do conflito, o PCG-COs é diametralmente oposto a esta realidade: “El régimen no cede y presiona a la patronal para no admitir a los despedidos”5. É a inxerencia política franquista dentro dun conflito de clase a que imposibilita a vitoria dos traballadores, ergo, o primeiro paso, o paso fundamental da loita é a eliminación do inxerencia política, isto é a manifestación a nivel práctico do Pacto para a Liberdade e as políticas de reconciliación nacional carrillistas.
Pero o movemento non da sinais de debilidade e o venres 15 de setembro xa son 37.000 os obreiros en folga. Ante a gran presenza policial os traballadores abandonan a manifestación multitudinaria como xeito de mobilización ao tempo que adquiren un gran desenvolvemento os comandos que pasan a empregar tácticas de guerrilla urbana. De feito, os dirixentes das COs inconscientes do cambio táctico manteñen a convocatoria dunha gran manifestación no centro da cidade ese mesmo día, mobilización que non se puido facer debido á gran presenza policial.
Ao chegar á semana de folga xeral, o día 16, e coa folga xeral consolidada en Vigo, a mobilización comeza a expandirse fora da cidade: Massó en Cangas para o mesmo que Dresslock no Porriño. É precisamente neste momento cando a folga xeral é total e parece comezar a expandirse por toda a contorna de Vigo cando comeza o seu declive. O día 17 a policía cambia de táctica e en vista da imposibilidade de control do movemento nas rúas, decide descabezalo. Entre o día 16 e o 17 a Brigada Político Social realiza numerosísimas detencións de lideres das COs. O.O. non da creto á facilidade con que son detidos: “e iso é o increíble, increíble, non facía falta que os perseguiran, caían nas casas: os colleron a todos así. Iban allí, le pegaban dos hostias, iban al caldero y ya esta”6. Dende logo, a explicación a estas caídas non está da falla de experiencia ou nas pobres medidas de seguridade que adoitaban a ter os membros das COs-PCG, que pola contra, era excelentes. Tan só hai que lembrar que entre 1970 e a fin da ditadura a Brigada Político Social foi incapaz de localizar a desarticular o seu aparello de propaganda. Outro dos protagonistas da unha explicación alternativa a esta falla de seguridade: “O Partido Comunista miraba, e esto hai que entendelo, cuanto más duraba a folga, máis desgastaba á dictadura, e eso é verdad. Pero despois si había represión e esa era forte, máis desgastada a dictadura.”7
Aínda que o día 18 as COs-PCG fan un chamamento a ocupar as rúas fronte a escalada represiva, o certo é que a fin do movemento comeza a debuxarse: a chegada de novos reforzos policiais fai que as acción de rúa comecen a decaer, o descabezamento dos líderes das COs sitúa ao movemento nun impás que a presenza de O.O. non logra solucionar xa que a magnitude da mobilización supéraos con creces.Neste contexto de impás, o día 19 a patronal, unida, da o seu primeiro paso: publícase un ultimatum aos traballadores, de non reincorporarse aos posto de traballo o día 21, “se procederá de manera oportuna”. Santiago Álvarez líder do PCG nunha análise posterior ao conflito afirma en relación ao día 18 de setembro: “Es preciso ver con realismo que la huelga debe entrar en una nueva fase, manifestarse, con un repliegue táctico en otras formas; llevar la acción al interior de las fábricas.”8
O día 20 o “cambio táctico” do que falaba Alvarez é evidente: La Artística, Reyman e Caucho Atlántica volven ao traballo. Os xurados de empresa das COs en Santo Domingo e Vanosa fan chamamentos públicos a retomar o traballo, mentras continúan os fortes enfrontamentos entre policía a veciños no barrio de Teis. O feito máis importante que sucede este día e a detención, parece ser que de xeito casual, do responsable do aparello de propaganda de O.O. que a consecuencia da tortura rebela a situación do mesmo. Esta desarticulación ten dúas consecuencias: en primeiro lugar, a policía ten coñecemento, por primeira vez, da existencia de O.O. como organización diferenciada tanto das COs como da UPG; a segunda a imposibilidade para O.O. de comunicar as súas posicións nun momento chave no desenvolvemento da folga.
O día 21 segue o impás, novas empresas volven ao traballo, pero algúnhas que o retomaran o día anterior, como os estaleiros Santo Domingo, volver a parar. Tamén por primeira vez dende o día 13 os obreiros poden facer unha asemblea multitudinaria na sede do Sindicato Vertical. Con seguridade as autoridades permitiron a celebración da asemblea porque contaban con que os traballadores decidiran volver ao traballo, pero non foi así. Aínda así o día seguinte, o 22 de setembro, vólvese convocar asemblea para debater exactamente o mesmo, a volta ao traballo, pero a decisión volve a ser continuar. Parece probable que esta sucesión de asembleas permitidas polas autoridades obedeza aos intentos dos “dirixentes” da folga para parala, pero chocan coa actitude de base que non acepta reincorporarse si non se readmite aos despedidos. Por outra banda, o día 21 cúmprese o ultimatum dos empresario para a volta ao traballo, e o día seguinte, 5000 obreiros que non acoden aos seus postos, reciben cartas de despedimento. Estes afectan, neste primeiro día, case exclusivamente ao sector naval, cerne do movemento.
Entre o dia 21 e o día 23 desaparece todo traballo de axitación de rúa, tamén o traballo de coordinación entre as diferentes empresas e non existe ningún tipo de consigna que seguir. O.O. fai un panfleto nunha rudimentaria vietnamita (tan so puideron editarse 300) onde chama aos traballadores a seguir ate a readmisión dos despedidos. Mentres isto sucede dirixentes das COs reúnense co Delegado de Traballo coa mediación do bispo da diocese, para lograr unha volta ao traballo ordenada.
O luns 25 comeza a reincorporación en masa, pero esta non será tan doada como algúns pensaban: “Na portería están os membros da dirección e o Xefe de Persoal que van seleccionando aos operarios, deixando fóra aos máis combativos ou que consideran “perigosos”. A dirección da patronal, decide que non volverá a admitir a ningún traballador díscolo, 6.000 serán os traballadores que non volverán, nun primeiro momento, a traballar. Esta cantidade minguará ate os 300-350 despois dos diferentes procesos de amnistía. Estes 300 traballadores ingresaran en listas negras que lles imposibilitarán volver a traballar no seu sector, algún en concreto, en ningún sector.
Pero aínda queda por representar a fin da folga. Esta representación efectuarana as COs-PCG nunha asemblea que debeu facerse entre o venres 22 e o luns 25 de setembro no monte do Meixoeiro. En realidade a asemblea só tiña un destinatario, tratábase dos traballadores do estaleiro Vulcano, considerado polo PCG como empresa vangarda, négase a volver ao traballo.
“A liña branda decidiu darlle marcha atrás á folga (…) a discusión foi sobre tirar coa folga para diante. De entrar sin despidos, esa era a posición do Partido, ou todos ou ningún. E iso non foi o que se fixo.”9
O día 26 Vulcano, a última empresa en abandonar a folga, volve ao traballo.
“O home de máis idade da fábrica, xa hoxe morto (…), botouse a chorar, e dicía que el non entraba mentres que non viñeran os demais [os despedidos]. Tivemos que facelo entrar á forza (…) nunca esquecerei esa imaxe.”10
- A Voz do Pobo, 20 de xuño de 1972
- Nuestra Bandera, núm 69, 1 de outubro de 1972
- Ramón González Costas, traballador de Barreras en 1972.
- A Voz do Pobo,núm. 16, 23 de novembro de 1972.
- A Voz do Pobo, núm. 16, 23 de setembro.
- Xesús Chaves, traballador de Citroën en 1972.
- Guillermo Fontán, traballador de Ascon-Rios en 1972.
- Nuestra Bandera, núm. 69, 1 de outubro.
- Manuel Villar Fajinas, traballador de Vulcano en 1972.
- Jose Domato Fernandez, traballador de Vulcano en 1972.