Perante a moda do negacionismo climático

Na última década, observamos como os movementos cidadanistas, carentes de organización interna e dunha liña ideolóxica clara, deixaron no bloque soberanista e esquerdista unha evidente segmentación da loita cotiá en pequenas frontes de actuación política. Moitas veces, estas loitas son tildadas de “woke” polos sectores máis conscientes da nosa condición proletaria. A fragmentación e o desclasamento destas miniloitas son tan pronunciados que, en moitos casos, os comunistas as percibimos como unha atomización preocupante que deixa nun segundo plano a emancipación material e económica da nosa clase. Ademais, podemos ver con claridade como as élites capitalistas fomentan, se nutren e benefician destas reivindicacións, que carecen do punto crucial: a superación do sistema económico actual. 

Neste contexto, pódese considerar a loita pola conservación da natureza ou contra o cambio climático como unha destas “loitas woke” pero, canta verdade hai nesta afirmación? Realmente existe tal fenómeno natural? Son as actividades humanas as responsábeis dese cambio? É a crise climática un perigo real para o sustento da nosa clase? Pode alguén crer que o capitalismo pode xerar unha transición enerxética xusta para os traballadores? Que postura debería asumir o comunismo galego? Temos puntos de coincidencia cos sectores reaccionarios neste ámbito?

Para dilucidar se o cambio climático está realmente en marcha e se está orixinado pola acción humana, debemos adoptar un enfoque materialista e científico da realidade. A ciencia non é máis que un método para xerar coñecemento, un método que, a diferenza da arte ou da relixión, se basea en evidencias demostrábeis. Cando o ser humano desenvolveu e expandiu o uso da máquina de vapor e dos seus derivados, acudiu a fontes de enerxía química presentes nos combustíbeis. Este uso masivo das máquinas permitiu acadar o máximo desenvolvemento técnico coñecido na historia da humanidade, pero como contrapartida, retrocedemos no proceso evolutivo da atmosfera e do clima debido á inxente emisión de gases de efecto invernadoiro. 

Se avaliamos a evolución da concentración de CO₂ no rexistro histórico dende a era preindustrial, obsérvase un aumento do 150%. Este incremento racha coa tendencia á diminución progresiva do CO₂ que se rexistrou desde o Cenozoico, fai 66 millóns de anos. 

Pero este cambio climático é prexudicial para o planeta en si mesmo? Non necesariamente. O cambio climático non é novo, xa aconteceu antes, e o planeta será capaz de retornar á súa situación previa, permitindo que a evolución da vida continúe. Pero nós, os desposuídos, non temos a mesma capacidade de adaptación.

Dadas as evidencias irrefutábeis, nos últimos anos vimos como grandes corporacións, especialmente as petroleiras e enerxéticas, pasaron de negar sistematicamente o cambio climático causado pola súa actividade extractiva a adoptar unha dobre moral. Aínda que seguen financiando estudos que o negan, tamén realizan un exercicio de greenwashing, un lavado de cara que exemplifica o gatopardismo: “cambiar as cousas para que todo siga igual”. Asistimos con impotencia a como o sistema burgués, escudándose na diminución das emisións de CO₂ e na transición enerxética, desindustrializa comarcas enteiras, deixando sen sustento material a miles de familias. Non nos equivoquemos, non lles importa o cambio climático; esas mesmas industrias trasladaranse a rexións con menos restricións para maximizar os seus beneficios. 

Por outra banda, a ideoloxía burguesa culpa do cambio climático aos sectores máis empobrecidos, aqueles que menos capacidade teñen para adaptarse aos cambios. A alternativa que propón o sistema é responsabilizar aos individuos, ao proletariado, como os principais culpábeis da crise climática na súa condición de consumidores, como demostran as fútiles campañas de promoción da reciclaxe. A hipocrisía burguesa complétase cando, despois de separar os envases plásticos, estes son incinerados, xa que non son asimilábeis ao mercado. O capitalismo é incapaz de planificar absolutamente nada: nin a industria, nin os recursos, e moito menos ofrecer solucións aos problemas que el mesmo xera, como a xestión de residuos ou a crise climática. Pensar que este sistema pode solucionar dita crise é unha das maiores quimeras que podemos escoitar.

E como afecta o cambio climático á nosa clase? É innegábel o aumento da temperatura media, o avance dos desertos, a escaseza de auga doce e a crecente frecuencia de fenómenos climáticos extremos, que provocan perda de colleitas, fame e migración. Nun mundo xeopolíticamente tenso, isto engade máis leña ao lume. Por exemplo, na desembocadura do río Brahmaputra en Bangladesh, 173 millóns de persoas poderían verse forzadas a migrar. Desde unha perspectiva internacionalista, como responderemos a este escenario migratorio? Abriremos as fronteiras ou financiaremos a represión? Se nos opoñemos ao espolio dos países do terceiro mundo, tamén debemos loitar contra o cambio climático que fai inhabitábel moitas rexións. Aínda que é imposíbel abordar todas as causas e consecuencias, está claro que o cambio climático agrava os problemas da nosa clase, polo que planificar solucións deberá ser parte das nosas tarefas revolucionarias. 

Setembro 2024, Faísca