A teor das inminentes eleccións galegas que se celebrarán o 18 de febreiro, o comunismo galego afirma:
1. O Estado das autonomías é unha entidade opresiva que, lonxe de protexer os dereitos das diversas nacións que compoñen o Reino de España, só perpetúa a ilusión de equidade e respecto coa que se pretenden ocultar as máis dramáticas condicións de opresión nacional.
2. A Xunta e o Parlamento de Galicia son ferramentas ao servizo da opresión politica, ideolóxica e económica á que as elites dominantes someten ao pobo galego. A súa natureza como instrumentos represivos de clase supón que non existe a máis mínima posibilidade, por remota que sexa, de que estas institucións actúen como garantes dos dereitos do pobo galego ou defensoras dos nosos intereses coma clase sometida.
3. Do anterior dedúcese que a clase obreira só podemos aspirar a neutralizar as nomeadas institucións como ferramentas represivas das elites e a debilitar os mecanismos represivos do Estado español, pero debemos comprender que nunca acadaremos a emancipación da nosa Patria nin da nosa clase a través dunha estratexia exclusivamente electoralista.
4. A nosa condición de nación sometida económica e políticamente redunda nun gran perxuízo para a nosa terra. Despoxada de voz propia, Galicia non pode defender os seus dereitos no plano internacional e permanece indefensa ante un imperialismo depredador que redunda na destrución dos nosos montes, da nosa industria e das nosas costas.
5. Galicia atópase nunha situación crítica: mentres a nosa lingua morre lentamente, suplantada polo castelán de xeito cada vez máis dramático, a nosa industria é desmantelada baixo a coartada dunha axenda ecoloxista que non respecta os ritmos nin as necesidades económicas dunha clase obreira galega conducida ao desemprego, á precariedade e á emigración, condenando a miles de familias á miseria. A desindustrialización convive coa proliferación dos parques eólicos, deseñados e emprazados dende fora do noso País, en base a intereses económicos que nos son alleos.
6. A burguesía española, apoiada por unha escasa burguesía galega que actúa en connivencia con ela, obtén copiosos beneficios deste esquema ao tempo que actúa coma engrenaxe dun imperialismo internacional que, antepoñendo os intereses dos poucos fronte aos moitos, perpetra toda clase de irresponsabilidades criminais que, se ben contribúen á destrución do planeta, non parecen interesar tanto como sabotar a nosa industria: lembremos o Prestige ou, máis recentemente, o caso dos granulados.
7. Tendo todo isto en conta, valoramos que a nosa tarefa prioritaria é traballar pola construción dunha alternativa política de clase quen de ofrecer un horizonte superador e capaz de transcender tanto as consideracións exclusivamente electoralistas coma as concepcións esquerdistas da formulación estratéxica que rexeiten o electoral de plano, resultado ambas da concepción do panorama institucional como fin e non como medio.
8. Partindo desta base e partillando a carraxe da meirande parte do noso pobo ante tantas décadas de opresión da nosa Patria e repugnante caciquismo, o Partido Comunista pola República Galega insta a todas aquelas persoas que, malia as propias contradicións, entendan coma xusto e preciso acudir a votar o vindeiro 18 de febreiro a que, aínda sabendo que non será o mero exercicio do voto a base sobre a que se fundamente o cambio que precisa a nosa Nación, tomen a súa decisión guiados unicamente por dous criterios que, no caso de Galicia, son: Patria e clase.
Viva Galicia ceibe e socialista!
Comité Central do PCRG.