Galicia contra Altri: por unha industrialización racional

Baixo o patrocinio da administración autonómica a multinacional Altri pretende instalar una nova planta para a produción de celulosa no noso país. Estamos ante un descarado episodio de sometemento das institucións políticas públicas ás necesidade de acumulación privada de riqueza. O Parlamento e o goberno concederon a Altri privilexios excepcionais sen dar un debate mínimo sobre os potenciais impactos da fábrica en termos sociais, económicos e medioambientais.


Galicia é xa un país industrializado, cun peso da produción e o emprego industriais en liña coa norma europea e mesmo superior á media estatal. Porén, baixo un paraugas discursivo cegamente desarrollista, o capital nacional e estranxeiro continúa favorecendo un modelo de competitividade en base a baixos salarios, na obtención subvencionada dalgúns subministros, ou en maiores facilidades á hora de explotar ilimitadamente os nosos recursos naturais. O proxecto de Altri vén precisamente a afondar neste modelo nefasto: xerando unha situación de dependencia socioeconómica no territorio no que pretende instalarse, desprazando outras actividades alternativas e traendo consigo un potencial impacto desastroso sobre o noso medio ambiente.
É por iso que as e os comunistas do PCRG saudamos o esforzo realizado ata o de agora por organizacións veciñais, ecoloxistas, sindicais e políticas co obxectivo de frear a implantación de Altri na comarca da Ulloa. Así mesmo, facemos un chamado a todas e todos os compañeiros para contribuír en futuras mobilizacións.

Alén da conxuntura inmediata, as e os comunistas reivindicamos unha industrialización racional da nosa patria. Racional, para que o desenvolvemento das forzas produtivas responda ás necesidades reais do pobo galego, e non ás necesidades de acumulación do capital. Racional, para unha distribución equilibrada das actividades produtivas que remate cos fortes desequilibrios socioeconómicos que sofre o noso país e que respecte o noso patrimonio natural. Racional, para contribuír libremente desde a nosa terra á consecución dunha relación humanidade-natureza ecoloxicamente sostible.


O camiño para lograrmos un país libre e próspero decorre en paralelo ao do avance revolucionario nos planos político e económico. Para nunca máis vermos á cousa pública subordinada aos intereses privados, para que sexamos as e os traballadores quen xestionemos as rendas da nosa vida económica e decidamos como queremos orientala:


República Galega e Socialismo.