En cada minuto da nosa vida entregada ao beneficio de quen se lucra da miseria de quen traballa, reclamamos o dereito ao traballo digno, ao traballo para nós mesmas.
Porque sabemos que a nosa clase constrúe o mundo día a día coas súas mans, traza e asfalta as estradas, conduce os camións en plena noite, extrae os froitos da terra e do mar, coida e educa aos seus.
Porque o beneficio do noso traballo non redunda no noso beneficio, senón que vai parar ao peto duns poucos aos que nunca lles faltou nada.
En cada familia, en cada persoa sen teito ou que ten medo de quedar sen teito que acubille, temos a nosa loita e reclamamos o dereito a poder chamar fogar á nosa terra e a ter fogar de noso. Sen rendas inxustas, sen emigración.
Porque sabemos que a nosa terra non é nosa e queremos que sexa nosa. Porque sabemos que a nosa casa non é nosa ou queren que deixe de ser nosa.
Porque o noso proxecto é un mundo novo, ceibe da cadea da miseria.
En cada piquete, en cada traballadora que ergue a voz, en cada estudante combativo, en cada compañeiro maltratado pola policía, en cada presa. Aí está a nosa trincheira e por eles reclamamos dignidade.
Na clase obreira galega, aí estamos nós. Na Patria proletaria que é Galicia. Aquí e agora, esiximos liberdade. Esiximos socialismo (comunismo que ha de ser).

Esiximos República Galega.