Crónica do I Congreso do PCRG 

O noso Partido, o Partido Comunista pola República Galega, vén de celebrar o seu primeiro congreso ordinario, despois do suceso da súa constitución hai dous anos e medio. O Congreso, como máxima expresión democrática da militancia comunista, é analizado polo Comité Central electo como todo un éxito pola elevada, rica e construtiva participación dos camaradas de todas as células do país. 

Só podemos participarnos co resultado tanto do congreso, como do traballo intercongresual realizado nos últimos dous anos e medio; con humildade inda que con ledicia e orgullo podemos certificar o avance cuantitativo e cualitativo en todas as zonas do país, coa incorporación de cadros de distintas procedencias e xeracións, así como o cumprimento de obxectivos políticos marcados no Congreso Constituínte, destacando a penetración no movemento obreiro e no sindicalismo nacional e de clase. 

O Partido avanzou posición no seo do Movemento Obreiro Galego, participando activa e construtivamente nos conflitos reais que operaban no seu seo, como as folgas do Metal, de Inditex, da Limpeza, do Saf ou dos supermercados, implicándonos democraticamente e atraendo cadros das centrais sindicais galegas (CIG e CUT) e defendendo unha liña combativa, asemblearia, unitaria e non pactista. Todo isto reflectiuse tanto nun aumento da militancia do Partido, como de influencia política e ideolóxica sen hexemonismos nin ultravangardismos estériles. Seguimos a traballar polo Sindicato Único Galego como meta orgánica final, como vén reclamando o comunismo galego dende a década dos 70. 

Redobramos a nosa aposta internacionalista, tanto reforzando as relacións con Partidos e organización obreiras e revolucionarios do resto do mundo, como colaborando e participando nas plataformas e convocatorias solidarias existentes no país. Saudamos a decadencia da hexemonía do imperialismo e o abrente do mundo multipolar. Condenamos a criminalidade ianqui e europea así como os seus “proxys” criminais e xenocidas: a Entidade Sionista de Israel e a Xunta Fascista de Kiev. 

Reforzamos a nosa liña pola República Socialista Galega, apostando pola liberación nacional, lonxe de todo esencialismo e interclasismo, cunha óptica claramente proletaria e republicana. A nosa clase como suxeito central da emancipación, por elevar o proletariado á clase nacional. 

Saudamos o reforzo da liña pola liberación da muller traballadora, tanto polo enriquecemento do debate político ideolóxico, como pola incorporación efectiva de mulleres do mundo obreiro e estudantil ás fileiras do Partido e a súa participación protagonista nos conflitos sociais deste país. 

Por todo o anterior, o Comité Central entrante acolle con entusiasmo e optimismo militante a dirección deste Partido nos vindeiros anos, co obxectivo de seguir consolidando o incremento sostido de militantes e de influencia política, coas portas abertas sempre á unidade comunista e obreira e coa Revolución Proletaria como meta, inda sabendo as tarefas diarias e inmediatas que temos que cumprir. Cos pés na Terra e a Cabeza no Ceo. 

Comité Central do PCRG, na Primavera do 2024