Lenin dicíanos que todo revolucionario no seo do movemento avanza entre dous precipicios. Estes dous precipicios, na maoiría de loitas, tanto políticas como económicas (e o movemento estudantil non é unha excepción) poden ser o ultracorporativismo autoreprodutivo e a liquidez espontánea e anti-orgánica. Como todas as desviacións aparentemente antagónicas son, en realidade, dúas caras da mesma moeda: o sectarismo e a patrimonizalización. Os pecados da vaidade e do egoísmo pequeno burgués. O movemento popular non é de ningunha sigla, nin tampouco de ningún grupo de independentes.
As falsas dicotomías entre a Organización e a Asemblea, alimentados por uns e outros, só redundan no divisionismo e escisionismo no seo do movemento estudantil. Nós, comunistas, con claridade dicimos: si a ambas! Si á Asemblea e ao movemento asembleario, onde toda folga, mobilización e/ou negociación sexan fiscalizadas en última instancia por este órgano democrático. Que sexa permeable e amable para a participación de estudantado con distintos niveles de politización e implicación, que regule e dilúa, por superación e non por anulación, as (lexítimas) diferenzas entre os distintos axentes políticos e sociais que partipan del. E dicimos si ás organizacións que axudan a preservar, manter no tempo, coordinar e axilizar as pulsións mobilizadoras e a participación asemblearia, que do contrario corre o risco de se esvaecer tras o inmediatismo da loita. Si tamén á organización como instrumento, nunca como fin, e que tenda á Unidade co conxunto do movemento estudantil, organizado e non, cara a constitución da Organización Estudantil Única de Galicia, entroncanda nun movemento republicano e democrática, fiscalizada e regulada sempre por Asembleas Abertas de Estudantes e inclusiva, por síntese superadora, de todas as sensibilidades emancipatorias do movemento estudantil. Volvamos a ERGA: Sindicato Único, Movemento e Asemblea.
Poñendo pé en Terra, Este curso comeza con duas mobilizacións estudantís:
A do 27 de setembro, de Solidariedade Internacionalista con Palestina, artellada no seo do movemento estudantil en gran medida polo contixente asembleario, que organizara as acampadas solidarias do curso anterior. Un movemento asembleario que foi mermando en número e ao que lle costa dar unha lectura integral alén do tema lexítimo e necesario que os ocupa. Sen un plan e visión integral e nacional corre o perigo un de desaparecer ou de caer na marxinalidade e abrazar posturas anti-políticas e anti-orgánicas. Na que no fondo caia na mesma autorreprodución que a das organizacións, pero con menos eficiencia.
A do 2 de Outubro convocada polo dereito á vivenda por parte de Erguer, sindicato afín ao BNG, cunha campaña moi corporativista e endogámica, entre as organizacións controladas pola UPG, de costas a calquera posibilidade unitaria e de dinámica (e moito menos fiscalización!) asemblearia. É certo e xusto de recoñecer que, nestes momentos, é a única organización estudantil existente no conxunto de Galicia, inda que tamén é certo que cunha capacidade de incidencia e mobilización moito menor da que tiña o MEG na anterior Xeira mobilizatoria. Fruto do propio corporativismo, sobrevive nas malas e nas épocas de repregue, pero non ten a audacia e iniciativa que permitan ser hexemónicos e involucrar ao conxunto do estudantado alén do nicho ideoloxicista nas épocas de avance.
Ante esta conxuntura e mentres traballamos para conseguir os obxectivos estratéxicos, o noso Partido chama a secundar e participar de ambas folgas e mobilizacións. Aínda coas nosas críticas honestas ás eivas e desviacións dos(s) movemento(s), sabemos que quen traballa honestamente por sacar adiante unha mobilización e unha folga por unha causa xusta é un compañeiro de barricada co que teremos que construír unitariamente o futuro que queremos e co que desde aquí debatimos de forma xenuína para mellorar entre todos o que nos é común: a loita por un futuro mellor para as desposuídas de Galicia e da Terra. Estamos contra toda tentación de boikot a ningunha das mobilizacións que pode redundar en apoloxía da esquirolaxe e tendemos as mans a todos os militantes de organizacións e asembleas que operan no movemento estudantil do noso país para avanzar conxuntamente na creación e fortalecemento do MEG que todos queremos e, sobre todo, necesitamos.
Pola creación do Sindicato Único do Estudantado Galego!
Todo o Poder para as Asembleas!
Dana Rotbaf, estudante e militante do PCRG.