Que todo cambie para que nada teña que cambiar. Ese é o resumo da constitución do 78 nunha soa liña. Agradecerán o noso esforzo de síntese as forzas que, tras anos ou incluso décadas de discurso radical, deciden agora cantar as alabanzas do Reino de España. Agora xa non teñen que ler o que están a aceptar, costume cada vez máis frecuente no eido institucional. De nada.
Nós seguimos en contra e seguiremos en contra. Por que? Porque consideramos que a constitución do 78, que prometía ser unha pista de despegue, é en realidade un teito ben baixo que obriga á nosa clase a camiñar encorvada. Por enriba dese teito, o Réxime do 78 non está disposto a conceder nada.
Xa nos últimos anos de vida de Franco, nos que a decrepitude moral do ditador foi correspondida polo seu físico, era evidente que o modelo político vixente era insostible por máis tempo. Certos sectores da clase dominante apostaron entón pola apertura tanto no económico como no político e no cultural. Juan Carlos foi nomeado herdeiro por Franco a pesar de que era obvio que non contaba co respaldo dun falanxismo clásico de verborrea falsamente republicana nin do carlismo. Quen apoiaba entón a Juan Carlos? Os donos do capital e os seus curas lambebotas do Opus Dei. A operación foi ben sinxela: os altos cargos do réxime, como Adolfo Suárez e Manuel Fraga, propietarios de cadansúa camisa azul de falanxe, fundan partidos con nomes máis seductores, como Alianza Popular ou Unión de Centro Democrático. Cédese nas demandas populares no que a cultura e sociedade se refire, permitindo ensinar carne e bicarse nas películas e na televisión, reláxase (sen se suprimir) a censura, e permítese aos xudas que controlaban o PCE e outras forzas potencialmente subversivas, que coman parte do pastel. Así pode continuar a explotación da nosa clase durante unhas cantas décadas máis.
Especialmente nítida foi a visión das nacións sen Estado, que foron quen de facer a crítica máis contundente e castigar á constitución no referéndum. As abstencións e o non derrotaron ao si en Galicia, e así sucedeu tamén en Euskadi. Resulta curioso ver como hoxe, as forzas que aceptaron participar do xogo parlamentario para seguir avanzando na senda da emancipación nacional –esa é a súa visión dos feitos, non a nosa–, aceptan directamente a constitución ou se dedican a negociar miserias co Estado opresor. Miserias negociadas de xeito patético, por certo, porque o que é feble non ten nada que negociar co que é forte. E como pode ser forte quen constrúe a alternativa aceptando as imposicións do inimigo, permitindo á burguesía dictar que cuestións son aceptables e cales non?
Miremos ao Estado: a movilización masiva nacida do denominado ciclo 15M, domesticada e parlamentarizada, deixou de ser un fenómeno popular, convertíndose nun esperpento. O reformismo máis clásico e inútil, con nomes novos, ten agora a revolucionaria capacidade de actuar como muleta ou botella de osíxeno do PSOE que, lembremos, é o partido do si á OTAN, da reconversión industrial, dos mortos desfeitos na cal viva dos GAL, do bombardeo sobre a Libia de Gadafi para deixar un xigantesco mercado de escravos, da repetición innecesaria de eleccións coa única consecuencia –e pode que única motivación– de ver medrar os escanos de VOX, da lei mordaza 2.0, dos dispendios ao fascismo na Ucraína…
Ollemos á Patria: cal é o resultado de corenta anos de claudicación ideolóxica por parte dos autoproclamados defensores da Nación? O desmantelamento dos nosos sectores económicos clave, a destrucción da Nosa Terra para beneficio dunha burguesía estranxeira e dos seus colaboradores locais, o ridículo político. O servilismo oportunista ao Estado burgués foi disfrazado de pragmatismo. Afírmase que o máis revolucionario é facerse co poder, pero, que é o poder para eles? Ser capataz na casa do patrón, co permiso do patrón. Renuncian aos principios para facerse coa Xunta, pero no proceso quedan sen principios e sen Xunta.
Nós sabemos que os principios vencen e que a nosa firmeza ideolóxica é a firmeza na defensa dos intereses da clase. Por iso dicimos non a unha constitución escrita a espaldas e contra a clase.