Dicir “Castelao é noso” non é falar de siglas. Castelao é do pobo galego, que é dicir Nación, que é dicir Patria, que é dicir clase obreira. Castelao é noso e non deles.
Nós somos a man que saca a riqueza da terra e que a transforma en prosperidade, a man que coida, a man que sostén con forza a fouce, o martelo, o lápis ou o xiz.
Eles son o peso do xugo e da cadea. A caste dos ricos e dos poderosos construída sobre a degradación da humanidade no seu conxunto.
É por iso que Castelao é noso, porque era parte do proxecto da humanidade no seu conxunto e toda a vida fixo por construir unidades que permitiran alcanzar ese horizonte. El sabía, por suposto, que en Galicia esa meta só se podía materializar a través da soberanía nacinal e, no mundo, a través do Estado obreiro.
Da URSS de Stalin, Castelao dirá:
«Agora convén que faga unha pequena aclaración. Eu non son comunista. Non sei se pesan sobre min prexuízos adquiridos na infancia e nas lecturas de libros venenosos. Pero […] no meu viaxe á URSS adquirín a convicción de que alí se está a xerar unha nova vida que debe ser o molde dos demais pobos do mundo.»
Castelao non era comunista, pero era un frontepopulista convencido e sincero. Como tal, sempre buscou trazar unha colaboración estreita co marxismo. Isto tivo como consecuencia a viraxe progresiva de Castelao cara posturas cada vez máis de esquerdas, rachando co compoñente reaccionario, esencialista e mesmo racial doutras tendencias do nacionalismo e coa comprensión dogmática e escurantista da súa propia relixión cristiá. Pero do mesmo xeito que o marxismo influiu en Castelao, castelao influiu no marxismo, espertando nos comunistas galegos a conciencia nacional e pondo de relevo a importancia capital da cuestión nacional e da emancipación da patria como paso fundamental no camiño cara á emancipación de clase. A súa influencia foi clave en individuos como Lois Soto, o que permite falar da súa figura como base sobre a que se erixe a tradición política da UPG proletaria de Reboiras, o PGP, o PCLN ou a FPG, tradición que confluirá con outras dando lugar ao nacemento do PCRG décadas despois e ao que somos no presente.
Castelao figura, por tanto, nese lugar privilexiado da historia que ocupan figuras como Benigno Álvarez: o xérmolo da conxunción do elemento nacional e popular que da lugar á forma acabada do marxismo galego.
Pero o de Rianxo non foi só político, tamén foi artista e intelectual. E no eido das artes e da cultura, Castelao actuou movido tamén polo maior dos respetos ao pobo, que sen dúbida ten a súa orixe no mesmo rincón da psique do que nacían o instinto revolucionario e a mirada de clase de individuos como Engels. O caracter popular das obras de Castelao trascende á súa mensaxe explícita e chega a facerse patente en cuestións de estilo tan sutil como a súa representación do individuo: no seu debuxo nunca se repite unha cara, no exercicio da caricatura nunca se reduce ao individuo ao anonimato pola vía da esquematización do rostro. Faces individualizadas compoñendo un todo superior a elas mesmas, unha ética común, unha corrente única: a dos oprimidos. Non existe en Castelao unha negación do colectivo, pero tampouco unha comprensión da masa como entidade amorfa na que se dilúa o inividuo.
A creación artística como ferramenta en defensa dos intereses do pobo galego, o exercicio intelectual comprendido en clave política e ao servizo permanente dos desposuídos e desposuídas da Patria, o exercicio consciente de dignificación da xente do común, a aproximación didáctica da máis alta cultura ao público xeral despoxada de calquera pretensión petulante, a autoavaliación e autocrítica permanentes como garantía de evolución, renunciando ás falsas certezas permanentes que, para outros, son refuxio cómodo.
Isto é, pra nós, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Poden afirmar, aqueles que dende as institucións cobren as vergoñas co seu nome, de ser consecuentes con estes principios?
Nun alarde da súa natureza necrófaga e necrófila, os herdeiros do franquismo que dominaban e dominan aínda a Xunta de Galicia, empregaron o cadáver de Castelao para lexitimar ese esperpento, esa satrapía, en 1984. Buscaban neutralizar o símbolo fundamental da resistencia de Galicia fronte ao esquema de dominación ao que se atopaba somentida. A comitiva de profanadores foi recibida por disturbios en Compostela por parte dunha nación disposta a defender a dignidade do corpo do pai intelectual da súa liberdade.
Nós, neste ano de Castelao proclamado pola Xunta, alegrámonos de que a forza do nome do rianxeiro force aos inimigos do seu proxecto a continuar coa pantomima da gabanza, pero mantemos con terquedade o mesmo que outras voces da nosa clase dixeron hai corenta anos:
Castelao é noso.
Monográfico – Xaneiro 2025, Faísca