Un ano máis, o Partido Comunista pola República Galega saíu ás rúas para demostrar que a construción da ferramenta revolucionaria da nosa clase segue adiante e que o proletariado galego é quen, non só de pensar un mundo novo, senón de dar tódolos pasos necesarios para velo nacer.

A manifestación do PCRG, que partiu da Alameda ás 13:00 e chegou incluso a dobrar as cifras de asistencia con respecto ao ano pasado, constitúe un revulsivo contra a opresión cotiá á que nos somete o sistema capitalista. O proletariado galego organizado no seu Partido Comunista percorreu Compostela demostrando que existe un proxecto feito por e para a clase, capaz de desbotar calquera sectarismo e calquera vocación de sermos marxinais manifestada en folclore estéril, pero tamén calquera tentación derrotista ou oportunista.

O acto político que deu fin á manifestación tivo lugar na Praza do Pan, coa intervención de Inma Alonso como presentadora e cos discursos de Paulo Rubido, Carlos Botana e Inés Varela.
O xantar, organizado na praia fluvial de Chaián, ao que asistiron preto de duascentas persoas, contribuíu a reforzar aínda máis as relacións entre o PCRG e as organizacións do conxunto do Estado que estiveron ao noso carón demostrando que a loita pola emancipación das patrias é indisociable da solidariedade internacionalista, tales como Jardún, Red Roja, Partido Obreiro Reunificado ou a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil.

Os avances que o noso Partido experimentou dende o ano pasado non se limitan unicamente ao cuantitativo. No cualitativo, asistimos ao constante desenvolvemento dunha liña política capaz de implementarse paulatinamente nos centros de traballo, chegando a capas da nosa clase cada vez maiores, tal e como demostra a presenza dos continxentes procedentes da CIG ou da CUT tanto na manifestación como no xantar de confraternización, contribuíndo a dar pasos na dirección do que segue a ser un obxectivo ineludible: o Sindicato Único Galego. A publicación do quinto número da revista Embate, por outra banda, pon de manifesto que é posible dotar ao pobo galego das canles de expresión necesarias para construír arte e cultura xenuínas e libres da mácula que constitúen os intereses políticos e económicos das clases dominantes.

Ano tras ano, o Día da Patria actúa como xornada de avaliación na que camaradas procedentes de todo o país intercambian pareceres e toman contacto coa realidade militante doutras comarcas e doutros ámbitos. Ano tras ano, dende a fundación do PCRG, os nosos cadros comproban unha e outra vez, que o seu esforzo está a dar froitos cada vez maiores. Agora é o momento de redobrar esforzos, de convencerse de que nada é suficiente nin será suficiente ata que conquistemos o poder para a nosa clase. E aínda entón non teremos rematado o noso traballo.

Por mil primaveras máis. Por ver florear rosas vermellas en tódalas mans traballadoras de Galicia. Pola nosa clase. Pola nosa Patria.

Viva Galicia ceibe e socialista!