Un 23 de abril, pero de 1937, acontecía un suceso realmente tráxico para o noso país dentro do marco da Guerra Civil española. Unha mostra máis da represión franquista sufrida polo noso pobo.Estamos a falar do coñecido como asalto do bou Eva ou, noutras palabras, do suicidio colectivo máis grande que tivo lugar durante a xa amentada Guerra Civil.
Na noite dese día, os recentemente casados Ángel Nogueira Nogueira (30 anos) e Carmen Miguel Agra (24 anos) xunto con Luís Álvarez González (obreiro, 30 anos), Camilo Campos Méndez (barbeiro, 33 anos), Manuel Martínez Moroño (mariñeiro, 44 anos), os irmáns Fernando e José Rodríguez Lorenzo (albaneis os dous, de idades de 37 e 30 anos, respectivamente) e dous curmáns de Castelao, José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao (ambos mestres, de 45 e 31 anos de idade, respectivamente) tentaron fuxir da represión franquista por mar dende Vigo, cara Francia, co obxectivo de xa dende alí ir cara algún dos portos da España aínda leal á República, como xa algunha xente fixera con anterioridade dende a costa viguesa.
Axudado por un mariñeiro “cómplice” que fixera de intermediario co patrón da embarcación, o grupo entrou no bou Eva xa de madrugada e viaxarían na adega do mesmo. Cando xa todo estaba preparado e semellaba ir ben, os acontecementos se precipitaron. Tras ser delatados, moi posibelmente por un tripulante do barco, o xefe da Garda Civil, Gumersindo Salinas, foi alertado do que estaba a suceder e presentouse no lugar cun grupo de fascistas e membros da Garda Civil e da Policía. Negándose o grupo a saír sabedores do que lles esperaba no caso de facelo, a resposta dos fascistas foi achegar un buque alxibe á embarcación e, dende este, introducir unha mangueira para anegar a adega na que os nosos protagonistas se atopaban, buscando desta maneira forzarlles a deixar a nave. Empregaron primeiro auga fría e, ao ver que isto non funcionaba, o tentaron con auga fervendo. Aí foi cando se comezaron a escoitar os disparos dentro do Eva. A contra resposta dos tripulantes foi preferir poñer fin a súa vida de xeito colectivo antes que entregarse aos falanxistas.
A dignidade por riba de todo. Finalmente, e non quedando a cousa niso, o mariñeiro que lles axudou sería días despois localizado e tamén asasinado en Teis, cerca da ETEA.
O suceso foi ocultado polo réxime franquista (de feito, no rexistro civil de Vigo apenas quedou recollido como que estas persoas faleceron por “un tiro de bala”), e apenas obtivo tampouco difusión tras a morte do ditador Franco, caendo na desmemoria entre boa parte do pobo galego, nun intento por silenciar a valentía destes homes e mulleres.
Por iso faise tan necesario lembrar no seu 85º aniversario o acontecido. A atrocidade cometida contra oito homes e unha muller que non cometeran delito ningún, máis alá de querer fuxir, tras nove meses de persecución, da represión franquista.
Homes e muller que o tiñan moi claro… ANTES MORTOS QUE VENCIDOS. Até o final, sempre combativos! Nin esquecemento nin perdón. Que a nosa historia e as atrocidades cometidas contra nós non caian nunca na desmemoria.