MANIFESTO 8M

Un oito de marzo de 1917, as traballadoras da industria téxtil en Petrogrado berraron polo pan que lles negaba a guerra e a explotación laboral. Houbera diversas convocatorias anos anteriores repartidas entre Estados Unidos, Alemaña e outros países, mais ese oito de marzo foi o orixinario, a creación da efeméride, a creación do movemento, o comezo da loita.
Ese oito de marzo foron as mulleres quenes espertaron a revolución na sociedade rusa contra a opresión dos tzares, ese oito de marzo foron as mulleres as que esixían, como facemos nós hoxe, o cambio da sociedade.
Xa pasaron máis de cen anos dende esta revolución, pero o sistema segue a ser o mesmo. A guerra fría ganárona os malos e agora en Occidente non hai ditadura do proletariado e polo tanto ningún sistema social alternativo a este asoballante capital e por iso loitamos.
Loitamos polo mesmo polo que loitaban hai cen anos: pola abolición da desigualdade, polo cambio real, pola revolución.
Como sabedes, esta loita non é a da muller contra o home, senón que pasa pola liberación dos roles de xénero ata chegar ao comunismo. Para entender como é necesario o sistema socialista para acadar a igualdade, debemos ter clara a orixe dos roles de xénero e por que son unha consecuencia de dita opresión.
O que entendemos como roles de xénero son esas atitudes relacionadas a cada sexo, por iso historicamente se relacionaban de maneira binaria e tamén por iso se confunden ambos conceptos nalgunhas teorías. Estas atitudes xa son tóxicas en ocasións, como a crítica á “histeria” na muller ou a represión das emocións no home, pero a maiores creouse unha superestrutura fundamentada en ditas diferenzas como a industria da moda, aficións prohibidas para o xénero contrario ou discriminacións máis materiais como a asignación dos dous tipos de traballo: produtivo e reprodutivo.
Esta diferenza baseouse nas diferenzas biolóxicas e xenéticas do corpo humano: a muller ten a capacidade de concebir e por iso está fisicamente atada a este acto de diversas maneiras, polo que as labores reprodutivas correspóndenlle, permitíndolle ao home encargarse das tarefas produtivas. Porén, aínda que isto é a orixe das nosas diferenzas, estas non implican opresión. Ambas tarefas eran (e son) de igual importancia: non existía desigualdade entre os sexos.
É máis adiante, co excedente de produción, coa orixe da propiedade privada, cando xorde a inclinación da balanza. Xa que o home produce, interésalle a acumulación do producido: a acumulación da propiedade. Para isto, a muller pasa a ser infravalorada, a un eterno segundo posto, a ser unha posesión máis. Entón o patriarcado, entendido como a opresión social do home sobre a muller, non se orixina na diferenza sexual, senón debido á propiedade privada.
Por iso loitamos hoxe, por iso levamos cen anos loitando, e por iso loitaremos cen anos máis se son necesarios: para que se destrúa a propiedade privada, desaparezan os roles de xénero e se constrúa o mundo de auténticos iguais que merecemos.