As mulleres proletarias organizadas no PCRG chegamos a este 8 de marzo unha vez, sen nada que celebrar e moito que reivindicar, pelexar e conquistar.
Como traballadoras, sufrimos a precariedade xunto aos nosos compañeiros. Ora ben, cómpre non esquecermos que somos nós, as mulleres traballadoras, as que sufrimos cotas de paro máis elevadas e engrosamos as ringleiras do exército de reserva, que certamente ten rostro de muller. Se en xaneiro do 2024 eran 55.140 os homes parados en Galiza, nós eramos 75.961. Por iso, na procura do pan, do traballo e do teito, ben sexa nos centros de traballo ou de estudo, ben nos nosos barrios; como nos ensinaron Clara Zetkin ou Alexandra Kollontai, a nós, comunistas, énos indiferente se o noso patrón é home ou muller, porque nós non defendemos o igual acceso da muller a privilexios que deriven do nacemento ou da riqueza. Pola contra, nós, mulleres proletarias, loitamos cóbado a cóbado e man a man cos nosos camaradas de clase homes para, xuntas, abolir todo prixilexio. A nosa sororidade é a conciencia de clase e a loita polo comunismo para racharmos co patriarcado. Porque o fío vermello da historia non se crea só. Tivo que ser extraído como recurso, procesado e transformado e posteriormente tecido e fiado.
Somos Isabel Zendal cando defendemos unha sanidade para todas; somos Elvira Bao cando defendemos un ensino galego, científico, laico e gratuito; somos Enriqueta Otero, guerrilleira contra a incultura e o fascismo; somos as nais contra a droga, cando defendemos un lecer saudábel e un futuro na nosa terra; somos Luz Fandiño, irreverente e indignada no 15M e somos nós, cando nos organizamos para conquistarmos novos dereitos.
Porque do mesmo xeito que as traballadoras da Real Fábrica de Tabacos da Coruña no 1857 se ergueron para loitar polas súas condizóns de vida, tamén un día coma hoxe as mulleres rusas coa súa iniciativa e organización proletaria foron o detonante da Revolución Socialista Soiviética, o máis fermoso acto de amor nado do século XX. E esa revolución parímola nós, do mesmo xeito que pariremos aquí e agora, nunha terrra e tempo ben diferentes, na Galiza do século XXI, aos homes e mulleres novas que construirán unha patria liberada.
As mulleres proletarias somos a metade da humanidade e sempre fomos imprescindíbeis. Hoxe, as traballadoras do ARENAL ou de INDITEX, as traballadoras da limpeza de Correos, as profesionais do ensino e da sanidade públicas organizadas contra o deterioro do que é de todas ou as pensionistas de MODEPEN, que saen a defender xa non as delas, senón as pensións dos seus netos nun acto de xenerosidade de toda unha vida de batallas, marcan o camiño.
Como mulleres, alén da explotación do traballo asalariado, sofremos as consecuencias da división sexual do traballo. Os coidados, o traballo reprodutivo que ademáis é non pago, constitúese coma unha carga máis que levamos ás nosas costas. Deste xeito, entendemos que o único xeito para nos liberar desta opresión é mediante a socialización do traballo produtivo e reprodutivo e polo tanto, da abolición da sociedade de clases.
Paradoxalmente, para conquistarmos a nosa emancipación como mulleres, deberemos emanciparnos do xugo do capital. Só existe unha única loita, e nós farémola victoriosa. Pola outra banda, como mulleres estamos fartas de sofrir toda unha serie de violencias sobre os nosos corpos que cómpre denunciar, así como sinalar a aquel feminismo burgués, que dentro do mercado posmoderno das identidades fai un produto máis dentro do capitalismo dos desexos, no canto de combater directa e frontalmente estas violencias machistas, cando non as promoven como falsamente “emancipadoras”.
Así, as mulleres comunistas galegas, organizadas no Partido Comunista Pola República Galega:
- Posicionámonos contra toda tentativa de regular os nosos corpos, defendendo o aborto libre e gratuito nun tempo onde en certos países da “Europa moderna” seguen a morrer mulleres en abortos clandestinos e ilegais, debido ás políticas de gobernos de signo conservador. Mostrámonos totalmente en contra da pornografía e da prostitución, pois lonxe de existir algo semellante a un “traballo sexual”, entendemos isto como a forma máis extrema de explotación e de degradación da muller na sociedade de clases, produto das desigualdades sociais que terá que desaparecer xunto ás mesmas clases. Achamos importante aclarar que de ningún xeito a loita contra a prostitución debe ser entendida como unha loita contra as prostitutas, senón unha loita sen cuartel contra proxenetas, puteiros e todo o entramado laboral creado arredor destas estruturas e todas aquelas persoas que destas saquen beneficio. E do mesmo xeito, estamos radicalmente en contra de toda cousificación sexual das mulleres e as represalias por denunciar estas no eido público. Así mesmo, posicionámonos totalmente contrarios á regulación dos ventres de alugueiro, pois atenta directamente contra a nosa liberdade sexual e reproductiva, alén de ser unha crúa mercantilización dos nosos corpos.
- Pronunciámonos contra toda imposición relixiosa que atente contra o noso libre desenvolvemento. As herdanzas relixiosas e culturais reaccionarias deberán ser abolidas: prendas como o hijab ou prácticas como a ablación feminina non só atentan contra as mulleres senón contra toda a humanidade. Contra o escurantismo, a luz da ciencia e do progreso.
- Practicamos a solidariedade internacionalista e de clase. Alá onde estea unha compañeira explotada polo traballo asalariado e o imperialismo, onde haxa unha muller asasinada ou recluída no fogar baixo a tutela do home de turno, onde haxa unha muller vítima de violencia sexual, onde unha nena non poida acceder a educación, onde haxa unha muller anciá sen sustento, onde haxa unha muller vilipendiada por amar a outra muller, onde haxa unha muller migrante que caia nas redes da trata,… En todo punto do mundo onde unha muller humillada non saiba como saír do seu cárcere particular, aí estará a nosa irmandade, Unha irmmandade que ten na bandeira vermella o mapa cara ao progreso social e a nosa autoemancipación ao lado dos nosos camaradas.
- Pulamos por converter as nosas cidades e vilas, barrios e centros de traballo e estudo en espazos libres de todo tipo de violencia e coacción. Conquistarmos o espazo social e facelo noso. Os espazos de homes e mulleres son unha falsa dicotomía que cómpre superar. E nesta liña, isto só é posíbel coa persecución de toda perpetración de violencia contra nós.
As mulleres traballadoras non nos felicitamos nesta efeméride, senón que estamos organizadas e activas os restantes días do ano para superar este sistema capitalista e patriarcal que nos oprime.
Camarada, este 8 de marzo conciénciate, e mañá organízate no Partido Comunista para conquistarmos xuntas a liberdade nun mundo sen clases!
Pola abolición do traballo produtivo e reprodutivo: ORGANIZACIÓN E LOITA DE CLASES!