Inicio / Muller / 31 de marzo, 150 anos do nacemento de Alexandra Kollontai

31 de marzo, 150 anos do nacemento de Alexandra Kollontai

Este día 31 cúmprense 150 anos do nacemento da indispensable teórica marxista soviética Alexandra Kollontai. Tras a Revolución de Inverno de 1905, Kollontai organiza asembleas obreiras de mulleres e tamén escribe artigos falando de marxismo, o que lle fixo que se vise obrigada ao exilio por Europa e coñecer a realidade doutros países. Xa de volta en Rusia, afíliase ao Partido Comunista e xunto cos seus camaradas, empezan a artellar a Revolución de 1917. Tras o éxito desta, convértese en membro do comité central do PCUS e é escollida Comisaria do Pobo de Benestar Social. No ano 1918, Kollontai foi unha das organizadoras do Primeiro Congreso Panruso de Mulleres, que sería o xerme do Xenotdel, o departamento de muller do PCUS. Kollontai é autora de numerosos textos e libros sobre marxismo, incidindo sobre todo na cuestión feminina. Nestes, entre outros temas, posiciónase en contra da prostitución, fala dos dereitos reprodutivos que deben de ter as mulleres e da súa emancipación sexual, sempre dende unha óptica comunista. Kollontai tiña claro que a liberación feminina só sería viable mediante unha revolución proletaria que derrocase ao capitalismo en prol dun sistema socialista. Facía fincapé en que a opresión machista que as mulleres obreiras sofren ten a súa orixe na existencia da propiedade privada e na acumulación orixinaria. A súa posición estivo sempre en contra do feminismo burgués por non compartir intereses coas mulleres obreiras. Deixouno claro así nun texto elaborado con motivo do 8 de marzo, día da muller traballadora no que dicía «Cal é o obxectivo das feministas burguesas? Conseguir as mesmas vantaxes, o mesmo poder, os mesmos dereitos na sociedade capitalista que posúen agora os seus maridos, pais e irmáns. Cal é o obxectivo das obreiras socialistas? Abolir todo tipo de privilexios que deriven do nacemento ou da riqueza. Á muller obreira élle indiferente se o seu patrón é home ou muller.»


Así, debemos seguir co exemplo de Kollontai e de todas as mulleres comunistas e organizarnos nas filas do Partido que nos guíe, nos forme e nos organice de cara á revolución socialista, porque esta é a única forma de nos librar das poutas do patriarcado e do capitalismo. Dende o Partido débese rexeitar a ideoloxía burguesa que penetra dentro dos movementos feministas mediante o enfrontamento cun discurso de clase. Fomentar a formación dos cadros femininos e masculinos na cuestión feminina, cuestión de vital importancia posto que a metade da clase traballadora é de sexo feminino.

Posicionarnos en contra do xénero, que é unha ferramenta máis que emprega o capital para atarnos ao traballo reprodutivo e da mercantilización do noso corpo, cuxos máximos expoñentes son a prostitución e os ventres de aluguer.

POLA SOCIALIZACIÓN DO TRABALLO PRODUTIVO E REPRODUTIVO: MULLER,
ORGANÍZATE E LOITA.