Fai exactamente 40 anos celebrouse a primeira Asemblea Xeral de Mulleres de Latinoamérica e o Caribe, onde se decidiu que esta data fose o Día contra a Violencia Machista en lembranza do asasinato das irmás Mirabal, militantes dominicanas do Movemento Revolucionario 14J, frente politico-militar, obreiro e popular de oposición a Trujillo de forte inspiración comunista. Foron perseguidas, detidas e torturadas en varias ocasións até que finalmente foron asasinadas pola dictadura un 25 de novembro de 1960.
O movemento de liberación da muller e de superación do patriarcado sempre ocupou un rol central e decisivo no momento obreiro e no marxismo, sendo os países socialistas os estados onde se acadaron maiores cotas de igualdade tanto a nivel económico e material como a nivel democrático, político e civil. A súa participación foi fulcral nas tomas do poder contra o Capital e na derrota do fascismo.
En Galiza non foi diferente, tendo as mulleres un papel central no desenvolvemento do movemento obreiro, sexa a nivel colectivo co asociacionismo e sindicación, moi maioritariamente femenino nas cigarreiras e conserveiras galegas, como con nomes propios que percorren un fío vermello dende Urania Mella, Secretaría da Unión de Mulleres Antifeixistas, militante do Socorro Vermello Internacional e participe fundamental das tarefas de alfabetización, sobre todo ás mulleres, nos barrios obreiros de Vigo, até a nosa, recentemente falecida camarada Carmiña Graña, figura capital na construción do comunismo de raigame galega e do sindicalismo nacional e de clase. Tamén as galegas foron pioneiras nos dereitos democráticos e políticos das mulleres, sendo popular a reinvidicacion do matrimonio homosexual nas figuras de Marcela e Elisa.
A violencia contra as mulleres nace coa división sexual do traballo e con ela será enterrada.
Pola abolición do Capitalismo e do Patriarcado!
Pola socialización do traballo productivo e reprodutivos!