SALVADOR ALLENDE

En 1908 nacía o porteño Salvador Allende, médico, político e presidente de Chile entre 1970 e 1973. Allende non só é relevante como figura política, participando na fundación do Partido Socialista no cal militaría toda a súa vida, tamén foi peza fundamental para a creación da Unidade Popular unificando toda a esquerda e forzas de centro baixo unha fronte común que asentaría unha nova forma de facer política en América Latina.

Por primeira vez na historia do mundo occidental un candidato marxista chegaba á presidencia da República a través das urnas e iniciou a andaina para a Vía Chilena ao Socialismo. Este camiño non comezou de xeito sinxelo mais tivo diferentes logros para a clase obreira como a nacionalización da Gran minaría, e con ela toda a extracción de cobre do país ou políticas de redistribución dos ingresos reactivando a economía e producindo unha mellora das condicións materiais do pobo. A economía foi un eido central do desenvolvemento do país con reformas como a industrial erixida por unhas condicións paupérrimas dos traballadores ou a tentativa de expropiar os latifundios para a mellora das condicións rurais.

Xa entrando en 1972 acelerouse unha fonda crise económica que produciu un aumento da inflación e un descenso dos niveis de produción. Todo iso unido a folgas por parte dos grandes e medianos empresarios foron o caldo de cultivo para a desestabilización do goberno. Isto traduciuse nunha sublevación militar que impuxo a Augusto Pinochet como ditador durante os seguintes dezasete anos co apoio do goberno de Nixon dende os Estados Unidos.

A día de hoxe as rúas de Chile seguen a aclamar a Allende como o persoeiro que foi. Berce da loita política e social chilena e fundador dun dos fitos principais do marxismo ao longo do mundo. A súa figura é herdanza e esperanza para poder mudar e seguir na loita porque “a historia é nosa e fana os pobos”.