Caeu Siria e, derrotado o Ba’ath árabe, florece agora un fundamentalismo xihadista de aparencia pragmática e amigable, da man da marca branca de Al-Qaeda na rexión, Hayat Tahrir al-Sham.
Bashar al-Assad e a súa familia refúxianse en Moscova, sabedores de que o proxecto do imperialismo é necrófago e necrófilo e non respecta aos mártires. Quedou ben aprendida a lección tralo asasinato salvaxe do Coronel Gadafi. A decisión de vivir é respectable e, sen dúbida, seguir vivo se aínda se ten algo que dicir é responsable.
Á consternación ante o feito de que un país que resistiu heroicamente durante máis de trece anos sexa sometido en apenas once días, séguelle a busca dunha explicación política máis que necesaria. O imperialismo, consciente disto e coñecedor da famosa máxima “divide e vencerás”, buscará xeitos de inocular nas nosas lóxicas analíticas toda clase de discursos velenosos: o pesimismo derrotista, a busca de responsables entre os que, hai nada, eran vistos como aliados, a claudicación e a renuncia á defensa do que até agora viñamos defendendo…
Os perigos existentes para nós, antiimperialistas de Occidente:
- Desencanto co proxecto multipolar e nihilismo na visión xeopolítica. Pensar que non hai alternativa ao proxecto unipolar do imperialismo estadounidense e dos seus aliados da OTAN.
- Adopción de esquerdismos estériles e substitución do programa e do horizonte estratéxico por filias e fobias azuzadas pola derrota, redundando en fraccionalismos que só resultan útiles ao inimigo e dos que xa coñecemos o resultado pola amarga experiencia da mal chamada Guerra Fría.
- Claudicación e adopción do discurso reformista. Pecharse en banda coa defensa das institucións falsamente democráticas da democracia burguesa porque “máis vale malo coñecido que bo por coñecer”.
Cal é a nosa postura:
- Prudencia revolucionaria. Análise sosegada dos feitos concretos e establecemento de conclusións a partir de realidades contrastadas.
- Unidade antiimperialista, tanto no nacional como no internacional. Aprender as leccións que sexa necesario aprender sen permitir que o ruído da guerra mediática condicione as nosas conclusións contra os nosos propios intereses.
- Defensa inquebrantable e consecuente do proxecto de emancipación dos pobos e da clase, que tivo na Siria do Renacemento árabe un dos seus maiores expoñentes e ten en Palestina e no Líbano bastións que son xa símbolo e inspiración inmortal.