Xeralmente, impóñennos a idea de que o estudo, o pensamento, a filosofía e a política están fóra do alcance do obreiro común, coma se fosen un terreo cheo de dificultades e un proceso de elevación, e non de abstracción, accesible só para quen posúe coñecementos especiais. Nada máis lonxe da realidade, se nos limitamos a consultar os panfletos, ensaios, discursos e relatos burgueses. “A escravitude é filla das tebras; un pobo ignorante é un instrumento cego da súa propia destrución“, dicía o libertador Simón Bolívar, denunciando as claves das formas de dominación imperial do seu tempo, que seguen a ser claves da dominación burguesa actual.
A burguesía venezolana, vendepatrias e títere do imperialismo ianqui, tentou vender a figura de Simón Bolívar cunha distorsión idealista, incomprensible para as masas e inutilizada politicamente. Só a oligarquía era quen de interpretar certas citas bolivarianas, extraídas do seu contexto e postas ao servizo da dominación.
Eis que chegou o Comandante Chávez. Simón Bolívar foi o precursor do antiimperialismo, grazas á súa audacia e ao seu aviso libertario sobre os perigos que xurdían do norte coa aparición dunha potencia agresiva chamada Estados Unidos de América. O imperialismo, como fase monopolista do capitalismo, aínda non existía en tempos de Bolívar, pero a acción e o pensamento do libertario inspiran os pobos antiimperialistas da rexión, que comprenderon que a contradición principal, a contradición Capital – Traballo, adopta a forma de Soberanía Nacional – Imperialismo nas terras de Latinoamérica, tal e como o comprendemos na nosa terra.
No legado do Comandante Hugo Chávez afírmase a continuidade das bandeiras de loita de todo o movimento bolivariano: a necesidade de revelar a causa principal da opresión e da miseria, a importancia do traballo colectivo na construción da Patria e a loita pola destrucción do Estado burgués, non pola súa reforma:
“É necesaria a transformación da base económica do país para facela esencial e substancialmente democrá-tica, porque a base económica dun país capitalista non é democrática, é excluínte; velaí a xeración de riqueza e de grandes riquezas para unha minoría, unha élite, a gran burguesía, os grandes monopolios; e velaí tamén a xeración da pobreza e da miseria para as grandes maiorías.”
Chávez, 20 de outubro de 2012.
Chávez empeñouse en que o pobo venezolano se recoñecese como suxeito intelixente, capaz, que pensa, loita e transforma. Para iso valerase do acumulado histórico do movemento revolucionario e do pensamento patriótico libertario venezolano, o pensamento de Simón Bolivar, Simón Rodríguez e Ezequiel Zamora. Mais tamén empregou a formación marxista dos seus cadros, entendendo o marxismo como a teoría máis avanzada na intepretación científica da historia, da realidade concreta dos pobos.
Chávez foi consciente das alianzas que debía tecer co firme obxectivo de acadar o poder político. “Agás o poder, todo é ilusión”, que dicía Lenin. Rexeitou algunhas teses burguesas que circulaban ao seu redor, como a negación da clase obreira.
Pola contra, Chávez chamou sempre á clase obreira venezolana a cumprir cabalmente o seu papel de vangarda no proceso de liberación nacional: “O socialismo é o proxecto específico da clase obreira… e a clase obreira debe expandirse a toda a nación”.
Era coñecedor do economicismo, do sectarismo e da corrupción de clase que os monopolios imperialistas e os seus axentes no COPEI difundían (e seguen a difundir) no seo da clase obreira venezolana.
“A conciencia proletaria, a ideoloxía proletaria temos que relanzala e relanzala. (…) Hai que elevar o nivel de batalla da clase obreira, hai que elevar o nivel dos obxetivos da clase obreira. O gran obxetivo da clase obreira ten que ser facer a Revolución Bolivariana e construir o Socialismo Bolivariano, o socialismo venezolano xunto o pobo; elevemos a mirada, elevemos o espírito, elevemos o corazón da clase obreira… Eu fágome permanentes revisións, a conciencia, porque un moitas veces pudiera ter, sen darse de conta, no subconsciente, ideoloxía pequenoburguesa, sendo un obreiro, un traballador, sendo un home, unha muller do pobo… A Revolución Bolivariana dende ese punto de vista, así o digo, debe proletarizarse; a ideoloxía do proletariado debe regresar para todos os nosos espazos; a ideoloxía transformadora, verdadeiramente revolucionaria e superar correntes pequenoburguesas… que terminan sendo sempre contrarrevolucionarias.”
Chávez, 30 de abril de 2008.
Chavez entendía que o papel da clase obreira non era limitarse a demandas reformistas e vitorias nas súas condicións de miseria, senón que a toma do poder político para cambiar o modelo de sociedade, as relacións de produción e a emancipación da Nación. Apoiar a industria-lización dunha terra atrasada, forxar alianzas con sectores patrióticos da Venezuela: os militares, o campesiñado, os intelectuais, os escasos burgueses nacionais e crear bases de goberno para construir o Socialismo.
A ideoloxía proletaria, de carácter superior por estar baseada na disciplina do traballo e nunha moral patriótica e internacionalista, debía influír en toda a sociedade. Era necesario desposuírse de todo vestixio burgués e pequenoburgués, inevitablemente impregnado de influencia imperialista.
Entrementres, na Venezuela de Chávez e Maduro construíronse máis de cinco millóns de vivendas para axudicar aos máis desfavorecidos e desfavorecidas. En colaboración cos médicos cubanos levouse a sanidade aos lugares máis recónditos dos barrios e das aldeas; loitouse contra o analfabetismo, construiuse dúcias de universidades, aumentouse en milleiros o número de universitarios e universitarias, e levantouse o salario base ata o máis alto do haber na Latinoamérica.
O legado do Comandante é o legado dos libertadores e libertadoras dunha Venezuela heroica.
Nota biográfica
Chávez nace no seo dunha familia pobre de Barinas, terra agraria no sur do país. Sempre se referiu a si mesmo como un campesiño. Fai carrera como oficial do exército venezolano, pero xa dende mozo mostra consciencia sobre a podremia do sistema da IV República. Xa dende finais dos anos 70 mantén contactos con sectores da esquerda venezolana e con compañeiros co pulso de conformar un movemento revolucionario dende o exército. En 1982 crea cun grupo de oficiais o Movemento Bolivariano Revolucionario 200 (MBR -200).
A ditadura petroleira imposta polo imperialismo norteamericano en Venezuela de 1908 a 1939 freou o xurdimento de forzas marxistas, a diferencia do que ocorrera noutros países latinocaribeños. A ditadura castigaba con 20 anos a militancia comunista e censuraba moi eficazmente a propaganda marxista. Así explícase unha sorte de debilidade do movemento comunista nos tempos do MBR-200, que empurrou a esta xuventude militar a buscaren o impulso moral nas ideas antiimperialistas e patrióticas dos pensadores venezolanos do pasado e tomar o movemento bolivariano como arma ideolóxica da revolución. É no propio proceso revolucionario no que as contradicións enfrontadas no seu devir e nas súas alianzas, que Chávez irá chegando a conclusión de que a saída aos problemas da América Latina só podían chegar da man do Socialismo.
Venezuela era un dos países máis ricos do mundo, a vez que un dos países con máis pobreza e desigualdade do continente.
Nun país cun 67% da poboación na pobreza, cun tercio do país na miseria máis absoluta, a crise chegada nos anos oitenta coa caída en picado do prezo do petróleo á cobiza dos intereses norteamericanos, trae axustes de austoridade do goberno asesorado polo FMI. O estalo era inevitable. E ese estalo foi o coñecido como “Caracazo”. Sen ningunha organización nin dirección revolucionaria que o encauzara, este acaba nun feixe de saqueos. A resposta do goberno foi criminal: man-dou o exército as rúas para afogar en sangue ao seu propio pobo.
A diferencia doutros países, o exército venezolano nutríase principalmente da clase obreira e campesiña. Os fillos da pequenaburguesía, xa non digamos a xuventude burguesa, preferían os praceres dos viaxes da exportación petroleira que a carreira militar. Eis o xérmolo da revolución. O Comandante liderou aos sectores populares do exército que se negaron a ser mercenarios contra o seu propio pobo, os seus veciños e veciñas aos que vían sufrir e morrer de fame. Desta subversión nace a revolución bolivariana.