En números anteriores de Faísca, saudamos á constitución da Confederación da Alianza dos Estados do Sahel, o 6 de xullo do pasado ano. A partires deste 29 de xaneiro, formalizouse a saída dos países constituíntes da Alianza da Comunidade Económica dos Estados de África Ocidental. Xunto a entrada en vigor do novo pasaporte da Confederación que permitirá a libre circulación entre os cidadáns da mesma, despregarase unha forza militar conxunta para combater o terrorismo. Lembremos que nesta rexión teñen lugar a metade dos atentados terroristas a nivel itnernacional, co protagonismo salientábel do Estado Islámico e Al Qaeda. Seguindo a Kwame Nkrumah, na actualidade todo o continnente africano constituiría unha zona baixo dominio do inimigo. Pola súa banda, poderíamos ollar cara a AES como unha desas zonas en loita, non exenta de contradiccións na cal se estaría dando unha batalla contra o imperialismo neocolonial pola revolución panafricana e socialista e no caso de saír vitorioso o proceso, poderiamos falar novamente, da existencia dunha zona liberada en África, através da cal, dar a batalla pola liberación nacional, social e económica e espallala arredor do continente no seu conxunto.
Seguiremos atentos a este proceso nos vindeiros meses. Cómpre non esquecer que en novembro Senegal e Chad anunciaron un proceso de expulsión do exército francés dos respectivos territorios nacionais. O 31 de decembro, Costa de Marfil, seguíu nesta liña. A finais deste mes de xaneiro, o ministro de asuntos exteriores de Togo, insinuou a posíbel entrada do país na Alianza dos Estados do Sahel. De materializarse, significaría que a CAEH tería saída directa ao mar con todo o que isto suporía. A día de hoxe, non está nada confirmado. Alén das narrativas e discursos, é indiscutíbel que moitos gobernos da rexión, aproveitan esta xanela de oportunidade de desconexión militar con Francia e o seu franco CFN, e ás veces igual non tanto por convicción coma por medo ao pobo. Os eventos da revolución panafricana zoan, e as elites dosestados poscoloniais que patrimonializaron estes na fase do neocolonialismo: empezarán ter medo? O 20 de xaneiro de hai 52 anos, é asasinado o pai da independencia de Guinea Bissau, precursor da fin do colonialismo portugués, militante e teórico de referencia para a emancipación da África: Amílcar Cabral. Un dos imprescindíbeis para a loita dos pobos. Sigamos o seu exemplo!
Internacional – Faísca Xaneiro 2025