A OTAN é o grupo terrorista do imperialismo

Asistimos nos últimos días a un alarmante incremento das tensións na fronteira entre Rusia e Ucraína. Os Estados Unidos e os seus monicreques aumentan a presenza militar na zona ao tempo que distraen a atención da cidadanía cunha xigantesca campaña mediática destinada a fomentar o medo a Rusia. Aliméntanse temores infundados repetindo unha e outra vez que Rusia pretende invadir Ucraína para xustificar a presenza militar da OTAN na rexión.

A opinión de todos os analistas independentes coincide en que o risco de ataque por parte de Rusia é nulo, pero isto non impide que no Estado Español algúns autoproclamados “progresistas” se atrevan a xustificar tacitamente as actuacións da OTAN argumentando que Putin é tan reaccionario e imperialista coma Biden, equidistancia que resulta moi cómoda para aqueles aos que non lles interesa tomar partido activamente en defensa dos intereses das clases populares.

A OTAN foi fundada en 1949 cunha única intención: consolidar o sometemento das potencias occidentais á vontade dos EEUU na súa campaña de agresión aos Estados Socialistas do leste. Ao longo dos seus anos de existencia, e especialmente nos anos posteriores á caída da URSS en 1991, esta organización ten perpetrado os masacres máis aterradores. Exemplo dos actos criminais e terroristas da OTAN son os bombardeos sobre a poboación civil en Iugoslavia nos anos 1995 e 1999. En 2003, baixo o pretexto de que Irak estaba en posesión dunhas armas de destrución masiva que nunca foron atopadas por ningures, o país foi invadido e a súa poboación aniquilada, convertindo Irak nunha presa fácil para grupos fundamentalistas coma Al Qaeda primeiro ou o Estado Islámico despois. Esta receita para a “paz” foi repetida na última década en países como Libia ou Siria, sempre co mesmo resultado: destrución sen límites e masacres masivos de poboación civil.

Cómpre lembrar que, no presente, Rusia é o principal exportador de gas a boa parte de Europa. Unha guerra conlevaría inevitablemente un aumento nos prezos, repercutindo indubidablemente no custo da luz no conxunto da Unión Europea. Sabendo isto, debemos preguntarnos: quen sairán gañando e quen perdendo coa guerra en Europa?

A guerra entre pobos sempre beneficiou unicamente ás elites, que sempre atopan formas de obter beneficio económico do sufrimento da clase obreira.

Neste caso, as elites estadounidenses atópanse cómodas e moi tranquilas grazas aos compromisos asumidos polo Estado Español que envía as súas tropas e embarcacións militares á primeira liña de combate. En caso de guerra, a morte e a destrución asolarían Europa mentres os Estados Unidos e as elites dominantes descansan comodamente a milleiros de kilómetros das zonas en conflicto.

Por todo isto, só cabe unha postura: Non á guerra en Ucraína! Non ao terrorismo da OTAN!Nin guerra entre pobos, nin paz entre clases!