En 1871, o pobo de París desafiou non só ao Imperio francés, senón a tódolos estados do Mundo, proclamando a Comuna.
Tan importante foi ese desafío, que Marx e Engels tiveron que facer emendas no Manifesto Comunista. Estas correccións, Lenin soubo comprendelas e aplicalas á liña do seu Partido. E que sinalaban? Que o Estado non pode cambiar de mans, senón que debe ser demolido por completo e substituido por algo novo. Marx, Engels e Lenin opinaban que ese “algo novo” era a ditadura do proletariado e que a Comuna de París fora o primeiro exemplo práctico deste modelo. Así o entendemos nós tamén. Non o entenden así determinadas correntes do anarquismo e outras tendencias discrepantes co modelo leninista, chámense ou non marxistas.
Falaremos nós das leccións da Comuna en términos militares xa que, xusto agora, o discurso das elites carga as tintas na necesidade dun aumento do gasto militar.
PRIMEIRA LECCIÓN: O soldado pode ser fillo ou irmán do proletariado, da clase obreira, pero non o é o exército. A máquina militar actúa, en última instancia, como arma represiva cando o pobo busca tomar o control. Así sucedeu na Comuna de París.
Existen exemplos históricos de solidariedade, por parte dos soldados, co pobo oprimido. No caso da Comuna, algúns soldados erguéronse en armas contra o resto do exército francés. No caso ruso, os soldados constituían, en boa medida, o pobo oprimido en cuestión, sacado á forza da súa casa e enviado ás trincheiras da Primeira Guerra Mundial. Isto era posible na era do servizo militar obrigatorio, pero resulta case ridículo imaxinar calquera tipo de solidariedade hoxe, atendendo ao carácter voluntario e á natureza ideolóxica do servizo militar, que recolle as formas máis evidentes e universalemente recoñecidas de adoutrinamento.
SEGUNDA LECCIÓN: O exército, que actúa como ferramenta da burguesía para as tarefas de represión no interior e coacción no exterior, está atravesado polas lóxicas da loita de clases e, precisamente por iso, a súa esencia é irreconciliable cos nosos intereses. Disto non se deduce que o proletariado non poda nunca, baixo ningunha circunstancia, empuñar as armas. Moi pola contra, o que debemos deducir é que existe, no momento da toma do poder por parte do proletariado, unha oposición dialéctica entre violencia represiva burguesa e violencia emancipadora proletaria. Se a violencia burguesa para a represión toma a forma do exército burgués, a violencia revolucionaria do proletariado toma a forma de pobo en armas. Así o comprendeu a comuna.
Si que é certo que, históricamente, a resolución desa contradicción ten tomado a forma de exercito: o exercito vermello é a síntese entre o carácter revolucionario e de clase do proletariado en armas e a eficacia militar derivada do exercicio da razón e da ciencia, monopolio ate entón da burguesía e das elites reaccionarias.
Malia todo, deducir do dito que o exército, na súa forma actual, como grupo de sicarios do capital, pode servir aos intereses da nosa clase dalgún xeito, só pode ser un erro inxenuo ou unha mentira malvada.
TERCEIRA LECCIÓN: O exército, baixo o capitalismo, perpetúa o espolio de clase e actúa como ferramenta ideolóxica en tanto que propicia a aceptación e a defensa da burguesía nacional fronte á burguesía estranxeira. Dito de xeito máis sinxelo: no exterior axuda á burguesía a saquear países estranxeiros, a competir polo control dos mercados e a erradicar posibles modelos alternativos ao seu sistema; na casa reprime calquera intento de cambio, como demostra o sucedido coa Comuna de París ou os golpes de Estado dos que son fillos Franco e Pinochet.
Baixo ameaza de que nos mate un exército estranxeiro, aceptamos ao dos nosos burgueses e mesmo rematamos por defendelo cando viaxa ao exterior para matar a outras xentes distintas a nós pero coas que compartimos o desexo de non ser despedazados por bombas que choven dalgún avión.
Á hora da verdade, quen pode matarnos con maior probabilidade é o exercito local. Véxase a Comuna.
Pero, cal é a fórmula proletaria para garantir a seguridade fronte ao potencial inimigo exterior do nacente Estado obreiro? De novo o pobo en armas, de novo a socialización e a democratización do feito militar, de novo a ruptura do monopolio da violencia. Rexeitamos o pacifismo infantil, desleixado da clase; rexeitamos o militarismo acritico dos borregos, traidor á clase; rexeitamos a incompetencia caótica e falsamente radical do esquerdismo impotente.
É por todo isto que o discurso antibelicista do PCRG nunca será equiparable ao oportunismo inxenuo da esquerda doméstica do parlamento burgués.
Dicimos non sen complexos. Non á OTAN. Non á UE. Non ao reino de España (vergoña anacrónica, cadea burguesa, cárcel de pobos). Non a pagar os rifles cos que apuntan cara nós. Non ao pacifismo ridículamente inalcanzable do reformismo.
Si ao Novo Poder. Si ao Estado obreiro. Si á democracia na súa forma máis radical e completa. Si ao socialismo.
Nós, comunistas, abrazamos o exemplo da Comuna e, como Lenin -o máis exitoso dos seus aprendices- comprometémonos a vencer sen renunciar aos nosos principios.
Lenin seguiu a estela da Comuna e triunfou. Nós tamén triunfaremos.