O estado e a revolución

Cúmprense hoxe 152 anos do nacemento de Lenin, máximo organizador da primeira revolución proletaria triunfante e unha das mentes máis lúcidas da historia da humanidade.
En 1917 Lenin escribe O Estado e a revolución, obra cuxa necesidade víñase sinalando dende tempo atrás pero que, co inminente asalto ao poder dos traballadores rusos, resultaba xa indispensable. Lenin amosa unha vez máis a súa mestría acompasando teoría e práctica: a máis importante reflexión do seu tempo sobre a natureza do Estado nace case ao mesmo tempo que o primeiro Estado obreiro plenamente constituído, superando así o logro, ata entón insuperable, da Comuna de París.
De todas as verdades expostas por Lenin nesta obra, hai unha que destaca sobre as demais e actúa como fío condutor: o Estado é a ferramenta de opresión dunha clase sobre outra; o estado burgués é a ferramenta dunha minoría para perpetuar a súa ditadura –máis ou menos explícita– sobre a maioría do xénero humano.
Lenin subliña, reiteradamente, que o Estado burgués non se extingue, como predican os oportunistas, senón que debe ser destruído pola revolución proletaria. Só co nacemento do novo Poder, do Estado obreiro, comeza o proceso de extinción do Estado que conduce ao comunismo.
A doutrina de Marx e Engels no que respecta ao Estado é a doutrina da ditadura do proletariado, negada e esquecida polos inimigos do marxismo unha e outra vez. A ditadura do proletariado é a primeira, na historia, que ofrece unha auténtica democracia para o pobo, que expresa os intereses da inmensa maioría, posto que ten por obxectivo destruír as clases, construír a sociedade comunista.
A claudicación e o oportunismo no seo do movemento obreiro teñen abrazado co maior dos entusiasmos a negación da teoría marxista do Estado, á que acusan de «autoritaria». Mentres que a vía anarquista á esterilidade política é o rexeitamento infantil do Poder, negándose a construír ferramentas que permitan á clase obreira conquistalo e exercelo, a vía socialdemócrata supón a defensa máis feroz do Estado burgués, rexeitando calquera medida que precipite a súa destrución e confiando na posibilidade, negada unha e outra vez polos feitos, de que exista un capitalismo con rostro humano.
O primeiro deber do comunismo é, en definitiva, a destrución do Estado burgués. O Estado burgués español, construído sobre a base da opresión nacional, eríxese sobre unha contradición que ameaza a súa propia existencia. Detonala é o noso deber fundamental se queremos ver á nosa clase liberada.
Calquera evasiva con respecto a esta verdade fundamental non é máis que o rexeitamento socialdemócrata do horizonte revolucionario marxista. Así fala Lenin para Galicia, 152 anos despois do seu nacemento.