O 21 de Febreiro de 1848 ve a luz a primeira edición do Manifesto do Partido Comunista. Hoxe, 174 anos despois, as palabras de Karl Marx e Friedrich Engels conservan a súa vixencia e revalidan a súa relevancia histórica.
O Manifesto comunista non foi redactado coa pretensión de ser unha obra teórica. Pola contra, a súa escrita responde a unha concepción panfletaria, trátase dun texto programático, da plasmación do horizonte estratéxico máis ambicioso formulado nunca en política.
O Manifesto comunista formula, por vez primeira, propostas concretas e realistas de cara á emancipación do conxunto da humanidade, baseadas nunha análise cabal e rigorosa da realidade material. Marx e Engels recollen o legado dos revolucionarios franceses e comprenden, como Babeuf, que a liberdade, a igualdade e a fraternidade non se poden alcanzar realmente sen a superación da propiedade privada. É neste momento cando se formula unha idea de comunismo plenamente acabada e coherente tanto na dimensión teórica como na práctica: o comunismo non é unha mera negación do sistema, é a súa superación.
O Manifesto comunista é o antídoto definitivo contra as quimeras que ata entón buscaban respostasna mística e no moralismo. O comunismo deixa de ser, dende entón, unha negación nostálxica do presente: abandónase a gabanza das virtudes da pobreza para abrazar plenamente a lei do progreso como única garantía de redención da humanidade.
Pero, cal é a verdade crucial que expoñen Marx e Engels en 1948?
Que ningunha realidade é eterna, que a Historia está inmersa nun cambio permanente, que o progreso existe e non é posible negalo, e que se a Historia avanzou ata chegar ao punto no que estamos é precisamente pola loita de clases, o conflito constante entre os intereses dos oprimidos e dos opresores.
A verdade crucial presente no Manifesto é que o comunismo non é so un estado de cousas que aspiramos a alcanzar, senón que é a arma de combate definitiva contra os inimigos da clase obreira, que son os inimigos da humanidade e do seu benestar. Este é o motivo de que as clases dominantes traten por todos os medios, dende hai case dous séculos, de desacreditar o programa revolucionario da nosa clase, unhas veces mediante a difamación e outras predicando a claudicación entre as nosas propias filas.
Nós, pola contra, comprendemos –igual que o comprendeu Lenin– que o marxismo é a dinamita que debemos empregar para detonar o Estado burgués e que o futuro próspero dunha humanidade unida só é posible mediante a superación da opresión que a burguesía exerce sobre os pobos. Esas son as verdades contidas no Manifesto do Partido Comunista, que non perderán vixencia mentres exista a clase obreira.
Contra a apatía, a resignación e o desencanto: organización, disciplina e combate!