Debemos a Marx eses dous grandes descubrimentos: a concepción materialista da historia e a desvelación dos segredos da produción capitalista. Con eles, o socialismo converteuse nunha ciencia; a tarefa agora é desenvolvela en todos os seus detalles e todas as súas conexións.
Anti-Dühring (1878) – Friedrich Engels
I
No momento en que Marx eleva o socialismo á categoría de ciencia, debemos tratalo como tal e darlle o estudo e a seriedade que precisa. A ciencia en xeral e o marxismo en particular non son só a lectura e adquisición de certos coñecementos; son tamén o traballo e estudo tanto a nivel individual como colectivo. É a adquisición dun método de traballo, aprendizaxe e aplicación.
A importancia do estudo e a súa práctica para a militancia é esencial. O militante que non estuda está abocado a dar paus de cego. Expresaba Mao: “Non pode vostede resolver un problema? Pois ben, póñase a investigar a súa situación actual e antecedentes! Cando investigue cabalmente o problema, deixándoo claro, saberá resolvelo. Toda conclusión sácase despois de ter investigado, e non antes. Únicamente un tolo, só o tipo reunido de xente, devanará os sesos para ‘atopar unha solución’ ou ‘elaborar unha idea’ sen facer ningunha investigación. Debe subliñarse que isto non conducirá en absoluto a ningunha solución eficaz, a ningunha idea proveitosa. Noutras palabras, o único que pode facer ese tolo é deducir solucións erróneas, ideas equivocadas.” Á súa vez, outra cara da mesma moeda é que o militante que só estuda e non contextualiza as obras, non coñece a realidade do seu país nin aplica o seu estudo ao coñecemento e transformación da realidade: “Debemos estudar libros marxistas, pero temos que combinar o estudo coas condicións reais do noso país. Necesitamos dos libros, pero temos que superar a tendencia a renderlles culto, que nos leva a divorciarnos da realidade.”
II
Estudamos o marxismo, pero o método de estudo empregado por moitos de nós vai directamente contra o marxismo. Esas xentes violan un principio fundamental encarecido por Marx, Enge.ls, Lenin e Stalin: a unidade da teoría e a práctica.
Reformemos o noso estudo (1941) – Mao Zedong
Chegados a este punto é probable que moitos camaradas se pregunten como abordar o estudo da forma máis sistemática e militante. O marxismo-leninismo en tanto teoría científica require dun método de estudo.
A formación militante a nivel individual:
O militante comunista como vangarda da clase obreira, como o seu elemento máis consciente, ten o deber de actuar e formarse como tal.
a) Elaboración dun plan de formación: Aínda que ao principio poida resultar rudimentario, debemos impoñernos a tarefa de estudar e comprender a nosa teoría, posto que é a nosa guía de acción e estudo.
b) Establecermos uns tempos de traballo: É importante que o criterio sexa realista e se adapte ás nosas circunstancias. É normal que ao principio nos tome máis tempo; porén, non debemos esquecer que, a medida que dispoñamos de máis ferramentas teóricas, seguramente nos tomará menos tempo comprender e avanzar no noso estudo.
c) Disciplina: é imprescindible ser disciplinados co estudo; a galbana e a condescendencia non son atributos do militante comunista.
d) Establecer un método: Debemos asumir que a lectura dunha obra por si soa non é suficiente. Adquirir un coñecemento sólido implica: 1) Contextualizar a obra e a súa relación co momento histórico; 2) Ler e resumir os aspectos importantes da obra; 3) Explicarse a un mesmo e a outra persoa o contido da obra, porque, como dicía Engels, “O que non se sabe expresar, non se sabe”; 4) Establecer un debate empregando as ferramentas aprendidas na obra.
A formación militante a nivel colectivo:
O marxismo-leninismo é a teoría revolucionaria que atopa a súa confirmación na práctica social. O estudo individual é unha parte importante pero resulta estéril sen labor colectiva. Isto tradúcese en tarefas do Partido:
a) Supervisar o traballo formativo da militancia: Se ben é deber da militancia ter iniciativa en formarse, tamén é deber da organización controlar e supervisar a formación da militancia, evitando que queden cadros anquilosados ou retrasados.
b) Establecer unha biblioteca: Un medio para acercar as ferramentas formativas aos cadros militantes.
c) Espazos de debate: É importante poñer o estudo das obras do marxismo para o proceso formativo e revolucionario a debate e discusión. Isto permite cortar tendencias perniciosas a nivel ideolóxico, á vez que reforza a confianza nos militantes e asenta coñecemento por medio do cerebro colectivo.
d) Traballar por lograr revolucionarios profesionais: A profesionalización dos cadros é parte dese salto cualitativo de pasar do traballo artesanal do Partido ao traballo industrial. A vangarda ideolóxica do proletariado preci-sa de firmeza ideolóxica e solidez no estudo.
III
Marx analiza coidadosamente o que escribe e precisa o que aínda lle falta para lograr un dominio máis completo da cuestión. Unha vez creada esta costume no traballo científico, Marx seguea ao longo de toda a súa vida, perfeccionándoa en todos os sentidos.
Como estudaban e investigaban Marx, Engels, Lenin, Stalin e Mao (1977) – M. Glasser & Ismael Ortíz-Venet
Finalmente, imos comentar algúns aspectos dos métodos de estudo dos clásicos do marxismo-leninismo, que poden ser de utilidade para a militancia á hora de abordar o estudo das súas obras. Á súa vez, recoméndase a lectura da obra citada, Como estudaban e investigaban Marx, Engels, Lenin, Stalin e Mao, caracterizada por unha linguaxe sinxela e moi útil para quen se atope desorientado no seu anhelo de iniciarse nesta importante labor de formación.
Marx e Engels:
1. Repasaban os seus escritos e facían crítica deles.
2. Elaboraban escritos para explicarse conceptos a si mesmos. Cando Marx realizou a súa tese doutoral sobre A Diferenza da Filosofía da Natureza entre Demócrito e Epicuro, escribiu nove cadernos sobre Epicuro para comprender metódicamente sobre que ía escribir. Do mesmo xeito, A ideoloxía alemá (1846) foi unha obra que realizou en conxunto con Engels para que ambos se explicasen o corpo filosófico que desenvolveran.
3. A obra de Marx é o resultado dunha investigación metódica e dun estudo pormenorizado. Autores como Eric Hobsbawm ou Faustino Cordón resaltan o valor imperecedoiro da obra de Marx por ser froito da investigación da economía política durante máis de vinte anos.
4. Engels era moi metódico: no momento de abordar algo, estudaba toda a literatura sobre ese tema. Podemos sinalar A situación da clase obreira en Inglaterra, o Anti-Dühring ou A dialéctica da natureza. Era inconcibible abordar unha problemática de maneira superficial ou pouco estudada.
Lenin:
No camarada Lenin podemos sinalar como tiña tempos moi marcados de estudo, nos cales era moi disciplinado e non desperdiciaba tempo noutras cuestións alleas ao campo de estudo. Lenin non se limitaba só á obra que estudaba, senón que sempre estudaba as fontes bibliográficas e referencias desta. Este traballo proporcionáballe unha visión máis extensa do campo de estudo.
Stalin:
É de xustiza sinalar que o camarada Stalin prestaba moita atención á organización dos temas de estudo, á súa disciplina e a que os camaradas non descoidasen as cuestións prácticas da vida social, como o estudo da industria e da súa técnica.
A primeira xeración de bolxeviques, a máis antiga, era teoricamente intelixente. Memorizabamos O Capital, tomabamos notas, discutiamos, probabámonos uns a outros. Era a nosa forza, axudounos moito. A segunda xeración está menos preparada; a xente estaba ocupada co traballo práctico e a construción; o marxismo estudábase a partir de pasquíns. A terceira xeración educábase con folletíns e artigos xornalísticos, non teñen un coñecemento profundo. Débeselles dar alimentos que sexan dixeribles. A maioría deles non se criaron no estudo das obras de Marx e Lenin, senón en citas.
Conversación de I.V, Stalin sobre cuestións de economía política (1950)
FAISCA agosto 2024