DE ONDE PROVEÑEN AS IDEAS CORRECTAS?

Este artigo é un fragmento de “Decisións do Comité Central do Partido Comunista de China sobre algúns problemas no actual traballo rural” (proxecto), que foi elaborado baixo a presidencia do camarada Mao Zedong, quen redactou o fragmento extraído. (1963)


As ideas correctas non caen do ceo nin son innatas. Só poden proceder da práctica social, das tres clases de práctica: a loita pola produción, a loita de clases e os experimentos científicos na sociedade. A existencia social da xente determina os seus pensamentos. Unha vez dominadas polas masas, as ideas correctas características da clase avanzada converteranse nunha forza material para transformar a sociedade e o mundo.

Na práctica social, as persoas enfróntanse con toda clase de loitas e extraen ricas experiencias dos seus éxitos e fracasos. Innumerables fenómenos da realidade obxectiva reflíctense nos cerebros das persoas mediante os órganos dos seus cinco sentidos: a vista, o oído, o olfacto, o gusto e o tacto. Nun principio, o coñecemento é puramente sensitivo. Ao acumularse cuantitativamente este coñecemento sensitivo, prodúcese un salto e convértese en coñecemento racional, en ideas. Este é o proceso do coñecemento. É a primeira etapa do proceso do coñecemento no seu conxunto, a etapa que conduce da materia obxectiva á conciencia subxectiva, da existencia ás ideas.

Nesta etapa aínda non se comprobou se a conciencia e as ideas (incluíndo teorías, políticas, plans e resolucións) reflicten correctamente as leis da realidade obxectiva, aínda non se pode determinar se son xustas. Despois, preséntase a segunda etapa do proceso do coñecemento, a etapa que conduce dende a conciencia á materia, das ideas á existencia, é dicir, aplicar á práctica social o coñecemento obtido na primeira etapa para ver se esas teorías, políticas, plans e resolucións, poden acadar as consecuencias esperadas.

Xeralmente, as que obteñen bos resultados son adecuadas, e as que obteñen malos resultados son erróneas, especialmente na loita da humanidade contra a natureza. Nas loitas sociais, as forzas que representan á clase avanzada ás veces padecen algunha derrota, pero non debido a que as súas ideas sexan incorrectas, senón a que, na correlación de forzas en loita, as forzas avanzadas aínda non son tan poderosas por agora como as reaccionarias e, por conseguinte, fracasan temporalmente, pero acadan os éxitos previstos tarde ou cedo.

Tralas probas da práctica, o coñecemento da xente realiza outro salto, que é aínda máis importante que o anterior. Porque só mediante o segundo salto pode comprobarse o acerto ou erro do primeiro salto do coñecemento, é dicir, das ideas, teorías, políticas, plans e resolucións formadas durante o curso da reflexión da realidade obxectiva. Non hai outro método para comprobar a verdade. A única finalidade do proletariado no seu coñecemento do mundo é transformalo. Moitas veces só se pode lograr un coñecemento correcto despois de moitas reiteracións do proceso que conduce da materia á conciencia e da conciencia á materia, é dicir, da práctica ao coñecemento e do coñecemento á práctica. Esta é a teoría marxista do coñecemento, é a teoría materialista dialéctica do coñecemento.

Moitos dos nosos camaradas aínda non comprenden esta teoría do coñecemento. Cando se lles pregunta de onde extraen as súas ideas, opinións, políticas, métodos, plans, conclusións, elocuentes discursos e longos artigos, consideran a pregunta estraña e non saben replicar.

Atópanlles incomprensibles os frecuentes fenómenos de salto na vida cotiá, nos que a materia pode transformarse en conciencia e a conciencia en materia. Por iso, é preciso educar aos nosos camaradas na teoría materialista dialéctica do coñecemento para orientar correctamente os seus pensamentos, saiban investigar e estudar ben, realicen o balance das súas experiencias, superen as dificultades, cometan menos erros, traballen ben e loiten esforzadamente para converter a China nunha gran potencia socialista e axudar ás grandes masas dos pobos oprimidos e explotados do mundo, cumprindo así os grandes deberes internacionalistas que haberemos de asumir.

Formación – Faísca, xaneiro 2025