Entrevista a Ramón Lareu en Nós Diario

O Partido Comunista da República Galega (PCRG) está a presentar a súa proposta á sociedade nestas semanas. O membro do Comité Central da formación, Ramón Lareu, explica a Nós Diario os eixos centrais da alternativa e as propostas de actuación a curto prazo.

ND–Veñen de comezar unha xeira de presentación da súa organización en diversas localidades galegas, sobre que bases se articula o seu partido e cales son os seus obxectivos?

RL–Trátase dun proxecto partidario comunista, polo tanto, a base do proxecto érguese sobre a certeza da división da sociedade en clases. Este é o combate que vertebra as nosas vidas de xeito consciente ou inconsciente, e os partidos comunistas son o intento dun segmento da clase traballadora de enfrontar este embate de maneira certeira.

O noso obxectivo principal é derrubar as diferenzas que posibilitan a existencia de diferentes partidos comunistas. Noutras palabras, o noso obxectivo principal é destrozar a acción fragmentada da nosa clase, sermos capaces de enfrontar o futuro cru que nos ven enriba mediante unha única ferramenta de clase, ese é o obxecto principal desta aposta. E se nos fixamos en todos os procesos históricos; os nomes, logos ou slogans só encarnan vontades pasaxeiras, e isto vertebra a nosa construción partidaria, a sapiencia que estamos de paso, que o noso partido é o partido comunista que precisamos neste momento e que nunca vai ser suficiente por si só de gañar a loita de clases.

A nosa aposta inmediata pasa pola unidade todos comunistas galegos nun só partido. Un partido de clase, combativo, non dogmático e con moral de vitoria. Que non aspire a competir no mercadeo político,  a xestionar o existente, nin a substituír a outras marcas; que aspire a toma do poder político mediante a revolución proletaria para construír a república socialista galega

ND–Sinalaba nun artigo de prensa que as eleccións galegas significaron a apertura dun novo ciclo político no país, cales son as súas características e en que se diferenza do anterior?

RL–Entendemos que vivimos unha recomposición de réxime, onde a esperanza dunha saída “reformista” á crise material que padece a nosa clase se dilúe, e con ela a expresión político-institucional que a representaba en Galiza.

O mapa electoral do noso país volve á estabilidade previa á crise con tres forzas comprometidas coa disciplina do réxime que fan o reparto de poder simbólico da autonomía. A práctica totalidade da esquerda institucional da Galiza e do conxunto do Estado Imperialista Español está absolutamente coaptada polo réxime. Cómpre estudar a realidade socioeconómica galega, a composición de clases da nosa nación e a súa posición na división internacional do traballo. Cremos que Galiza é unha nación, que, inda que na periferia do mesmo, forma parte do centro imperialista mundial, que é unha sociedade capitalista, urbana e que non ten pendente ningunha revolución burguesa nin democrática.

A nosa tarefa é aglutinar aos elementos mais avanzados, lúcidos, conscientes e combativos do proletariado, arredor do cerebro colectivo que nós chamamos partido comunista para avanzar na destrución do Estado burgués que nos oprime mediante a independencia nacional e a revolución socialista.

ND–Estamos nun momento marcado na esfera internacional por un conflito armado entre Rusia e Ucraína, que análise fan sobre o mesmo?

RL–Primeiro de todo cremos que debemos rexeitar terminoloxía importada da historiografía bélica burguesa, como “xeopolítica” ou “realpolitik”, que suxiren unha sorte de volatilidade e subxectividade nas posición ao respecto dos conflitos internacionais. Os conflitos bélicos internacionais responden á forma que adopta a contradición capital traballo na división internacional deste último. O imperialismo mundial está formado polo bloque occidental de Estados Unidos e Unión Europea e máis polo seu grupo terrorista, a OTAN, o sionismo mundial materializado no Estado criminal de Israel e os seus estados sátrapas satélites coma Arabia Saudita e Marrocos.

O bloque imperialista ante á crise do capitalismo e a súa necesidade de acumulación e expansión busca a desestabilización do eixo de resistencia formado por Siria, Palestina, Haezbollah e o Irán, o bloque antiimperialista latinoamericano capitaneado pola heroica Cuba e o mundo multipolar implantado pola fortaleza política, militar e económica de Rusia e de China, apoio económico, diplomático e militar dos anteriores. O conflito en Ucraína comezou co golpe de Estado  fascista financiado e patrocinado polo imperialismo para implantar un goberno agresivo e hostil a Rusia nas súa fronteira. O réxime xenocida e criminal ucraíno leva, desde entón, oito anos perpetrando unha política abertamente fascista, coa incorporación ao Estado e aos seus corpos represivos de todos os grupos nazis e ultrareaccionarios do país, practicando persecución política e  física ao movemento obreiro, limpeza étnica e rusofobia.

A posición do noso partido é clara: apoiamos a autodeterminación das repúblicas populares do Donbass, a condición nacional rusa de Crimea, a desnazificacióin total e efectiva de Ucraína e a disolución do organismo criminal chamado OTAN. O desnorte e claudicación da inmensísima maioría da esquerda europea non se debe a ningún tipo de ¨subxectivismo xeopolítico¨, débese a que a súa condición eminentemente pequeno burguesa lévaos a estar comprometidos e disciplinados cos seus estados burgueses imperialistas. Nós estamos coa posición dos comunistas rusos e ucraínos e coa resistencia antiimperialista mundial.

ND–Volvendo a Galiza, como analizan o actual momento económico e social e que alternativas formulan ao respecto?

RL–O momento é de crise, é moi evidente que desde 2008, a acumulación de capital no noso país non tivo ningún momento de saúde, non houbo ningún momento de “reconstrución” desa crise, senón que houbo unha longa depresión que entronca con outra crise (que non é a do covid-19). Vivimos tempos de crise, tempos nos que o capital esta imposibilitado a reproducirse, polo tanto, de ofrecer a reprodución da forza de traballo, é dicir, vivimos a imposibilidade agravada do capital de asalariar a clase traballadora.

E isto conduce a un escenario de empobrecemento crecente da nosa clase, coa conseguinte agudización da loita de clases. Conscientes disto e xunto coa resposta a anterior pregunta, a nosa clase pode producir dúas respostas ante este recrudecemento do seu futuro. Por un lado, asustarse ante un futuro incerto e prestarse a un programa interclasista, onde o malo é un foráneo do este. Polo outro lado, culpar acertadamente das súas condicións de vida a clase parasitaria que ten enfronte. E nesa dualidade política que nos abre o futuro, os comunistas si temos unha gran responsabilidade.

Trazaremos un programa de confrontación de clase, unha aposta política acertada na  sinalización e culpabilización da outra clase, unha fronte avanzada que non erre de inimigo. A partir do cal, vemos indispensable a formulación dun programa socialista de construción económica do país. O capital estase a desindustrializar, a nosa aposta socialista debe vertebrar o territorio e a clase nunha serie de ramas de produción nas que poidamos suxeitarnos e competir a nivel internacional baixo unha dirección socialista nunha república galega.

ND–As eleccións municipais do vindeiro ano significan a apertura dun novo ciclo electoral na Galiza, que ten pensado facer o seu partido nas mesmas e nas próximas eleccións estatais?

RL–Os comunistas sabemos que ningún cambio substancial virá dado pola participación nas elección burguesas, e menos nun Estado do centro imperialista que inda encima ten unhas estruturas anquilosadas que non foron depuradas da ditadura terrorista do fascismo. Alén disto moitos de nós fomos testemuñas en primeira persoa, durante o ultimo ciclo político, da degradación, asimilación e putrefacción moral á que o electoralismo feroz pode someter á militancia política e social das esquerdas, e incluso a autodenominados comunistas.

Porén non descartamos ningún ámbito de actuación de forma categórica, e somos conscientes das oportunidades axitativas, propagandísticas e aglutinantes que poden ter os procesos electorais, sendo o caso das elección municipais onde historicamente mais interveu o movemento revolucionario galego e onde quedan exemplos de dignidade política e posición avanzada dentro das institucións, que observamos, contemplamos e valoramos.

Chegado o momento analizaremos caso por caso os contextos e posibilidades que ofrece cada espazo de intervención, tamén no electoral, e tomaremos a posición que máis beneficiosa sexa para o avance da nosa liña política e da consciencia da nosa clase.

https://www.nosdiario.gal/articulo/politica/vivimos-recomposicion-rexime-onde-esperanza-dunha-saida-reformista-dilue/20220322094309139596.html