Lalo Álvarez
Encol do Informe da Relatora Especial da ONU para os territorios palestinos ocupados sobre as empresas ligadas ao proxecto colonial israelí (16 de xuño a 11 de xullo do 2025):
O masacre, a extinción, o xenocidio do pobo palestino parece coma un terreo de probas e non só, ou unicamente, do lado militar e da súa loxística, senón tamén (as probaturas) abranguendo diferentes campos ós cales podemos calificar de “políticos”.
En varios parágrafos o informe refírese ós precedentes xurídicos que se poderían aplicar ós feitos de Gaza. Concretamente fala dos xuízos de Núremberg.
A dificultade ós aplicar radica en que no seu momento as sentenzas caeron sobre os vencidos. E como di George Orwell, ”A historia escríbena os vencedores”.
Tamén sae no informe a Corte Internacional de Xustiza coma pricipal órgao xudicial da ONU e que xa nos seus estatutos aparece viciada da súa capacidade, xa non de intervir nos conflictos, senón de que dos seus ditames se poidan acumular e usar á súa xurisprudencía.
Que dicir da Corte Penal Internacional? Unha institución cun deseño moi ben pensado pero que mira máis ó futuro, despois da traxedía, que ó presente. Tamén sae no informe.
A pregunta é, tendo na conta todo o anterior, sabido dende hai tempo, porque non se detivo o xenocidio dos palestinos? Non é o mesmo 1.000 mortos que 60.000 mortos.
Sigo a dicir que Palestina é un campo de probas (vítimas, dereito internacional, soberanía territorial, guerras de relixión, capitalismo).
É ó remate da II Guerra Mundial, cando se comeza a ter en conta, a contar, o número de vítimas civís que producen os conflitos armados ou guerras e que, no caso concreto Segunda Guerra e nun paradoxo histórico, inclúe os case seis millóns de xudeus do holocausto.
A existencia de dous estados no mesmo territorio conleva a figura dun protectorado ó uso, onde Israel sería a metropóle e Palestina o territorio subordinado a explotar
As vítimas civís póñense logo nun paralelismo cos combatentes ou militares xa que son obxectivos claramente prioritarios nas accións de guerra. De todas as guerras.
E debido a isto, as potencias vencedoras da Segunda Guerra Mundial, presionadas entre outros factores pola imaxe de algo que antes non acontecera en Europa, pola imaxe dunha brutalidade que ata entón só se producía nas colonias, inventan o delito de crimes contra a humanidade do cal deriva o delito de xenocidio co carácter de delitos que non prescriben. Delitos que non caducan.
Un fenómeno que é un exemplo do anacronismo que estamos a vivir é o rexurdimento das guerras de relixión. Estas, actualmente, non tratan de impor unha como verdadeira desbotando ás outras como falsas ou herexes senón que é un traballo consistente en introducir as crenzas dentro da ideoloxía que as persoas (antigos cidadáns) deben levar consigo facendo esquecer na súa totalidade o laicismo conquistado despois de superar a superchería e o fanatismo.
O rasgo máis importante da entrada das relixións é a aceptación por parte dos pobos da obediencia ás xerarquias, á aceptación submisa das mesmas. Non só ás relixions monoteístas (cristianismo, islamismo).
O cumio deste campo de probas que supón o xenocidio palestino é a destrución do dereito internacional. Todas as premisas e supostos do mesmo que xermolan ó remate da Segunda Guerra Mundial quedan esnaquizadas na guerra de Gaza.
É certo que o dereito internacional e as institucións que o fornecen non poden evitar a aparición de conflictos armados, sobre todo, e seguindo a Vicenç Fisas que no seu libro: “Procesos de Paz e negociación en conflictos armados” pola presenza nos intentos de mediación da figura de grupos que sabotean a posibilidade dun proceso de paz (Spoilers). Os conflitos non se poden evitar pero si tentar minimizar, é dicir, tentar paralos canto antes.
No caso de Gaza, o Estado Sionista aproveita o parcial recoñecemento internacional do Estado Palestino para evitar que incluso o Departamento de Asuntos Politicos da ONU tente mover ficha, xa que, o obxectivo do DAP só brinda apoio ós Estados que son parte nun conflicto. E que falar da existencia do Consello de Seguridade da ONU, integrado polos países gañadores da Segunda Guerra Mundial, e que, por unha casualidade ou causalidade, son todos potencias nucleares. Un órgao que só se basea na forza militar dos seus menbros e que teñen dereito de veto sobre as resolucións da Asamblea Xeral da ONU.
Todo leva a que os “estados matóns” aproveiten o momento porque miran que non os poden parar.
Non existen garantias: o dereito internacional desenvolvido até agora, esnaquizouse e sería un disparate e incluso un anacronismo que despois de 60.000 mortos ou máis se voltara ás normas anteriores coma se non pasara nada. Os “estados matóns” só entenden a linguaxe da forza.
Liga todo o anterior cunha maneira de actuar puramente colonial ou dentro dos parámetros do colonianismo puro e duro. Unha potencía militar, Israel, con arsenal nuclear, que carga contra un territorio fóra das súas fronteiras e que, neste caso, non só desaloxa ós cidadans dese territorio senón que os extermina e ubica no seu lugar, a manifestación externa máis clara do colonialismo que é a figura do colono xudeu.
A soberania territorial palestina é anexionada a Israel na contra de todos os mandatos internacionais. É unha invasión do territorio do Estado Palestino por parte do Estado de Israel.
E, contrariamente ós que defenden a existencia de dous estados no territorio Palestino, e paradoxicamente a guerra, clarifica que Israel ataca outro estado soberano chamado Palestina. As guerras dábanse ata agora entre Estados.
Por outra banda, a existencia de dous estados no mesmo territorio conleva a figura dun protectorado ó uso donde Israel sería a metropóle e Palestina o territorio a explotar e subordinado nunha falsa autonomia politica. Exemplo antigo e anacrónico de colonianismo no século XXI.
Na vertente militar, o enfrontamento dáse entre exércitos nacionais e que, no caso de Gaza, se traduce cara a opinión pública mundial no choque entre o exército israelí e a guerrilla de Hamas. Unha guerrilla uniformada e con tácticas de combate similares a calquer exército nos escenarios de loita urbana en cidades desfeitas polos bombardeos (Stalingrado).
Polo tanto, a conclusón sumaria para cortar o derramamento de sangue desta e futuras guerras nas que as vítimas son, con moito, civís sería a formación dun exercito formado por cantos máis países mellor que poida intervir para parar as manobras e incursións de calquera “estado matón”.
O capitalismo colonialista baséase na explotación extractiva e na eliminación de obstáculos cara a implantación da nova poboación con plans de inversión en todos os sectores
A dirección deste exército sería baixo o mandato da ONU e non da OTAN, que tería que disolverse. Modificándose, claro está, o artigo 47 do capítulo 7 da Carta da ONU que impón a creación dun Comité de Estado Maior, que está baixo a dependencía do Consello de Seguridade.
Vanse esmorecendo os exércitos nacionais. Pode que tamén esmorezan as guerras de exterminio con máis probabilidade.
No informe da relatora da ONU faise fincapé no papel xogado polas empresas privadas no conflito.
É onde a relatora abonda máis nas responsabilidades como cooperadores necesarios que se poden derivar dos delitos de lesa humanidade que se están a producir en Palestina.
Polo que se refire ós antecedentes históricos (I.G.Faber, etc.) dicimos o mesmo que en parágrafos anteriores: “As sentenzas déronse contra os perdedores”.
Agora ben no relatorio detállanse con minuciosidade as empresas implicadas e todo o organigrama de franquicias e, chamémoslle así, subcontratas cara a diluír a responsabilidade na toma de decisións corporativas.
O capitalismo colonianista baséase na explotación extractiva e na eliminación de obstáculos cara a implantación da nova poboación con plans de inversión en todos os sectores, dende o sector primario até o máis sofisticado sector tecnoloxico e, entre medias, un beneficio enorme da industría armamentística, e tamén o moi importante sector inmobiliario.
O relatorio, nas amenazas que verte sobre os equipos directivas das empresa implicadas no apoio directo ou inderecto ó xenocidio, erra, xa que fía todo nos procedementos xudiciais dos países de orixe das empresas.
Un exemplo de escusa para non iniciar un procedemento por parte dos paises: É unha empresa estratéxica (multinacional, etc.) para o país en cuestión.
Se apretamos moito, deslocalízase incluso fiscalmente falando.
Os mortos son Palestinos e as ganancias acumúlanas os Estados Unidos, Israel, a Unión Europea e o mercado en xeral.
Non existen na actualidade mecanismos para cortar os masacres cando se produzan. O dereito internacional esnaquizado trata de volver ó seu, pero será unha ficción, unha distopía.
Que o demo nos colla sen confesión.