Brais Carballo
A día de hoxe, no momento histórico no que nos atopamos, o desenvolvemento científico acadou un grao que nos podería levar a pensar que o idealismo xa leva tempo desterrado da academia e que calquera que quixese analizar un fenómeno empregaría como ferramenta o materialismo dialéctico sen ningún reparo. Sen embargo, o campo da ciencia é o lugar dunha ardua batalla na que o materialismo non está a gañar necesariamente e teríamos que ser moi inxenuos para pensar que a academia sería rendida sen máis pola burguesía. Unha inxenuidade manifestada na deixadez de moitos comunistas aos que non lles parece necesario encher da nosa ideoloxía á ciencia ou que lle dan menos importancia a esta cara do marxismo que á filosófica ou política.
Para combatir esta inxenuidade temos que comprender que a ciencia é, como dixemos, un campo de batalla no que os bandos que pelexan son as distintas clases sociais existentes nun momento dado. Polo tanto, é necesario explicar brevemente o desenvolvemento histórico da ciencia e da loita de clases que vai no seu seo.
Primeiro, que entendemos por ciencia? Para nós, a ciencia non é outra cousa que o conxunto de coñecementos da sociedade humana que intentan explicar a realidade que nos rodea. Nos albores da historia todos os fenómenos se lle atribuían aos espíritos e deuses, pois a ciencia era inexistente. Co paso do tempo, e a acumulación de descubrimentos científicos e explicacións materialistas da natureza, vaise abandoando o idealismo absoluto ata este momento. Mais coa aparición das clases aparece a utilidade da ciencia para as dominantes que animan ou paran o seu desenvolvemento seguindo os seus intereses particulares.
Así, nas sociedades escravistas a ciencia convértese nun perigo polo seu poder transformador da sociedade: non eran necesarios descubrimentos para a clase dominante da época e estas infunden de novo na ciencia o veleno do idealismo. Na sociedade feudal, con todos os antigos imperios fragmentados en milleiros de microestados plagados de guerras case permanentes, a ciencia cobra importancia de novo porque o vencedor destas pode vir determinado polo exército máis avanzado e é esta carreira armamentística medieval a que serve como motor para a ciencia da época, avanzando a pesar da grande oposición da relixión, que intenta impedir que a explicación material da realidade se escape do seu control, pois o dereito divino (a xustificación do goberno de nobres e curas), non sobrevive ao escrutinio da ciencia do momento.
Chegamos por fin ao capitalismo e aquí a ciencia é fundamental para aumentar a eficiencia da produción burguesa. A acumulación de coñecementos sofre unha aceleración sen igual e conséguense grandes avances en tódalas ramas do coñecemento. Como nos ensina a dialéctica, un gran número de saltos cuantitativos levan a un cualitativo e iso é o que acontece neste momento: pola acumulación de descubrimentos como a teoría da evolución darwiniana, a química molecular e outros, o materialismo mecanicista morre e xorde del o materialismo dialéctico, das mans de Marx e Engels. Formouse así a ferramenta de análise máis avanzada ata o momento, coa vantaxe de que non percibe a realidade coma fenómenos illados a estudar, senón que a entende coma un conxunto destes que se influencian mutuamente.
Temos que comprender que a ciencia é […] un campo de batalla no que os bandos que pelexan son as distintas clases sociais existentes nun momento dado.
Aparece unha das moitas contradicións do capitalismo: existe unha necesidade do capital de seguir innovando e mellorar o proceso de produción continuamente mentres que non pode permitir que as ciencias se desenvolvan con normalidade porque demostrarían a necesidade de cambiar a un réxime de propiedade común por motivos económicos, sociais, ecolóxicos e demais.
Este conflito capitalista ten a súa manifestación na ciencia, como queríamos demostrar, nunha insistencia da burguesía por manter o idealismo e o mecanicismo na academia, no momento de maior esplendor a nivel mundial e coexistindo co materialismo dialéctico. Se os comunistas vemos así este conflito temos que ter clara a nosa tarefa: entender o marxismo como unha ciencia do todo e, polo tanto, coma a ciencia mesma.
A superestrutura capitalista amósanos a ciencia cun verniz de neutralidade […], imbúese á ciencia de ideoloxía burguesa para presentala como allea á influencia das ideoloxías
Se toda a nosa clase toma consciencia de que o marxismo é, a través do materialismo dialéctico, a única ciencia capaz de darlle unicidade a todo o coñecemento humano e de superar este sistema decadente cara un superior (o socialismo) teremos na academia un aliado importante capaz de axudar de milleiros de formas nas trincheiras da guerra dos desposuídos contra os capitalistas.
Para que esta realidade non se materialice, a superestrutura capitalista amósanos a ciencia cun verniz de neutralidade. Ironicamente, imbúese á ciencia de ideoloxía burguesa para presentala como allea á influencia das ideoloxías: en vez de ser unha ferramenta coma calquera outra cunha bondade ou maldade dependente só de quen a empuña, temos un ente propio con capacidade para xulgar os descubrimentos e clasificalos en bos e malos dende unha perspectiva ‘neutral’.
Isto opera seguindo os intereses da clase que nos oprime de dous xeitos. Primeiro, como xeito de presentar as súas ideas dominantes como feitos probados: o racismo científico xustificando a extracción de recursos do sur global, a ‘bioloxía’ que explica o papel secundario das mulleres ou un ‘ecoloxismo’ que clama por parar a industrialización de países en vías de desenvolvemento. Segundo, como barreira que dificulta a asociación dos termos marxismo e ciencia: o marxismo como lente para analizar o mundo é empregada con claridade por un bando e, por iso mesmo, non pode ser unha ciencia porque a esta supónselle neutral. Por todo isto é que, se presentamos un estudo completo, o máis rigoroso posible (que atenda polo tanto a cuestións de clase) somos tachados de propagandistas e non de científicos.
Por exemplo cando nos queren meter o medo no corpo coas ‘armas nucleares’ iranís e os tratados de non proliferación nuclear: é moi fácil pedilos cando Occidente xa está armado ata os dentes; pero non se pode permitir que un país antiimperialista desenvolva a mesma tecnoloxía coa fin de defenderse de Israel (que se saltou ditos tratados). Para máis inri acabamos de ver como a soberanía nacional dun país pacífico coma Venezuela é opcional se non conta coas medidas de disuasión nucleares que todo o mundo lle critica á República Popular Democrática de Corea, pero eles son o único estado que, asediado e sancionado, o imperio non se atreve a bombardear ou invadir. Resumindo para non irme máis pola tanxente, temos que comprender a ciencia coa dinámica de clase que lle é implícita para poder detectar un uso pernicioso desta, e tamén para mellorar a nosa forma de empregala para atraer aliados para a nosa causa.