Inicio / Embate / O protectorado forestal galego e os seus custes social, económico e ambiental

O protectorado forestal galego e os seus custes social, económico e ambiental

Pedro Alonso Iglesias

Introdución

Renunciar a un pouco para non ter que renunciar a todo revélase como unha das máximas a seguir no futuro próximo, cando non xa no presente. A Humanidade da que formamos parte leva tempo avanzando desbocada nun consumo de recursos materiais por riba do que o Planeta pode soportar.

Un dos exemplos dese exceso consumista encóntrase no abuso dos recursos forestais para a obtención de madeira e dos produtos da súa transformación. A madeira proporciona material para a construción, para a fabricación de mobles ou para a elaboración de papel e cartón. Precisamente, a produción de madeira para a fabricación de polpa de celulosa é un dos obxectivos da explotación de miles de quilómetros cadrados de superficie para plantíos de especies forestais de crecemento rápido en todo o Planeta.

Desde o sudeste asiático até as chairas norteamericanas ou as cordilleiras escandinavas, pasando polas lombas costeiras sudamericanas ou a beiramar do suroeste de Europa, extensas áreas que antes integraban paisaxes tradicionais agrícolas e forestais ou mesmo bosques e selvas autóctonas, téñense transformado en inmensos plantíos de coníferas ou frondosas de crecemento rápido. Con quendas de corta de apenas 12 a 20 ou 30 anos, estas árbores plántanse para obter madeira en rolo que se tritura até dar en astelas que se cocen para extraer a polpa de celulosa precisa para a fabricación de papel e cartón para embalaxes.

En xeral, quen se encarga da fabricación desta celulosa non é a pequena industria local que alimenta un mercado próximo. Son grandes multinacionais participadas por aínda máis vastas compañías de investimento ou financeiras, que forman parte central do núcleo sistémico que permite a acumulación de capital, provocando a transformación das paisaxes, a expulsión das comunidades locais e o empobrecemento do tecido socio-económico de vastas rexións, gracias a un método común en todas elas, que veremos a seguir.

Modus operandi das celulosas no mundo e custes asociados

En 2005, cando a antiga Caixa Galicia mantiña unha pequena porcentaxe do accionariado de Ence, a asociación ambientalista Erva elaborou unha exposición e un caderno que explicaban de forma pedagóxica como a multinacional celulósica española corrompía o escenario social, político e económico onde operaba para impoñerse a outras empresas que competían polo espazo/territorio1. O caso é que esa descritiva se podería extrapolar a calquera outra multinacional do sector e para calquera outro lugar do planeta, como Brasil, Chile, Australia ou Indonesia. Reproducimos no seguinte apartado un gráfico que, incluído nesa exposición, pretendía resumir esquematicamente a composición do “entramado” ou lobby construído por Ence na nosa terra naquela altura. Pero para quen queira aprofundar no modus operandi socio-político das celulosas, na web do World Rainforest Movement existe un caudal abondoso de documentación. Na sección de ameazas da industria de celulosa e papel, figura a seguinte intro:

A retórica oca que manexa a Xunta procura criar unha imaxinería capaz de permear na sociedade a crenza de que, efectivamente, existe iniciativa e faise en conxunción cos citados sectores

“As grandes monoculturas de árvores voltadas à produção de celulose e papel, juntamente com a infraestrutura e as fábricas de celulose que acompanham essas plantações, vêm se expandindo sobre as terras férteis das comunidades. Elas já destruíram florestas e pastagens, principalmente na América Latina, na Ásia e no sul da África. As espécies utilizadas – que incluem variedades de eucalipto, acácia e pinus – não ocorrem naturalmente nesses países e são de crescimento rápido.”

E nesa mesma sección, xa alí onde se aborda o funcionamento desta industria, encontramos:

“As empresas de plantações industriais de árvores tentam nos fazer acreditar que o mundo está destinado a um consumo cada vez maior de produtos de celulose e papel como uma consequência inevitável do desenvolvimento. Mas, na realidade, esta indústria é impulsionada pelo imperativo capitalista de aumentar continuamente os lucros, e não por qualquer crescimento verdadeiro da demanda por papel.

Os impactos nocivos das plantações de monoculturas de árvores e de fábricas de celulose e papel cada vez maiores vêm sendo bastante documentados e denunciados há décadas: invasão de terras de pequenos agricultores, indígenas e comunidades tradicionais, poluição e esgotamento de fontes de água, degradação e destruição do solo, e violência contra comunidades, principalmente mulheres, que costumam ser responsáveis por cuidar da terra, cultivar alimentos e proporcionar água a suas famílias.

A indústria justifica tudo isso em nome de atender a uma suposta demanda crescente por papéis para impressão, produtos de embalagem para consumidores e indústrias, e lenços de papel. No entanto, este documento do WRM defende que, na realidade, a indústria trabalha de forma ativa para criar e sustentar uma demanda cada vez maior por fibras de madeira por meio de marketing e lobby. E que discursos sobre “sustentabilidade” e “bioeconomia” são usados como argumentos adicionais para a expansão contínua, desviando a atenção dos graves danos ambientais e sociais que essa indústria causa.”

É inevitábel lembrar entón o que leva acontecido na nosa terra ao longo xa de seis décadas de espoliación colonial ou paracolonial dos recursos dos nosos montes e o que dicía o documento de Erva de 2005, “a hipoteca dun povo”.

O caso galego: secuestro e protectorado. Breve descrición do sistema operativo

Esta é a definición común de “protectorado”:

“Modalidade de administración pola que, mediante un tratado internacional, un Estado exerce o control, especialmente no relativo a asuntos exteriores, defensa e orde público, sobre un territorio no que existe unha entidade política dotada de autoridades propias”

Supoñamos entón que o Estado que exerce o control é unha multinacional como Ence, que os asuntos obxecto de tratado sexan, por exemplo, a explotación dos recursos forestais, que o territorio baixo protectorado sexa a denominada Comunidade Autónoma de Galicia e que o tratado tácito se constrúa a través das portas xiratorias. Xa temos o Protectorado Forestal Galego e o conseguinte secuestro da política forestal.

Até hai uns anos había, na práctica, só dous actores principais que estimulaban o mercado da madeira no país, a Ence e a Finsa. Entre estas dúas empresas multinacionais librábase unha batalla, con maior ou menor grao de colisión, para ter máis influencia e capacidade de decisión sobre o territorio con potencialidade para o uso forestal produtivo. Pero desde 2017 coa aprobación da Reforma Florestal en Portugal, acelerada polos tráxicos lumes de Pedrógao Grande, comprobouse que un novo axente activo estaba disposto a desembarcar desde as veciñas terras lusas. The Navigator Company, a unión resultante das poderosas celulosas Soporcel e Portucel, entrou con determinación a partir dese momento e a evolución da superficie que logrou conveniar desde entón non deixa dúbidas: 356 hectáreas en 2020, 601 en 2021, 955 en 2022 e máis de 1.100 en 2025.

En paralelo a este proceso, nos últimos dez anos téñense producido na nosa terra curiosos movementos ou manobras das que, separadamente, custa recoñecer calquera lóxica ou obxectivo. Con todo, unha visión conxunta en perspectiva proporciona a explicación razoábel. Comecemos pola aprobación en diferido da moratoria dos plantíos de eucalipto. Esta norma foi anunciada o 25 de febreiro de 2021 polo propio presidente da Xunta Núñez Feijoo, aprobada en maio dentro da Lei 11/2021 de recuperación de terras agrarias e non entrou en vigor até decembro dese ano, o cal produciu que durante dez meses se evidenciase o estimulante efecto de mobilizar miles de hectáreas para plantar nova superficie antes de que, efectivamente, se aplicase a restrición. O resultado, un incremento en máis de 25.000 hectáreas da superficie ocupada por masas do xénero Eucalyptus. Sigamos pola revisión do Plan Forestal (2021-2040). A súa tramitación iniciouse en 2018, en sospeitosa coincidencia ou concatenación cos acontecementos anteriormente sinalados da moratoria portuguesa e a entrada de Navigator, e incluíu a directriz de cancelar convenios con comunidades de montes. O impulso vacilante co que iniciou a Xunta o proceso de cancelación transformouse logo en decidida aposta para renunciar a seguir xestionando eses montes. E, curiosamente tamén, a inclusión dese obxectivo da cancelación de convenios na revisión do plan forestal daría tamén continuidade no tempo a outro decisivo impulso, o das “sofor”, sociedades de fomento e investimento forestal, que foran, á súa vez, un intento de contrarrestar a proposta do goberno bipartito PSOE-BNG das Unidades de Xestión Forestal (Uxfor). Dá para pensar que esa teimuda intención de cancelar os convenios, cuxos prazos finais xa foron ampliados en tres ocasións (o último fixouse para decembro de 2027), procura en realidade abrir as portas deses montes de par en par para as empresas extractivas e mesmo as multinacionais da desintegración da madeira. Segundo a ORGACCMM:

“O chamado Fondo de Melloras, non e un remanente para pór en valor os montes veciñais de xeito multifuncional e sustentábel. É unha Banca privada para asegurar o negocio das empresas forestais e as empresas de servizos forestais.”

O tal “fondo de melloras” ao que se refire a ORGACCMM é un instrumento contemplado pola Xunta no capítulo V do decreto que regula os contratos de xestión pública que substitúen aos convenios.

A aplicación e imposición dun “protectorado” clásico, no que a industria da desintegración da madeira, operando en réxime de oligopolio, ditase as regras, sería difícil de defender nunha sociedade “democrática”. Así que, por que non seguir manipulando o goberno de monicreques chamado Xunta de Galicia? Esa é a esencia do secuestro da política forestal que se produce desde hai décadas nesta terra.

O papel da administración pública

Cabería pensar que a acción política e de goberno impulsadas polo PP a través da Xunta resposta á cooperación e coordinación co sector produtivo e os axentes sociais. Sería a lóxica dunha administración que se preocupa por integrar e desenvolver o aproveitamento múltiple e sustentábel do monte. Pero no caso galego iso é un espellismo. A retórica oca que manexa a Xunta procura criar unha imaxinería capaz de permear na sociedade a crenza de que, efectivamente, existe iniciativa e faise en conxunción cos citados sectores. Pero a realidade é á inversa. A Xunta traballa simplemente como correa de transmisión ou, mellor, como peza de engrenaxe da industria de desintegración e, nomeadamente, das celulosas. Os actuais “testaferros” institucionais e de partido, encarnados respectivamente por Alfonso Rueda e Paula Prado, son tan torpes na súa soberbia que non teñen reparos en presentar publicamente esa condición a través do apoio explícito a Altri, a terceira peza que viu sumarse ao teatro galego de operacións das celulosas. O único papel que lles resta con certa iniciativa é o de equilibrar os intereses das multinacionais da celulosa e dos taboleiros de fibra.

A eucaliptización e o abandono do rural

Empresas como Ence proclaman aos catro ventos que a silvicultura intensiva do eucalipto contribúe para a economía rural, para fixar poboación e para combater o abandono. Pero o certo é que o rural se abandona porque non se combate a inercia dun proceso orixinado hai máis de catro décadas coincidindo, curiosamente, coa entrada na CEE. Ese proceso foi tolerado e incluso impulsado premeditadamente para baleirar amplas comarcas rurais do país, mentres se aludía á necesidade de modernizar estruturas agrarias e aproveitamentos gandeiros e non se incidía adecuadamente nos vectores endóxenos de dinamización industrial que permitirían contrarrestar ese proceso incipiente de expulsión demográfica desde o campo ás vilas e cidades. A inercia actual segue a expulsar a escasa mocidade que resta nesas comarcas.

E mentres, desde vilas e cidades, pola semana ou de fin de semana, centos de persoas desa veciñanza que abandonou a súa casa natal, regresan aos eidos para ollar como medra o seu tesouro silvícola proxectando sombras alargadas sobre as ruínas do que un día foron as súas casas. Con todo, algunhas familias esfórzanse en manter esas casas, e mesmo moran nelas no verán ou nalgún contado fin de semana. Mais o desarraigo é a norma cando na nova vida urbana se van disolvendo os vínculos coa terra a medida que esmorece a xeración do abandono. Entón, aparece o colectivo de especuladores ofrecendo cartos polos eidos, e así vai amasando fortuna un novo perfil de “outsider”, insensíbel ao drama, presumindo de “silvicultor profisional” e movendo procesadoras e auto-cargadores de aquí para alá no seu patrimonio de sombras funestas, mentres o sepultureiro padexa nas tumbas.

Incendios e despoboamento

Mentres roda a bóla do abandono rural, todo vai ben para a industria forestal. A división no colectivo de proprietarios residentes nas vilas é un feito, non existe capacidade negociadora, a dispoñibilidade de materia prima é elevada e o seu prezo barato, non existen carencias, puidendo equilibrarse oferta e demanda sen que haxa que controlar os prezos. Para que ordenar? Para que pór en común a propriedade e xestión forestal impulsando o asociacionismo? O mercado goberna cada movemento e decisión neste protectorado forestal. Pero hai un problema, un grave problema que ven de visualizar toda Galiza neste verán.

Trátase de mudar radicalmente o modelo forestal imperante. De diversificar a produción, de abrir enormes descontinuidades nas actuais masas inmensas de eucaliptos e coníferas

Reparemos no acontecido na provincia de Ourense e en boa parte das de Zamora e León. Resulta coñecida a elevada combustibilidade das masas de coníferas. Se comparativamente coas masas de árbores frondosas autóctonas as das coníferas conservan unha menor humidade edáfica e ambiental, a presenza de compostos altamente inflamábeis na súa madeira converten estas masas en enormes extensións candidatas a arder. Calquera foco de lume que é prendido intencionadamente, ou debido a unha neglixencia ou á caída dun raio nunha uceira próxima, incrementará o volume das lapas e a velocidade da súa propagación, alcanzando rapidamente dimensións que, mesmo co emprego de medios aéreos de extinción, farán extremadamente difícil o combate do lume. E isto explícase porque as condicións nas que se encontran os montes xa non son as mesmas que presentaban hai 15 ou 20 anos. Niso ten que ver a inexorábel teimosía do denominado cambio climático. Desde fins da primavera e ao longo dos meses de xuño e xullo son frecuentes longos períodos nos que as temperaturas máximas se sitúan por riba dos 35ºC. A evolución das temperaturas máximas nestes dous meses non ofrece dúbidas:

O caso é que, ante esta realidade, a propriedade está a desfacerse rapidamente dos seus tesouriños de coníferas en zonas das bacías do Sil e das zonas altas das dos ríos Ulla e Miño, vendendo incluso antes de alcanzar os diámetros que proporcionarían máis cartos. A razón? O medo a que outra vaga de calor leve por diante o capital que medrou en 15 ou 20 anos de crecemento vexetal. Pero o caso é que esta tendencia de incremento das temperaturas pode agravarse tamén en áreas como A Mariña, Eume ou Ortegal, onde se concentran as superficies máis produtivas de eucalipto. Así o adiantan as proxeccións meteorolóxicas derivadas da aplicación de modelos climáticos. Alteracións importantes de certas correntes oceánicas que son chave para manter o noso patrón climático e meteorolóxico estarían, segundo esas proxeccións, á volta da esquina2. E con elas, moi probabelmente a fin das néboas cantábricas que humedecen eses benditos eucaliptiños mariñaos..

2. Van Westen et al (2024): Physics-based early warning signal shows that AMOC is on tipping course. Physics-based early warning signal shows that AMOC is on tipping course | Science Advances

Co abandono rural desas comarcas todas, non existirá posibilidade de combater eses megaincendios. Nin nas extensas masas de coníferas nos montes públicos e veciñais ourensáns, nin nos eucaliptais do norte unha vez que esas vagas de calor abrasen lombos e cumes por baixo dos 600 metros de altitude. Aquela poboación expulsada, que mantiña descontinuidades en forma de prados e pasteiros para o gando, revelarase entón como fundamental. Pero xa será tarde e o único que ficará é algo así como o aviso que Dante colocara na entrada ao inferno: “Deixade, os que aquí entrades, toda esperanza”.

Que futuro?

Obviamente, non vamos abordar aquí as condicións políticas que deberían darse para resolver o problema exposto máis arriba. Só vamos esbozar a posibilidade de acción política de goberno que esixe a dimensión do problema. A proposta que se vai enunciar aquí, de aplicarse nos próximos anos, gañaría tempo e evitaría ter que atendela pola forza determinante de sucesos dramáticos como o de Pedrógão Grande, aforrando ademais vidas humanas.

Trátase de mudar radicalmente o modelo forestal imperante. De diversificar a produción, de abrir enormes descontinuidades nas actuais masas inmensas de eucaliptos e coníferas, de impulsar outros aproveitamentos e, sobre todo, de involucrar a centos de miles de persoas proprietarias de montes nun proceso que cabe cualificar como revolucionario considerando a idiosincrasia e historia recente galegas. E poderíase facer sen contar necesariamente coa externalización empresarial como instrumento substantivo.

O proceso debería comezar pola aprobación dun referendo vinculante que ligue a ordenación e restrición de usos silvícolas á elaboración e aprobación dunha lei de ordenación e transformación do monte e de impulso transversal da socio-economía rural. Esa lei debería asentar as garantías xurídicas precisas para a mobilización de terras e os estímulos adecuados para involucrar á propriedade. E, sobre todo, estimar as necesidades funcionariais asociadas, os prazos de desenvolvemento e as dotacións materiais e orzamentarias adecuadas. O problema é dun calibre e dimensión que poucos imaxinan. Por tanto, precisa solucións ambiciosas, proporcionais ao que se pretende resolver.

Botando man da linguaxe metafórica e aproveitando conceptos da Física Termodinámica, diríamos que un sistema de elevada entropía só se pode ordenar investindo unha enerxía inicial, elevada quizás, que poderíamos denominar, salvando imprecisións e permitindo licencias, como entalpía. Canto antes tomemos consciencia deste fenómeno, antes nos blindaremos fronte unha ameaza inexorábel que vai arrasar nos próximos lustros a quen fique na parálise institucional.