Héctor Bujari Santorum
A historia constrúena os pobos; porén, se de algo se ocuparon os poderes coloniais foi de caricaturizar aos annoboneses coma bestas, desposuíndoos mesmo do seu propio nome —os habitantes de Ambô— para bautizalos como os poboadores do que os portugueses chamaron «Anno Bom» ao avistar a illa un 1 de xaneiro de 1471.
Se nese momento estaba habitada ou non segue a ser un misterio. A historia dos ninguéns non se considera Historia, e polo tanto non se rexistra. Cando por fin se lles prestou atención foi dende a ollada etnográfica, apropiándose das únicas pezas tanxíbeis do seu pasado; pezas cuxo paradoiro continúa hoxe sen aclararse. É un baleiro que, desde hai meses, desde o Goberno da República de Annobón traballamos por desvelar.
A colonización opera tamén sobre o colonizador: descivilízao, embrutéceo, degrádao, esperta nel os instintos máis escuros baixo o impulso da cobiza, da violencia, do odio racial e do relativismo moral.
Tras os tratados violados, as mentiras propagadas, as expedicións punitivas toleradas, os prisioneiros maniatados e interrogados, os patriotas torturados, o orgullo racial alimentado e a fachenda celebrada, o que queda é un veleno que se instalou nas veas e un avance lento pero seguro da bestialidade.
Ese é o legado que España deixou: un punto de terra no medio do mar, sometida a decisións tomadas lonxe, por mans que nunca pisaron esas beiras.
É difícil explicar as particularidades do corte brutal co que Europa trazou África, dividindo e unindo pobos segundo o único criterio dos seus propios intereses.
Foi precisamente ese trazo artificial o que fixo de Ambô un territorio distinto dentro de Guinea Ecuatorial: a pegada lusófona, a súa identidade particular e a súa loita por existir e por que o mundo recoñeza que sempre foi libre.
Este vínculo lusófono quebrouse en 1778, cando Portugal cedeu a illa a España —xunto con outros territorios— no Tratado do Pardo, convertida en moeda de cambio dentro dun troco colonial. Desde entón, os annoboneses quedaron abandonados á súa sorte, sentíndose sempre alleos aos poderes centrais: primeiro ao español e, tras a independencia de 1968, ao réxime dos Obiang, de etnia fang.
Arlindo Manuel Caldeira, en De Facto Independence on the Island of Ano Bom (Annobón) during the Eighteenth and Nineteenth Centuries, explica un feito fundamental: malia o intercambio, España practicamente non se fixo presente no territorio.
“Unha independencia gañada despois de teren librado varias batallas contra holandeses, franceses e portugueses, e logo tamén contra españois. Os nosos pais opuxéronse á escravitude e loitaron pola súa liberdade. Só Deus, dicían, estaba por enriba deles.”
Non será ata despois da chegada dos ingleses a Annobón, en 1827, coa abolición da escravitude, e co uso da illa como punto estratéxico para interceptar cargamentos destinados ás Américas, cando os annoboneses baixen a garda. Ese feito abriría posteriormente a porta ao regreso dos españois a finais do século XIX (1885), cando iniciou a colonización: outra forma de escravitude.
O seu sistema de autogoberno tradicional foi finalmente suplantado pola forza mediante estruturas coloniais.
Co tempo, a construción do Estado de Guinea Ecuatorial —que inicialmente se concibía como un proxecto multiétnico capaz de integrar a fang, bubi, ndowe e annoboneses— acabou convertida nunha crónica de horrores, marcada por unha centralización do poder tan absoluta como destrutiva.
A historia dos ninguéns non se considera Historia, e polo tanto non se rexistra
Entre 1973 e 1974, epidemias de cólera e varíola arrasaron a illa. O réxime de Macías non proporcionou ningún tipo de asistencia sanitaria. Centos de persoas morreron, nun acto evidente de xenocidio por neglixencia deliberada. En 1975, como consecuencia, oito homes annoboneses fixeron o impensable: remar durante sete días nun caiuco ata chegar a Gabón para denunciar ante o mundo o exterminio do seu pobo, un episodio que anos despois saíría á luz a través de Wikileaks. Alí chegaron incluso a reunirse co embaixador dos Estados Unidos.
Hoxe, a ditadura de Obiang converteu a illa nun cemiterio de residuos nucleares. É un ecocidio capitalista que ameaza a vida de todo un pobo.
Vítimas da marxinación sistémica imposta polo Estado, os annoboneses —que mantiveron en paralelo o seu propio sistema de goberno— solicitaron formalmente, mediante carta, a concesión dunha autonomía que lles permitise xestionar os seus propios asuntos. A petición non recibiu resposta; unicamente se incrementou a presenza militar na illa. Tras novas reunións, proclamaron a República de Annobón o 9 de xullo de 2022, reclamando o seu dereito lexítimo á autodeterminación.
En paralelo, o réxime de Obiang emprendeu obras na illa que destruíron cultivos tradicionais e alteraron o equilibrio ecolóxico: a construción dunha pista de aterraxe —hoxe de uso exclusivamente militar—, un estadio de fútbol e outras infraestruturas. A extracción de materiais mediante dinamita provocou derrubamentos que afectaron gravemente ás vivendas da poboación.
En xullo de 2024, decenas de annoboneses asinaron un manifesto esixindo o cese inmediato destas detonacións. A resposta do réxime foi represiva: polo menos 42 persoas foron arrestadas por expresar a súa oposición.
Decenas de annoboneses asinaron un manifesto esixindo o cese inmediato destas detonacións […]: polo menos 42 persoas foron arrestadas por expresar a súa oposición
En xuño de 2025, o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas condenou ao goberno de Teodoro Obiang Nguema por violacións graves dos dereitos humanos en Annobón, incluíndo secuestros, torturas e detencións arbitrarias como represalia contra quen se opuxeron aos proxectos extractivos.
En definitiva, o que atopamos é un pobo que onte loitou pola súa liberdade e que hoxe, coa mesma dignidade, loita pola súa propia existencia. Os pobos son como ríos que avanzan cara ao mar: ás veces son torrentes breves, pero sempre resistentes. Se conseguen ou non secalos, só o tempo o dirá.