Editorial
O Sindicato Único Galego non é unha proposta nova, leva a ser unha consigna recurrente dun importante sector do movemento obreiro do noso país dende hai décadas e, con especial insistencia, ven sendo defendido polas diversas expresións do comunismo galego de praxe independentista que organizadas baixo distintas siglas teñen existido a través dos anos. A disposición dunha ferramenta operativa para a loita económica da clase obreira galega na defensa dos seus intereses materiais é hoxe máis necesaria que nunca e a situación actual da nosa clase lévanos a considerar este obxectivo tamén como unha urxencia.
A implementación dun novo xeito de comprender o sindicalismo e de artellar a defensa dos nosos intereses non é un traballo de parte, senón que corresponde ao pobo galego no seu conxunto. Para motivar un avance consciente, constante e consecuente, achegamos nós estas notas que pretenden ser o primeiro paso no trazado dunha folla de ruta común capaz de trascender siglas, organizacións e divisións de calquera tipo que manteñan á nosa clase nunha situación de inferioridade fronte á ofensiva das elites que buscan a nosa submisión e, en definitiva, a nosa miseria.
Cales son as problemáticas do movemento obreiro galego no eido da loita económica? Enumeremos as máis importantes:
- Fragmentación da clase en diversas estruturas e organizacións, sindicais ou non, que actúan cun grao de coordinación moi por debaixo do desexable. A división é de dous tipos:
- Sectorial. As diversas ramas da producción ou sectores económicos contan coas súas propias organizacións ou, no mellor dos casos, artéllanse de xeito ata certo punto autónomo dentro de estructuras intersectoriais -exemplo: as distintas federacións dos principais sindicatos de Galicia-. Esta situación é o reflexo da forma na que se organiza a economía e, ata certo punto, pode ser práctica á hora de mobilizar á nosa clase, pero na actualidade redunda con frecuencia na creación de compartimentos estancos que dificultan a coordinación, a posta en común das problemáticas e, en definitiva, a confluencia das loitas. A clase obreira atomízase, desdibúxase, perde a súa identidade. A loita obreira permanece, por tanto, desacompasada; non existe unha tentativa orgánica verdadeiramente eficaz que tenda a correxir as diferencias nos ritmos das diversas loitas concretas, contaxiando aos sectores menos movilizados do ímpeto daqueles máis activos e combativos.
- Orgánica. Mesmo nun sector productivo concreto, a clase obreira atópase dividida entre diversas organizacións -Exemplos: calquera comité de empresa con candidaturas de distintos sindicatos; calquera folga na que un dos principais sindicatos do país evita participar contra a vontade da meirande parte da clase ou cede ante a patronal traizoando os intereses do conxunto-. Aparece a dinámica de competencia como consecuencia dos intereses das siglas, que cobran máis importancia que os intereses do colectivo. A división orgánica da clase obreira é un campo fértil para os intereses individualistas de elementos que medran a costa do interese xeral. Ademáis, está o problema da liña: non existe unha dirección única de avance para o conxunto do movemento, derivada do interese común do conxunto dos seus integrantes; existe, pola contra, unha pluralidade de direccións nas que se avanza simultáneamente. Os cabalos tiran do carro en direccións contrarias e, mentres este racha e queda inútil, véndesenos esta anomalía como resultado lóxico da pluralidade, entendida como sinónimo da democracia. En realidade, a fragmentación facilita a toma unilateral de decisións contrarias ao interese da maioría e imposibilita o debate colectivo da clase obreira para a actuación conxunta en defensa do interese común, polo que podemos afirmar que a fragmentación en diversas organizacións é necesariamente un obstáctulo para a toma democrática das decisións concernentes á clase obreira.
A implementación dun novo xeito de comprender o sindicalismo e de artellar a defensa dos nosos intereses non é un traballo de parte, senón que corresponde ao pobo galego no seu conxunto.
- Carencia total de espazos de participación e debate que permitan á clase xogar un papel activo na análise e comprensión das problemáticas polas que se ve afectada. Isto redunda en:
- Cronificación da tendencia ao illamento e problemáticas resultantes da división sectorial, á que xa nos referimos máis arriba.
- Desafección, apatía, desinterese. Negativa a implicarse nos diversos conflictos que afectan á clase como resultado da desconfianza nas organizacións que compoñen o movemento obreiro. Concepción da militancia sindical como un exercicio pasivo e do sindicato –ou calquera outra organización similar– como unha xestoría no mellor dos casos ou como unha estructura contraria aos seus intereses nos casos máis radicais.
- Campo fértil para a proliferación de tendencias antiobreiras no seo das organizacións que deberían ser de clase, o que nos conduce directamente ao punto 3.
- Carencia de encuadre político integral e consciente que de sentido á loita económica materializada nos diversos conflitos concretos. Supeditación da loita económica a axendas políticas externas que non resultan dunha participación activa da clase obreira, senón que basean o seu control da organización na desmobilización e apatía da clase. Sucede de tres xeitos:
- Existencia de sindicatos amarelos, é dicir, sindicatos que negan a loita de clases como contexto no cal se desempeña a súa actividade. En tanto que negan a raiz do problema –que os intereses das elites son irreconciliables cos intereses das clases traballadoras–, estes sindicatos amarelos motivan un tipo de acción sindical baseada na claudicación permanente, na cesión sistemática fronte ás esixencias da patronal.
- Dominación da estrutura dos sindicatos con maior potencial combativo por parte de elementos que responden a intereses reformistas e non entenden a loita obreira e a defensa dos nosos intereses materiais fora do cauce institucional ou electoral, actuando como somnífero e provocando a desmobilización e derrota sistemática da clase obreira máis consciente e combativa. Estes elementos resultan especialmente perniciosos en tanto que fan gala de certa retórica e estética obreiristas ao tempo que contribúen a limitar o potencial real das ferramentas da clase obreira, convertindo o sindicato nunha estrutura clientelar baseada nas lealdades privadas, chegando a ser os causantes de que determinadas parcelas dos mesmos recorden máis a un sindicato amarelo que a unha organización combativa deseñada para a loita en defensa do proletariado.
- Desgaste das organizacións obreiras por parte do que se ven chamando esquerdismo, isto é, a práctica daqueles individuos que, apelando aos métodos máis radicais e á verborrea máis exaltada, erosionan sistemáticamente os fundamentos mesmos de calquera forma de organización mediante a proposta e posta en práctica de toda clase de medidas espontáneas que non responden a ningunha clase de plan concreto a curto nin a medio prazo pero que pasan por ser as máis radicais e revolucionarias. Así, mediante a verborrea máis hiperventilada, os elementos liquidacionistas introducen propostas lunáticas que actúan como sosa cáustica, erosionando as bases mesmas sobre as que se sostén a loita obreira. Esta problemática é especialmente problemática en tanto que desvirtúa a crítica e a proposta verdadeiramente combativas e obreiras, que non só son útiles e necesarias, senón que se encuadran nun proxecto coerente e marcan obxectivos concretos.
É doado concluir, por tanto, cal é a dirección na que cómpre camiñar para resolver esta situación: unidade, asemblea, conciencia de clase.
Temos, por tanto, que as problemáticas identificadas son as seguintes: fragmentación e descoordinación resultantes das severas disparidades no ritmo e na dirección dos diferentes continxentes que compoñen o movemento xeral; inexistencia de canles democráticas de participación activa que concedan á clase obreira o protagonismo nas súas propias organizacións; ausencia dun proxecto xeral ou, máis en concreto, dunha explicación política ao feito económico e, como resultado disto, substitución da mesma por axendas políticas alleas aos intereses da clase obreira.
Se queremos, podemos resumilo aínda máis: división, falta de democracia e perda da perspectiva de clase.
É doado concluir, por tanto, cal é a dirección na que cómpre camiñar para resolver esta situación: unidade, asemblea, conciencia de clase.
Sería tentador deixar a cousa aquí, pois indubidablemente a consigna explícase por si mesma pero, cales son os pasos concretos que podemos dar dende xa para que ese obxectivo non quede en palabras baleiras?
Vexamos:
- Identificación dos elementos organizados no eido da loita económica –sindicatos, plataformas, etc.– que fagan seu o programa obreiro do Sindicato Único Galego e organización efectiva dos mesmos en torno a ese programa dentro dos seus eidos de actuación.
- Aposta constante por un modelo de organización das clases traballadoras baseado na participación activa das mesmas na identificación das súas problemáticas e no trazado da táctica e estratexia a través da única fórmula de eficacia históricamente probada: a asemblea obreira.
- Creación de espazos e canles que fagan confluir aos traballadores e traballadoras de distintos sectores, ampliando o diálogo da clase, facendo avanzar as loitas nunha única dirección.
- Creación de espazos e canles que fagan confluir aos traballadores e traballadoras de distintos sectores, ampliando o diálogo da clase, facendo avanzar as loitas nunha única dirección.
- Construcción común dun proxecto político feito por e para a clase que sexa capaz de ir máis aló do feito concreto, identificando a raíz do problema e facendo por combatela.
Abonda xa de negociar derrotas. Esixámolo TODO.