Inicio / Embate / Loitas de clases: avances e retrocesos

Loitas de clases: avances e retrocesos

Álvaro Rodríguez

No seu día as clases dominantes do Antigo Réxime foron capaces de reverter a Revolución Burguesa, feito consagrado no Congreso de Viena (1814-1815). Os reaccionarios afirmaban moi oufanos que o seu triunfo era definitivo, que a Historia chegara ao seu Fin. O Antigo Réxime usou un argumento: o Fin da Historia; o feudalismo era invencible, o feudalismo era o Fin da Historia.

É obvio que finalmente a clase burguesa derrotou definitivamente ás clases do Antigo Réxime, aínda que tardou en moitos países máis dun século en desprazar ás clases aristocráticas e ao clero. Recentemente a reacción liberal conseguiu reverter o socialismo na URSS. Curiosamente hoxe os liberais usan o mesmo argumento que usaba o Antigo Réxime: o fin da Historia; o capitalismo é invencible, o capitalismo é o fin da historia.

A esencia da experiencia do triunfo da burguesía sobre as clases dominantes do Antigo Réxime é que a dialéctica da loita de clases, da loita polo poder entre as clases sociais, está suxeita a avances e retrocesos, é lento, transitorio, antes de ser definitivo. Para alcanzar o triunfo concluínte, a burguesía usou os instrumentos necesarios para imporse. E como a historia a escribe a clase vencedora, os liberais vitoriosos crean a súa Memoria Histórica e moi Democrática.

Pero as clases sociais derrotadas pola burguesía, as clases reaccionarias do tradicionalismo do Antigo Réxime, non poden esquecer a súa eliminación do poder, os xenocidios dos revolucionarios liberais, o saqueo de riquezas, as expropiacións burguesas para encher os seus petos, a miseria creada pola avaricia dos liberais con millóns de famentos e mortos, o atraso provocado polos liberais, os retrocesos no nivel de vida da maioría da poboación, e iso a través da ditadura liberal instaurada para impedir o retorno do Antigo Réxime. Ditadura para os derrotados e Democracia para os vencedores.

A penúltima revolución hoxe triunfante ou hexemónica no continente europeo, é a burguesa. Nunca se debe esquecer que os liberais traballaron, loitaron até alcanzar o éxito. Tardaron un século para impor a súa revolución, impor a súa orde liberal, e asentarse no poder. Durante un século o Antigo Réxime defendeuse a matar, e finalmente foi derrotado. A loita foi dura, cruel, sen cuartel.

A penúltima revolución hoxe triunfante ou hexemónica no continente europeo, é a burguesa

O Antigo Réxime creou a súa alianza militar, a Santa Alianza, (como a OTAN actual) e foilles moi útil no seu día. Os “Cen mil fillos de San Luís” invadiron España restaurando o Antigo Réxime. Os liberais para dominar España tiveron que triunfar en tres guerras contra os carlistas, realizaron sen fin de pronunciamientos, e finalmente eliminaron a forza do Antigo Réxime.

O liberalismo español impuxo a súa orde económica, consistente en quedar con todas as riquezas posibles. Maior riqueza para a clase burguesa era para eles sinónimo de progreso do liberalismo. E era correcto e ségueo sendo. A burguesía busca riqueza para uso exclusivo. En España tal acontecemento, cambio cualitativo, tivo lugar maiormente coas inmensas expropiacións, tanto en cantidade como en valor económico, que se viron na Europa do século XIX. Foron as chamadas “desamortizacións”, acumulación do capital pola burguesía a través da expropiación dun terzo do territorio do Reino de España. Incrible pero así foi, a maior expropiación, maior rapacería, (hoxe os liberais chamaríanlle roubo!!!) en beneficio dunha minoría burguesa da historia de España. Os defensores do Sacrosanto dereito natural á propiedade privada son propietarios por habérllela expropiado a outros propietarios. Os liberais hoxe chaman roubo á expropiación dos seus bens, onte as súas expropiacións no seu beneficio era “PROGRESO”, “ILUSTRACION”, “RACIONALISMO”

As tres desamortizacións, apropiación en beneficio da burguesía, as máis importantes realizadas polos tataravós dos actuais liberais anti-expropiación, foron a de Mendizábal (1836-1837), Espartero (1841) e Madoz (1854-1856).

A “caída” da URSS foi consecuencia de baixar a garda fronte ao pensamento aparentemente superado do Liberalismo

O primeiro de maio de mil oitocentos cincuenta e cinco publicouse A Lei de desamortización de Pascual Madoz. Na mesma ordenábase que:

“Título I. Bens declarados en estado de venda e condicións xerais do seu alleamento.

Artigo 1.- Decláranse en estado de venda, con arranxo ás prescricións da presente lei, e sen prexuízo das cargas e servidumes a que lexitimamente estean suxeitos, todos os os predios rústicos e urbanos, foros e censos pertencentes: ao Estado; ao clero; ás ordes militares….; aos propios e comúns dos pobos; á beneficiencia. E calquera outros pertencentes a mans mortas, xa estean ou non mandados vender por leis anteriores”

En definitiva expropiábanse as leiras da Igrexa e dos municipios, sendo na venda das leiras municipais onde ingresaron o 50% do total.

Os municipios tiñan bens propios que podía arrendar e bens comunais, co seu aproveitamento libre e gratuíto. Era nos bens comunais onde pastaba o gando dos que non tiñan pastos, e fonte de leña e outras necesidades da poboación. Como indicamos era libre e gratuíto.

Os liberais propuxéronse tres metas: apropiarse desa inmensa riqueza, crear unha nova clase media baixa submisa ao réxime ao beneficiarse do latrocinio e por iso temer unha volta atrás, (de reinstaurarse o dominio do Antigo Réxime esas clases medias baixas perderían as leiras ocupadas e posiblemente a cabeza); e terceiro, crear unha gran masa de pobres, de desposuídos, que pasaron a conformar a clase proletaria necesaria na nova orde burguesa, así como a clase xornalera. O éxito liberal foi total.

Sobre parte desta parte da historia temos a obra Karl Marx sobre España (1854-1856) da editorial Trotta, onde se recompilan artigos escritos por Karl Marx e de Engels sobre España para o xornal americano New York Tribune, sobre os acontecementos dos anos 1854-1855 e onde analiza as revolucións de 1808-1814, 1820-1823, 1834-1843 e a de 1854-1856.

A “caída” da URSS foi consecuencia de baixar a garda fronte ao pensamento aparentemente superado do Liberalismo. Grave erro. O instrumento intelectual para evitar a volta atrás era o concepto de Ditadura do Proletariado, que nesa época o PCUS xa abandonara practicamente. Consecuencia dese erro ou relaxamento, as ideas liberais, capitalistas, volveron operar con toda potencia na URSS. Fillos e netos de anticomunistas, educados nas ideas capitalistas, burgueses ou zaristas, camuflados, infiltráronse no poder do estado, en cargos dirixentes, no mesmo PCUS, e co apoio dos inimigos exteriores, crearon un caos xigantesco que desembocou nunha contrarrevolución.

Cal era o obxectivo dos contrarrevolucionarios na URSS, dos liberais, a súa “democracia” e demais pamplinas?: quedar con toda a riqueza do país: “desamortizar” (sóalles a palabra?) a propiedade pública, e ser eles os únicos beneficiarios da riqueza. Roubar ao pobo en definitiva

Con iso observamos que o seu comportamento na España de mediados do século XIX ou na URSS na etapa final é o mesmo: quedar coa riqueza no seu único beneficio. Expropiar, roubar no seu beneficio. Para xustificar ese comportamento están todas as falacias pailanas, vulgares, anticientíficas e idealistas. A realidade é moi simple: os defensores do Sacrosanto dereito natural á propiedade privada son propietarios por habérllela expropiado a outros propietarios.

Debemos ter tamén presente que tras a disolución da URSS, o liberalismo retornou a Rusia a canonazos contra o parlamento, a tiros contra miles de manifestantes que caeron abatidos. A tal feito coñécese como Outubro Negro de 1993, iniciado o día 21 de setembro, e finalizado co triunfo do golpe de estado liberal o día 5 de outubro. Esa realidade histórica, o uso da violencia para re-impor o Liberalismo debe terse presente.

Os liberais (xa progres, xa neo-conservadores) impulsaron e impuxeron o terror coa violencia física e coa fame

Os reaccionarios liberais para derrocar o Socialismo, xunto á violencia, usaron outros instrumentos, como o xurídico coa ilegalización do PCUS. O apoio internacional foi decisivo: os liberais progres ou neo-conservadores de aquí, apoiaron os canonazos, a violencia contra a maioría parlamentaria comunista, o caos creado por un borracho imposto como presidente para provocar a fame e saquear o país (desamortizar ou expropiar as propiedades publicas estatais).

Os reaccionarios liberais empregaron a violencia económica, creando fame, paro, non pagando as pensións, ordenar o peche de empresas, non pagar soldos aos militares, funcionarios, desde médicos a varredores, o medo en definitiva, foi o instrumento usado nese labor. Os Liberais (xa progres, xa neo-conservadores) impulsaron e impuxeron o terror coa violencia física e coa fame.

Eses foron os instrumentos usados polos liberais para a reinstauración do reaccionario liberalismo na URSS. Obxectivo final: expropiar, desamortizar as riquezas públicas e repartilas entre catro burgueses. Os saqueadores usan o seu propio idioma para os papanatas: Todo foi liberal, democrático, racional, ilustrado e moderno.

Nalgunhas repúblicas o poder foi tomado por fascistas e nazis apoiados polos liberais, xa progres xa neo-conservadores, da zona OTAN. Alimentáronos e aliméntanos hoxe. Democracia liberal, chámanlle, e é totalmente correcto e exacto o termo: o Liberalismo é exactamente iso.

Permítanme un receso. Os liberais, xa progres xa neo-conservadores, a gran coalición dirixente da UE, ou partido único (quenda de partidos), son fanáticos defensores das repúblicas creadas por mor da desaparición da URSS. Pero, moi anti-Galiza Ceibe. É curioso o actuar dos moi liberais progres ou neoconservadores. Vexamos.

O que é un dereito para Lituania é unha aberración para Galicia.

É moi usual que os liberais ibéricos se alegree e apoien a situación das republicas bálticas, a súa independencia e soberanía con respecto á Federación Rusa. O goberno e os gobernos máis progresistas do mundo teñen tropas nas republicas bálticas. Alegan o dereito á liberdade dos pobos, á autodeterminación. Con alegre desenvoltura, sorriso e análise, defenden que son unha nación, que teñen unha lingua propia, unha cultura, e por iso, en boa lóxica, teñen que ser soberanos e independentes. E por iso están as tropas da OTAN.

Pero cando aos liberais ibéricos, xa progres xa neo-conservadores, pro-lituanos, pro-estonianos, pro-letóns, pro-ucraínos se les pregunta pola autodeterminación de Galicia, responden con claridade democrática: – Para Galicia unha merda! Tal a nena Regan MacNeil da película O Exorcista, o seu aspecto e liberalismo bondadoso vólvese diabólico e indican que Galicia é distinta. O que é un dereito para Lituania é unha aberración para Galicia. Os sicofantes pro-autodeterminación das terras eslavas, rexeitan a autodeterminación de Galicia, son furibundos antinacionalistas e, por suposto, anticomunistas.

Talvez o elemento determinante do apoio dos liberais, xa progres xa neo-conservadores, ás republicas bálticas, está en que as apoian por ser réximes fascistas. Se Letonia, Estonia ou Lituania fosen socialistas está claro que non serían apoiadas polos sicofantes liberais, xa progres xa neo-conservadores. A OTAN iría invadilos, non a “protexelos”…

A onda liberal reaccionaria trouxo violencia, represión, asasinatos de xefes de estado, purgas de todos os funcionarios e traballadores

Volvamos ás loitas de clases. O socialismo na URSS caeu polo triunfo da onda reaccionaria dos anos 80 do século pasado, e concretamente por abandonar o PCUS o concepto da ditadura do proletariado, ao renunciar á función educadora. A onda liberal reaccionaria trouxo violencia, represión, asasinatos de xefes de estado, purgas de todos os funcionarios e traballadores que non aceptaban o liberalismo e o fascismo: fame. Guerras en Iugoslavia, guerras en republicas da URSS. Hoxe guerra en Ucraína. O réxime ucraíno é armando pola OTAN, apoiados polos moi liberais progres ou neo-conservadores.

Exposto o anterior, vexamos que é a ditadura do proletariado. X. Stalin en base ao pensamento de Lenin, na súa obra Os fundamentos do Leninismo, Apartado IV, “A ditadura do proletariado” considera que:

“O Estado é unha máquina posta en mans da clase dominante para esmagar a resistencia dos seus inimigos de clase. Neste sentido, a ditadura do proletariado realmente non se distingue en nada da ditadura de calquera outra clase, pois o Estado proletario é unha máquina para esmagar á burguesía. Pero hai aquí unha diferenza esencial. Consiste esta diferenza en que todos os Estados de clase que existiron até hoxe foron a ditadura dunha minoría explotadora sobra unha maioría explotada, mentres que a ditadura do proletariado é a ditadura da maioría explotada sobre a minoría explotadora”.

A principal función é educadora: “Baixo a ditadura do proletariado, haberá que reeducar a millóns de campesiños e de pequenos propietarios, a centenares de miles de empregados, de funcionarios, de intelectuais burgueses, subordinándoos a todos ao Estado proletario e á dirección proletaria; haberá que vencer neles os hábitos burgueses e as tradicións burguesas. Pero haberá tamén que reeducar, en loita prolongada, sobre a base da ditadura do proletariado, aos proletarios mesmos, que non se desembarazan dos seus prexuízos pequenoburgueses de golpe, por un milagre, por obra e graza do espírito santo ou polo efecto máxico dunha consigna, dunha resolución ou un decreto, senón unicamente nunha loita de masas prolongada e difícil contra a influencia das ideas pequenoburguesas entre as masas”.