Inicio / Embate / Limiar a uns apuntes dememoria (sobre a transición)**

Limiar a uns apuntes dememoria (sobre a transición)**

Manuel A. Fortes Torres (Catedrático de Filosofía. Doutor en Filosofía. Militante de Anticapitalistas Galiza)

** Nota da revista Embate: O presente texto é o “Limiar” do libro Distopías 18 do noso camarada Xurxo Rodríguez Pérez, que sairá do prelo en breve.

  1. Memoria

Este libro de Xurxo non é só un libro de memorias; é, sobre todo, un libro de memoria, de moi boa memoria. Xurxo lembra cunha gran vivideza acontecementos, personaxes, organizacións, momentos da súa vida, que tamén o é de moitas persoas dispostas a esta lectura; lectura que, de seguro, retrotraerán a situacións, lugares, homes e mulleres coñecidas, ou non, coas que se compartiron, directa ou indirectamente, na camaradería ou no descoñecemento, na cercanía ou na lonxanía, situacións que marcaron unha época, unha época histórica, da nosa historia.

E memoria que el ten, como pouca xente, memoria que comparte, aquí por escrito; e, para quen ten a sorte de participar da súa palabra, esa memoria convértese nun torrente de recordos, que, esquecidos, ou non, en todo caso, convertidos en compartidos, en relembrados.

Esa memoria súa que axuda a facer presente a nosa, na de quen viviu e compartiu experiencias, sentimentos, desexos, esperanzas, dunha época na que eramos novos e na que se nos abrían novidades e na que había tanta confianza na posibilidade de cambiar o mundo de base, de cambiar o poder de clase.

2. Relatos distópicos

A memoria de Xurxo exprésase, neste caso, en breves relatos, nos que aparecen non só feitos, tamén aparecen reflexións, pensamentos, valoracións, xuízos. Estes son relatos de vida, que foi a súa vida, e tamén foi a vida doutras moitas persoas que se verán recoñecidos nos mesmos.

Non hai neutralidade porque nunca a hai e, desde logo, imposíbel cando se sente a intensidade da vida de momentos históricos; de momentos nos que se participou con paixón e entusiasmo, con maior ou menor intervención ou capacidade de intervención.

Relatos nostálxicos? Benvida unha nostalxia da igualdade, da liberdade, da crítica, do compromiso transformador, dun proxecto revolucionario, da entrega. Relatos estes, os de Xurxo, ben distintos e distantes dos “oficiais” deses mesmos tempos, estes últimos asentados na mentira, na ocultación, na manipulación, nun pesebrismo insultante, ao servizo do poder.

Estes relatos son unha auténtica crónica de nós.

3. Un momento histórico: a transición

O centro desta memoria que aquí comparte Xurxo será o que se coñece como a transición, a transición da “ditadura (franquista) burguesa” á “democracia burguesa”.

Acontecementos externos que marcaron esa época son, por exemplo, a guerra de Vietnam, a crise do petróleo do 73 (que se soe tomar como referencia do fin dos “trinta gloriosos”, aínda que, na realidade, a crise do capitalismo, produto da caída da taxa de beneficio, xa comezara antes), o golpe de Estado de Pinochet e os posteriores no Cono Sur (Uruguai, Arxentina), tamén os múltiples movementos de liberación antiimperialistas, a fin da ditadura grega e, sobre todo, pola súa proximidade e influencia, a Revolução dos Cravos.

Acontecementos internos son, o proceso de Burgos e o proceso 1001 e, pola súa proximidade nacional, as folgas obreiras do 72 en Ferrol e Vigo; cos asasinatos, na primeira cidade, de dous traballadores (Amador e Daniel) por parte dos terroristas corpos represivos. Nunca se lles xulgou aos criminais e responsábeis.

En segundo lugar, a execución de Carrero Blanco; sen que os que atentaron contra a súa vida, felizmente con éxito, deixasen de ser alcumados “oficialmente” como “terroristas”, sendo, en verdade, contraterroristas. O que contrasta coa celebración en Alemaña do atentado contra Hitler, infelizmente fracasado, e os honores que reciben os autores.

Ou outro asasinato, “legal”, o de Salvador Puig Antich.

E, tamén, o comezo das fendas nunha das “familias” máis relevantes do réxime franquista, a Igrexa católica; a lembrar homilías como a do bispo vasco Añoveros ou a do bispo galego Araúxo; os sacerdotes comprometidos coa loita antifranquista; os curas obreiros, moitos deles implicados politicamente en partidos de esquerda e en sindicatos rupturistas co réxime; como tampouco é de esquecer o papel da HOAC, que de organización católica de solidariedade obreira chegou a ser orixe de organizacións sindicais e de partidos políticos opostos á política do franquismo.

Outra fenda, noutro baluarte, foi a aparición da UMD. Quizais non foran moitos, pero abría a opción a pensar que eran máis que os detidos e a pensar que non había monolitismo no exército.

E, por suposto, non esquecer o abandono do Sáhara, que nun ominoso tratado se lle entregou a Marrocos e Mauritania; e esta última non puido soportar a guerra coa Fronte Polisario, o que lle levou a abandonar “a súa parte”, ocupada inmediatamente polo reino alauita.

Eses relatos dan fin naquel momento histórico no que semella que se “consolidou a democracia”; ou sexa, cando a clase que se impuxo na transición (a mesma do poder na longa noite de pedra) estea convencida e, quizais desgraciadamente, con boas razóns, de que se acadou a estabilidade tras anos de convulsións, nos que, aínda, tremeu ante a posibilidade de que torcesen as súas expectativas.

A “estabilidade de clase” acadada e esperada ten dous nomes, dous feitos, que a simbolizan coa súa realidade material, e que se complementan: a entrada na UE e a entrada na OTAN.

4. O instituto: loita e conciencia política

A vangarda da loita antifranquista foi, sen dúbida, o movemento obreiro; pero tamén cómpre lembrar outro ámbito de loita, outro espazo de contestación á barbarie, que foi o movemento estudantil. E non só universitario, senón tamén nos institutos.

Así, Xurxo lémbranos, especialmentde, a loita antifranquista do estudantado do Instituto Santa Irene (tamén coñecido como o “instituto masculino”, sendo o San Tomé o “feminino”).

A comezos dos setenta inícianse as obras de remodelación da sede deste centro de bacharelato nas Travesas, motivo polo cal profesorado e alumnado trasládanse para un edificio recén construído en Coia, ao que se lle chamou despois Coia II e, finalmente, Alexandre Bóveda. Pero, inicialmente, non era senón unha ubicación provisional do histórico Instituto de Bacharelato Santa Irene (das Travesas).

Xa no curso académico 72-73 realízanse as primeiras asembleas de estudantes, iniciándose, nese primeiro ano de vida dese centro en Coia, a toma de conciencia antifranquista, para uns, que para outros esa conciencia xa existía plenamente.

Pero foi o curso seguinte, 73-74, o segundo da vida dese instituto, cando as protestas contra o réxime acadaron cotas moito maiores e ocupando espazos máis alá da vida no centro; en efecto, ademais das asembleas multitudinarias e as xornadas de folga, chegan a producirse manifestacións coordinadas con outros institutos xa existentes e algún colexio privado, percorrendo as rúas da cidade.

O motivo puntual foi a decisión dun ministro de educación, un tal Cruz Martínez Esteruelas, de establecer unhas probas de acceso á universidade, a “selectividade”. A oposición á mencionada “selectividade” acabou sendo a oposición a un símbolo do réxime e, así, ao réxime mesmo.

A resposta do estudantado foi decidida, con asembleas, desaloxos, folgas e manifestacións; e naturalmente, a policía, os “grises” e a BPS, responderon co que saben facer: con represión.

E un dos líderes do movemento estudantil no Santa Irene en Coia será Xurxo. El e outros, xa suficientemente concienciados, convertéronse, coas súas intervencións nas asembleas, en auténticos mestres na introdución da conciencia antifascista e da formación política doutros moitos estudantes.

Podemos lembrar, ademais de a Xurxo (LCR), a José Luis Ezama (PCE), Lidia (MC), Fito (MC), Javier Lamoso (MC), Antolín (ERGA), Juan Diego Riera (LCR), Gonzalo Meixide (GUM), Antonino Torrón (ERGA), Rita Pérez (ERGA, filla do profesor Cándido Pérez, irmán de Rufo Pérez), Romón (ERGA ou simpatizante), Campo (ERGA), Sara e Lucía Cid Cabido (simpatizantes do nacionalismo), Linares (GUM), ou Pablo Crespo (FEDE-FRAP), represaliado, como outros, polo seu activismo estudantil; e aos que engadir, por exemplo, Rosa e Alicia no San Tomé. Evidentemente, cando se dan nomes córrese o risco de esquecer outros (de persoas ou organizacións). Desculpas.

Finalmente, a amplitude, claramente inesperada, dun movemento estudantil combativo xa no ensino medio, foi o que seguramente máis preocupou e influiu na decisión das autoridades académicas de dar un paso atrás, retirando, de momento, ese proxecto de lei.

Mais ao curso seguinte, no 74-75, como xa “avisaran” (que se suspendía a aprobación da lei por un ano, pero que se aplicaría ao seguinte), recuperouse a intención de implantar a “selectividade”. E no curso seguinte recuperouse, tamén, o movemento estudantil; recuperáronse as asembleas, folgas, desaloxos, manifestacións e, por suposto, cargas policiais; incluíndo “peches patronais”, como chegou a acontecer co Santa Irene en Coia, en Febreiro do 75, fenómeno singular. E, de novo, líderes estudantís, que xa se iniciaran na loita no curso anterior, fixéronse presentes, fixéronse oír, e fixeron que outros novos estudantes accederan á conciencia política antifascista neste novo ano. Outra vez, un destes líderes, destes intervintes nas asembleas, destes estudantes con maior conciencia política, era Xurxo Pérez. E, afortunadamente, contamos coa súa memoria deses anos.

5. A represión

O réxime autocrático non podía soportar a lucidez; a tiranía franquista tiña que respostar ante un inédito movemento estudantil en medias. E faríao como xa o estaba a facer na universidade. Con ameazas, malleiras, detencións, agresións, apertura de expedientes, expulsións do ensino.

Naturalmente, quen máis directamente viviron a resposta represiva do réxime foron aqueles que máis se significaron, os que, de feito, asumiran ese liderado nas protestas, na clarificación de ideas. Como habitual participante, pero non só participante, senón propiamente activista, dos que toman recorrentemente a palabra nas xuntanzas de estudantes no Santa Irene en Coia, Xurxo acabou converténdose nun dos albos da reacción represiva do fascismo; xa de primeiras, expedientado pola súa participación política nos sinalados acontecementos.

Cada caso, cada circunstancia persoal, envolve como se patentiza a represión nesa persoa. E moitas desas circunstancias teñen que ver coas familias, coas amizades, coas relacións.

A Xurxo, xa expedientado, como diciamos, ante a “contumacia” da súa “rebeldía”, déuselle a opción de exiliarse e, así, evitar “males maiores”.

6. O exilio: París

A súa memoria lévanos ao seu exilio.

Provisto dun pasaporte, amabelmente entregado pola policía, colle o tren: Vigo-Irún-Hendaia-París. E estamos no ano de 1975.

Estaremos nese París ben vivido por el, que consegue facernos partícipes dese epicentro de disidencias, damero antifranquista, que era a capital francesa. A súa memoria levaranos do Quartier Latin a Vincennes, da Librairie Espagnole á Comuna antinacionalista zamorana, da Causa du peuple á Boule d’or.

Con el, coñeceremos compañeiros de exilio, nomes recoñecíbeis, e outros nomes que aparecen, quizais perdidos para moitas memorias, pero non para a súa. Contactos políticos, persoais, coñecidos, amizades… De entre estes compañeiros de exilio, cos que Xurxo mantivo unha ampla e, en casos, estreita relación, son referentes imprescindíbeis Agustín García Calvo, por unha banda, e “Foz”, pola outra. Este último merece lembrarse, especialmente, porque a súa actividade consistía, fundamentalmente, en “facer país”; isto é, el foi quen de situar a Galiza como suxeito político, a facela presente, pola súa responsabilidade, en acordos, comunicados, asinando manifestos… en axente intervinte en todo tipo de acontecementos nos que se recoñecía e se lle recoñecía como nación de seu.

E estando alí produciranse, e el vivirá, toda unha serie de acontecementos políticos que marcan a historia dos últimos momentos do franquismo.

Hai duros momentos, como o asasinato en Ferrol do revolucionario galego Moncho Reboiras (militante da UPG), por terroristas uniformados. Ou os últimos asasinatos “oficiais” do franquismo, de tres militantes do FRAP (Baena, Sánchez Bravo e García Sanz) e dous de ETA (Txiki e Otaegui).

E vive alí, tamén, todo o proceso da enfermidade terminal do ditador e, finalmente, a súa morte, naquel 20 de novembro de 1975.

E vive alí, tamén, todo o proceso da enfermidade terminal do ditador e, finalmente, a súa morte, naquel 20 de novembro de 1975.Meses intensos en París, dun tempo acelerado, de formación política e persoal, e que Xurxo nos transmite con intensidade e amenidade, facéndonos partícipes, con el, de vivencias duns momentos irrepetíbeis, únicos.

7. A volta e a “apertura”: o primeiro goberno da monarquía

Aos poucos meses da morte do ditador Xurxo volve a Galiza. Ao pouco tempo confírmanlle as autoridades que os motivos polos que lle “suxeriran” que debía marchar do país, ante a nova situación política “desapareceran” e que, polo tanto, pode volver a residir na Galiza sen que se lle “moleste” polo seu pasado activista.

Son os momentos do primeiro goberno da monarquía, presidido por Arias Navarro, con Fraga no ministerio da Gobernación, Areilza en Asuntos Exteriores, e Adolfo Suárez na Secretaría Xeral do Movemento.

Do máis significativo dese goberno foi o que se chamou “espírito do doce de febreiro”, un ultratímido intento de “apertura”, cuxo núcleo era a posibilidade de construír “asociacións políticas” (que non partidos); o que, para nada, atendía ás reclamacións populares, de cambio político real, que se expresaban nas múltiples manifestacións, folgas…

A pretensión fraguista de control da orde pública, de represión das mobilizacións políticas, de traballadores, estudantes, da sociedade en xeral, e que el simbolizou cunha frase que quedou para a historia (“la calle es mía”), tamén foi un fracaso.

E se son múltiples as situacións de desbordamento político do réxime por parte da oposición, da sociedade, dous acontecementos quizais merezan unha especial atención: primeiro, o asasinato polas forzas da (des)orde pública de inicialmente cinco traballadores en Vitoria e logo dous máis en manifestacións de protesta. Os terroristas utilizaron fogo real contra traballadores concentrados e nunca se procedeu a unha investigación da matanza. O responsábel último estaba claro, o responsábel da policía: Manuel Fraga Iribarne.

O outro acontecemento que coidamos relevante deuse en Montejurra. O Partido Carlista, dirixido por Carlos Hugo de Borbón Parma, formaba parte da oposición; e ademais representaba unha posta en cuestión da dinastía borbónica que o ditador entronizara na figura de Juan Carlos I. De aí o interese especial en facer desaparecer a este movemento político.

Mais fronte a Carlos Hugo opoñíase Sixto, que reclamaba para el a figura da dirección do movemento carlista, e o facía cunha proposta política e cuns aliados radicalmente contrapostos, o entón chamado “búnker” do réxime franquista.

Anualmente en Montejurra, un monte situado no Pirineo navarro, realizábase un acto de exaltación do movemento carlista. Pois ben, en 1976, os partidarios de Sixto, coa colaboración do citado “búnker” franquista e de fascistas procedentes doutros países, como Italia e Arxentina, enfrontáronse cos partidarios do que era o lexítimo dirixente, Carlos Hugo, utilizando armas de fogo, asasinando a dúas persoas e ferindo a bastantes máis.

Estes dous actos terroristas (contra o movemento obreiro e contra un partido da oposición ao réxime e á dinastía) patentizaron a disposición criminal, pertinaz, das autoridades posfranquistas (ou, simplemente, franquistas) de facer fronte á resposta popular de rexeitamento da pretensión “aperturista” de lavado de cara do réxime.

8. Comeza a transición co segundo goberno da monarquía: reforma ou ruptura

As folgas, manifestacións, de traballadores e estudantes, e todo tipo de actos contra a política gubernamental, evidenciando o seu fracaso, acabou provocando, en xullo, a demisión, aceptada polo rei, do presidente do goberno Arias Navarro e a súa substitución por un pouco coñecido Adolfo Suárez.

O nomeamento de Adolfo Suárez foi unha auténtica sorpresa (os que aparecían como principais candidatos eran Fraga ou Areilza) e, en principio, nada ben recibida pola oposición, pois lembremos que, no anterior goberno, exercera o cargo de ministro secretario xeral do movemento, logo, semellando ser unha figura radicalmente continuísta; e que entrara no “xogo” daquel “espírito do doce de febreiro”, que pretendía iniciar a “apertura política”, coa fundación dunha asociación política, a Unión del Pueblo Español.

A partir dese momento ábrese realmente o proceso de cambio. Déixanos moi claro Xurxo o que foi, desde o primeiro momento, o gran debate na transición: este era entre reforma ou ruptura. Liderando a primeira opción estaba o novo goberno, presidido por Adolfo Suárez, cabeza dos reformistas do réxime; estes só buscaban unha transformación institucional, “desde dentro”, mantendo o poder de clase (da clase que dera o golpe de Estado “en diferido”) e, así, as institucións fundamentais, como a monarquía (e non “tocar” nin á policía nin ao poder xudicial); isto é, un “continuísmo” do réxime, cun mero cambio de fachada, cunha aparencia democrática.

O tempo poñerá en branco sobre negro canto de rupturista e canto de reformista acabará sendo cada un. […] E tanto PC como PSOE acabaron aceptando, aínda que sen recoñecelo, a opción reformista

Lideraba a segunda o máis importante partido da oposición ao réxime, o Partido Comunista; e xunto a este aquel minúsculo Partido Socialista, dirixido recentemente, unha vez que se desfixeron da “vella garda” (logo denominada PSOE Histórico), por un avogado sevillano, Felipe González; tamén estaría aí un partido socialista alternativo, o PSP, que dirixía o profesor Tierno Galván, que acabaría fusionándose co PSOE (non o Histórico, que sería un partido sen futuro). Ademais, todo o que se chamaba daquela extrema esquerda: LCR, MC, ORT, PC(ml)-FRAP, PC(r)-GRAPO, PT, como organizacións, quizais, máis relevantes. E a estes habería que sumar toda a esquerda nacionalista dos nacionalismos periféricos (de Galiza, Euskadi, Catalunya e tamén Canarias).

O obxectivo da oposición inicialmente rupturista, para uns, no fondo, mera retórica, para outros sinceramente: cambiar o poder de clase, o que implicaba a instauración da República e o dereito de autodeterminación para as nacións que conforman o Estado.

Xunta Democrática (liderada polo PC) e Plataforma de Converxencia Democrática (liderada polo PSOE) foron organizacións de confluencia da oposición; e, finalmente, as dúas acabarán fusionándose nunha soa. Só algúns poucos partidos, realmente rupturistas, quedaron fóra.

O tempo poñerá en branco sobre negro canto de rupturista e canto de reformista acabará sendo cada un; é dicir, cal era a retórica e cal a práctica política efectiva. E tanto PC como PSOE acabaron aceptando, aínda que sen recoñecelo, a opción reformista; quedando como únicas forzas rupturistas a anteriormente denominada extrema esquerda española e máis a esquerda radical nacionalista.

O PC xa proclamara había tempo a política de reconciliación nacional (entre vítimas e vitimarios); e neses tempos, ao igual que outros partidos comunistas do sur de Europa, o francés e o italiano (onde están hoxe?), entrara na vía do denominado eurocomunismo (que poderiamos denominar como evolución, ou involución, cara á socialdemocracia: reformismo, ilusión institucional); e iso marca o seu proxecto político real. A súa análise da correlación de forzas, tanto a nivel internacional (non aceptarían as burguesías europeas nin a norteamericana ningún proceso que puxese en cuestión o poder real, análise que fortalecería a evolución política que seguiu a veciña Portugal e como se cortocircuitou alí o proceso revolucionario en curso) como no Estado (tanto do goberno e da “popularidade” da súa política reformista como do “búnker” e das súas ameazas recorrentes, reais ou ficticias, de golpe de Estado, o “ruído de sables”) marcaron a súa política real e a aceptación do que se chamou ruptura pactada, que non era outra cousa que a reforma.

Nas primeiras eleccións só puideron participar legalizados os partidos, de feito, reformistas, tendo que acudir con nomes de frontes, agrupacións ou plataformas […] os partidos rupturistas

O mesmo “proceso” levou a cabo o PSOE; pero este non precisaba de tantas xustificacións: xa estaba “na súa natureza”, que quedou clara no XX Congreso, o do “abandono do marxismo” (frase de Felipe González para a historia: “hai que ser socialistas antes que marxistas”).

En Galiza as principais forzas rupturistas acabaron agrupándose no denominado Consello das Forzas Políticas Galegas, formado pola UPG, PSG e PGSD, inicialmente, uníndose posteriormente MCG e Partido Carlista Galego.

No País Vasco e Navarra estaba a denominada esquerda abertzale, con ETA e os partidos políticos coincidentes cos seus obxectivos, EIA (que acabaría conformando Euskadiko Esquerra) e Herri Batasuna á cabeza.

En Catalunya están o partido maioritario da oposición, o PSUC (a versión catalá do PCE), a Asemblea de Catalunya (non esquecer a Lluís María Xirinachs), ou a confluencia partidaria, denominada Consello de Forzas Políticas Catalás, formado exclusivamente por organizacións políticas nacionais.

E nas Illas Canarias, o MPAIAC.

A sinatura e a non sinatura dos Pactos da Moncloa deixárano claro: quen era reformista e quen rupturista.

Xurxo faranos revivir, como fixera coas distopías parisinas, uns momentos radicalmente intensos na orde política; e dunha vértixe tan “esquecida” como manipulada polo seu “relato oficial”.

9. A reforma imponse como fábula

9.1. Con Xurxo, coas súas distopías, participamos da transición, vivímola. Así, denuncia a propaganda do “réxime do 78” e a súa “versión autorizada”, perpetrada a mans da periodista Victoria Prego, que a pinta prácida e de cor de rosa, apacíbel e serea, resultado exclusivo da magnanimidade e o bo saber facer duns cantos persoeiros, comezando por El-Rei e Adolfo Suárez; e presentada como unha “democracia concedida ao pobo”, sen que este, que só estivo espectante, tivese intervención algunha.

Mais Xurxo vén dicirnos que é certo que o ditador morreu na cama, pero a ditadura morreu na rúa, por moito que lles pese a todos e todas as que pretenden ocultar a necesaria, imprescindíbel e decidida acción política de traballadores, estudantes e cidadanía en xeral.

En efecto, insístenos Xurxo en que non tivo nada de modélica nin de pacífica, senón que houbo toda a violencia que se veu necesaria para manter a orde vixente e, así, impedir que de ningunha maneira coubese poñer en cuestión a dirección e o poder de clase. Segundo as fontes de referencia, os corpos represivos e organizacións terroristas afíns (como os tristemente famosos, daquela, Guerrilleros de Cristo Rey) causaron de entre cincocentos a setecentos mortos e bastantes máis dun millar de feridos.

Naturalmente, as forzas imperiais estiveron sempre ao tanto de todo o proceso e manexaron os fíos, na medida en que puideron, para que fose certo aquelo do “atado e ben atado”.

9.2. A lei para a reforma política foi o inicio do proceso reformista, “de lei en lei”, da lei franquista á lei “democrática”. Aprobada en referendo, o goberno procedeu á convocatoria das primeiras eleccións “democráticas”.

E nas primeiras eleccións só puideron participar legalizados os partidos, de feito, reformistas, tendo que acudir con nomes de frontes, agrupacións ou plataformas, pero non co seu propio, os partidos rupturistas (por exemplo, FDI-PT, AET-ORT, FUT-LCR…). Na Galiza a plataforma do nacionalismo radical denominouse BNPG; o que supuxo unha escisión na UPG por parte dun sector oposto a presentarse ás eleccións. Deste sector saíron, primeiro, a UPG-liña proletaria, logo PGP, logo Galiza Ceibe, e logo, confluíndo co PCLN e grupos menores, a FPG.

9.3. Os parlamentarios e senadores elixidos na primeira convocatoria electoral, xuño de 1977, foron quen de elaborar a Constitución española, que substituiría ás Leis Fundamentais do Reino.

De relevancia: a extrema dificultade para a súa modificación, un sistema electoral pretendidamente proporcional pero practicamente maioritario, un senado sen practicamente funcións propias, e o Estado das autonomías como alternativa, falaz, ao dereito de autodeterminación (o que se acabou denominando “o café para todos”; que non solicionou nada, porque non tiñan, nin teñen, interese, os “poderes reais” en asumir a realidade plurinacional do Reino de España). Naturalmente, consagración da monarquía.

Tamén de relevancia, que, no referendo constitucional, en Euskadi o PNV chamou á abstención e os partidos abertzales de esquerda pediron o NON. Gañou a abstención en Biskaia e Gipuzkoa; en Áraba gañou a participación por pouco, pero sumadas os votos en contra, tampouco saíu aprobada. Unha curiosidade é que en Ourense tamén gañou a abstención.

9.4. Formou parte do proceso a elaboración dunha Lei de Amnistía para delitos políticos, así considerados polas leis (?) franquistas. Mais o certo é que foi unha “amnistía trampa”, que daquela se esperaba que fose de aplicación para os loitadores pola liberdade, pero que, na realidade, foi para que quedasen impunes os crimes franquistas e os dos primeiros momentos da transición; e iso cando houbo algunha investigación, que xamais “procedeu” cando foran cometidos polos corpos represivos.

9.5. As máis significativas reivindicacións políticas das forzas rupturistas eran: Amnistía Total (de verdade, non a “trampa” que resultou ser), disolución dos corpos represivos, dereito de autodeterminación para as nacións que formaban o Estado español e República (federal ou confederal, no seu caso). As económicas resumíanse nunha nova política económica, ao servizo da maioría social, das clases traballadoras.

E, como xa dixemos, “pasou o que pasou”. Na loita de clases perderon as que buscaban a ruptura; e gañaron as que “se conformaban” cunha reforma: perdeu o mundo do traballo, gañou o capital.

9.6. Nos relatos de Xurxo daqueles tempos hai moitas referencias a Vigo, onde os viviu, un Vigo que era unha cidade obreira, loitadora, vangarda antifascista. E tamén vangarda noutros moitos aspectos, como os culturais. Por exemplo, o Grupo de Comunicación Poética Rompente (Avendaño, Reixa e Romón, con Pexegueiro nos inicios e, de modo máis fugaz, Camilo Valdeorras); ou o compositor vangardista de música experimental Enrique X. Macías; ou os pintores Lodeiro, Xosé Guillermo, Ánxel Huete, Antón Patiño ou Menchu Lamas, entre outros (que logo participaran na fundación do Grupo Atlántica de pintura). E moitos e moitas máis en variados ámbitos culturais. Tamén, por exemplo, seguindo a “febre” estruturalista francesa, aquí houbo o seu lugar para unha das súas manifestacións, a psicanálise lacaniana. A lembrar uns cursos dados polo arxentino Oscar Masotta, logo convertidos en libro, a psiquiatras, psicólogos… como Cipriano, Uxío, Antón, Pepe, Paco, Miguel, Tito, e outros nomes que se escapan á memoria.

Un Vigo onde lembrar lugares inesquecíbeis e “imprescindíbeis” como remate de moitas manifestacións e concentracións, de xuntanza posterior, á beira da Porta do Sol (quen sabía que daquela aínda tiña a denominación oficial de “Plaza del Capitán Carreró”, ou que a Travesía de Vigo fora “convertida” na “Avenida del Almirante Carrero Blanco”?). Son A Viuda, ou O Elixio, ou O Bosque; pero non os únicos “lugares de encontro”, ou “sedes conspirativas”. Moitos xa desaparecidos e perdidos na memoria, pero non en todas as memorias…

Outro mundo semellaba posíbel. Por esa posibilidade
loitou Xurxo […]. Ao mesmo tempo, estas distopías son
tamén […] unha homenaxe a ese compromiso revolucionario e aos que se comprometeron coa revolución.

10. Fin da transición

Despois da Constitución hai novas eleccións con minoría maioritaria para UCD; pero vai comezando a súa implosión, coa división das correntes dentro do partido, a perda de confianza de Juan Carlos I en Adolfo Suárez, co seu “acoso” e conseguinte “derrubo”, e o Golpe de Estado, ou ópera bufa, de Tejero, fracasado (fracasado?), “grazas á heroicidade” do Rei Juan Carlos I. Toda a información que os servizos do Estado posúen sobre o papel do Borbón e tamén de determinadas organizacións políticas ao respecto desa intentona golpista segue a ser “segredo de Estado”.

O derradeiro goberno de UCD, de Calvo Sotelo, tomou a decisón do ingreso na OTAN do Reino de España. Por maioría simple no Congreso.

A maioría conservadora de UCD entra en AP, unha minoría segue como UCD e outra, seguindo a Adolfo Suárez, forma o CDS, moi poucos (o grupo de Fernández Ordóñez) van ao PSOE. Novas eleccións e maioría absoluta do PSOE, con AP (de Fraga) como segunda forza política, a moita distancia parlamentaria.

Pero realmente, entende Xurxo, a transición non acabara aínda, senón que continuou até unha loita “final”, a do referendo sobre a OTAN, en 1986, xa gobernando o PSOE.

A ambigüidade do PSOE ante a decisión do goberno de Calvo Sotelo (“OTAN, de entrada, non”), converteuse en pouco tempo na defensa pechada da integración na organización militar, incluíndo tanto a manipulación informativa sobre ese tema nos medios públicos, como a complexa e “tramposa” pregunta, como a ameaza de demisión do presidente do goberno daquela, Felipe González, cuestionando “quen xestionaría o NON”.

Aínda que acabou gañando o si, o NON resultou maioritario en catro Comunidades Autónomas (ou nacións): Euskadi, Nafarroa, Catalunya e Illas Canarias; e en tres non acadou o 60% dos votos (Madrid, Asturias e Galiza, aquí coa participación máis baixa do Estado, non chegando ao 40%). Esta derrota, confirmación da pertenza á OTAN, máis a entrada na UE si marca a fin da transición .

Os reformistas, xa a cara descuberta, triunfaran e marcaron unha nova longa noite de pedra.

11. Prensa e cantautores

Cabe mencionar o importante papel xogado por determinadas revistas, semanais; a salientar, Mundo, Cuadernos para el diálogo, Triunfo ou Cambio 16. No noso país, Teima. A desaparición de todas a medida que se consuma a transición é un sinal, un mal sinal, de por onde ía esta.

Tamén cómpre lembrar outro tipo de revistas, humorísticas, cun papel tampouco desprezábel; como La Codorniz (histórica revista de humor, que conseguiu sobrevivir ao ditador, pero desaparecida a comezos da transición), Barrabás (“a revista satírica do deporte”), que desapareceu para fundar outra, El Papus (“a revista satírica e neurasténica”), que foi vítima dun atentado terrorista, Hermano Lobo, Por Favor, ou El Jueves. Todas elas aparecidas e desaparecidas na transición, agás El Jueves, que segue a existir na actualidade.

Finalmente, tamén liamos outras revistas, de cariz máis teórico e con outra periodicidade (normalmente mensual), como El Viejo Topo, Monthly review/Revista mensual, Ajoblanco ou Ozono.

Non podemos esquecer a música que nos acompañou naqueles tempos. Indubidabelmente a gran referencia, José Afonso co seu Grândola (sinal para a Revolução dos Cravos); pero hai máis portugueses que lembrar, Luis Cilia, José Mario Branco, Fausto, Vitorino. No Reino de España Paco Ibáñez (imprescindíbel “Paco Ibánez no Olimpia de París”), Pablo Guerrero, Luís Pastor, Luis Eduardo Aute, Labordeta, Jarcha, Rosa e Julia León, Mari Trini, Cecilia, Ana Belén e Víctor Manuel… En Euskadi Benito Lertxundi, Mikel Laboa, Imanol, Xabier Lete, Oskorri, Pantxoa eta Peio, Julen Lekuona, Patxi Andion… Nos Països Cataláns á nova cançó, que nos ofreceron dous himnos, Al Vent, de Raimon, e L’Estaca, de Lluís Llach; e xunto a eles, Pi de la Serra, Ovidi Montllor, Marina Rossell, María do Mar Bonet ou Guillermina Motta. No noso país, pasamos de Voces Ceibes, Los Tamara (co seu cantante Pucho Boedo) ou Andrés Dobarro (canción “lixeira” en galego, con dous números 1 nas listas de éxitos a nivel de Estado), ao Movemento Popular da Canción Galega. Merecen estar na memoria dous discos emblemáticos, Aí vén o maio, de Luís Emilio Batallán, e Rosalía de Castro, do cantante do Bierzo Amancio Prada. Outros nomes que lembrar, Pilocha, Jei Noguerol, Xerardo Moscoso, Miro Casabella, Suso Vaamonde, Bernardo Xosé, A Roda, Fuxan os Ventos, Benedicto, Bibiano, Rodrigo Romaní e Antón Seoane; estes últimos impulsores, xunto con outros, primeiro de Roi Xordo e despois de Milladoiro; e, participando da mesma orientación musical, Emilio Cao; fóra das nosas fronteiras, o bretón Alan Stivell. E máis lonxe aínda, en Sudamérica, e por só citar algúns poucos, Mercedes Sosa, Violeta Parra, Daniel Viglietti, Quilapayún e o sempre inesquecíbel Víctor Jara (asasinado polo terrorismo pinochetista). Pouco despois chegará A Nova Troba Cubana, con Silvio Rodríguez e Pablo Milanés. E moitos e moitas máis. No norte do continente, Joan Báez. E se pasamos á parte final da transición, nos anos oitenta, e formando parte da chamada movida, só sinalar algúns grupos do país, Siniestro Total, Golpes Bajos, Aerolíneas Federales, Os Resentidos, Semen Up, Radio Océano, Viuda Gómez e Hijos…

12. Conclusións

Nas distopías, Xurxo daranos moitas claves para adentrarnos nunha época que se nos oculta, cando non se nos manipula. Cunha posición claramente comprometida. Co mesmo compromiso político dos seus anos mozos no instituto Santa Irene en Coia. Compromiso no desvelamento dos intereses subxacentes, de clase, operantes en todos os suxeitos e acontecementos políticos. Isto é, as distopías son, tamén podemos dicilo así, textos de intervención, comprometidos cunha esperanza política, a que animaba aos rupturistas, aos que aspirabamos a cambiar o mundo de base.

Son relatos apaixonados e nos que se nos transmite o frenesí con que el vivía e se vivían eses tempos, recuperados coa súa memoria. Impagábeis distopías para esa abertura a un mundo que foi, e que, e como, acabou sendo; pero tamén como puido ser. Outro mundo semellaba posíbel. Por esa posibilidade loitou Xurxo e loitaron tantas persoas. Ao mesmo tempo, estas distopías son tamén, por tanto, unha homenaxe a ese compromiso revolucionario e aos que se comprometeron coa revolución.

Algunhas destas Distopías publicáronse en formato dixital con anterioridade ao actual proxecto. Así mesmo, todas aquelas que fan referencia ao Instituto Santa Irene apareceron nunha publicación, en papel, de Salvador Beloso Arenosa titulado Memorias. Instituto Nacional de Enseñanza Media Santa Irene, na editorial Rinoceronte, como un capítulo, baixo o epígrafe Distopías 18 e sinalando a autoría de Xurxo.

13. O primeiro: o golpe de Estado

Remata Xurxo os seus relatos cun traballo seu de fin de grao (en Ciencias Políticas); un traballo sobre a Guerra de España, tamén chamada, falsamente, Guerra Civil. Estuda as posicións tomadas polas diferentes potencias, de defensa aberta do golpismo fascista, mesmo con intervencións militares directas de apoio, como foi o caso dos gobernos de Italia, Alemaña e Portugal; ou do apoio encuberto, baixo a presunta e enganosa “neutralidade” (“Non intervención”) das “democracias”, sinaladamente a británica, a francesa e a norteamericana. As burguesías desas nacións tomaron a posición política de solidariedade de clase, de solidariedade coa burguesía española, que apoiara abertamente o golpe fascista.

14. Coda

Quen escribe este Limiar e Xurxo coñecímonos no Santa Irene en Coia no curso 73-74. Era Xurxo un activista político, con clara conciencia antifascista e comunista, daquela no ámbito da LCR; quen isto escribe, estaba iniciándose na antedita conciencia e na loita antifranquista, asistindo a asembleas e participando en desaloxos, manifestacións, folgas.

Tras ese curso, houbo moitos anos sen contacto, aínda que, seguramente, coincidirían, pero sen conciencia diso, en moitas actividades antifranquistas en Vigo durante a transición, á volta de Xurxo de París.

Quen isto escribe viviu a transición entre Compostela e Vigo e Xurxo en Vigo. Xurxo abandonou a LCR e participou en novos proxectos políticos; quen isto escribe iniciouse organizativamente no nacionalismo (ERGA, AN-PG); mais co tempo as súas simpatías políticas orientáronse cara a LCR, pero onde non chegou a militar.

A historia persoal de cada un tomou camiños diferentes na anteriormente denominada nova longa noite de pedra, a felipista; percorrido profesional nun caso e “outro autoexilio” en Xurxo, nas Illas Canarias, en concreto en Fuerteventura.

Tras volver a Galiza, Xurxo promoveu, coa axuda de vellos amigos (a sinalar, especialmente, Alfonso, Rita de Saa ou Magis), un acto de confraternidade de antigos militantes da LCR, incluíndo a antigos simpatizantes. A excusa foi a presentación dun libro de Jaime Pastor, Los nacionalismos, el Estado español y la izquierda, nunha librería de Vigo, “La Casa del Libro”, ao que seguiría unha cea con el de antigos camaradas; e tamén dun amigo seu, e tamén un referente no xornalismo (que merece ser recoñecido como auténtico cronista da cidade), Fernando Franco, que colaborou na celebración do evento e que o reseñou nas páxinas do periódico local Faro de Vigo.

Poucas semanas despois replicouse en Pontevedra a presentación do libro (na “Librería Paz”) e a cea, asistindo un número menor de convidados, mais contando coa presenza dalgún antigo dirixente, como Xaquín del Valle Inclán, ou alguén que, sen ser sequera simpatizante, era amigo persoal de Xurxo e a quen moitos considerabamos, no seu tempo, o único anarquista de Compostela (os demais erán ácratas), Xiao Roel, catedrático de latín, falecido hai poucos anos.

Daquela Jaime Pastor era dirixente da organización Izquierda Anticapitalista, cuxa orixe estaba na LCR, pasando por Espazo Alternativo (construído tras unha fusión co MC fracasada, no Estado, que non na Galiza, onde dera orixe a Inzar), e aconsellou a Xurxo que se puxese en contacto con alguén do partido galego confederado con este (Esquerda Anticapitalista Galega) e, probabelmente, pensando que pola idade poderiamos coñecernos, indicoulle un nome, o de quen isto escribe. E así foi como se produciu o reencontro, arredor do ano 2012; e, neste caso, xa supuxo contacto persoal que acobou converténdose en amizade e en colaboración en diversos actos e, agora, neste proxecto.

Ao ano seguinte, Xurxo promoveu outro encontro-cea coa asistencia de persoas coas mesmas características políticas, tamén noutro hotel céntrico de Vigo. Neste caso, a organización do acto realizou o traballo (para o que cómpre salientar a Manuel Campillo e, de novo, Rita de Saa) de copiar e entregar exemplares dun número do xornal da LCR na Galiza, O Roxo, e CDs de acompañamento sobre o mesmo tema. Parte era material particular e parte procedía da “Fundación Penzol”.

Boa lectura!