Inicio / Embate / Gaza: Un xenocidio televisado.A loita polo relato como fronte da resistencia

Gaza: Un xenocidio televisado.A loita polo relato como fronte da resistencia

Elena G. Núñez

Sobre a cuestión palestina moito hai escrito e analizado nos últimos tempos. E con todo, non é abondo. Pois, como ben se ocupa de retratar Mohamed Safa na súa última obra, “Gaza: Un xenocidio televisado” (2025, traducida ao galego por Xulio Valcárcel), en tempos de guerra a palabra é unha arma contra o inimigo igual de imprescindible ou máis ca os mísiles, especialmente cando ese inimigo goza dun poder e influencia externos tan totalizadores e inmensos coma o ente sionista.

Safa, médico natural da Cisxordania ocupada e afincado no noso país durante a meirande parte da súa vida, enfoca o seu valioso labor divulgativo sobre o grave espolio que vén sufrindo a súa terra lembrando a importancia dunha análise material e sen falsidades sobre as orixes do conflito; orixes que o propio Estado xenocida emprega múltiples recursos en disfrazar e ocultar. El mesmo comeza este libro detallando o contexto de censura mediática que rodeou e segue a rodear ás prácticas do Estado de Israel dende a súa creación e, máis notablemente, dende a brutal ofensiva xustificada a raíz do 7 de outubro de 2023.

A sofisticación da censura e o espectáculo da sobreexposición

Como explica Safa e como igualmente avalan infinitas testemuñas, a deliberada estratexia de ocultación da verdade que desprega o proxecto sionista trasládase nun ataque directo ao traballo xornalístico na zona, a través non só da prohibición da cobertura estranxeira senón, tamén e se cabe aínda máis gravemente, do asasinato sistemático da prensa palestina e árabe.

Todos os que deron a súa vida por deixar constancia do alcance do horror non foron vítimas colaterais dunha suposta guerra, coma a propaganda israelita tanto se esforza en defender, senón obxectivos militares directos do seu mal chamado Exército de “Defensa”, pois o silencio e a falta de contextualización son condicións imprescindibles para o seu éxito. Esta ofensiva contra o relato fiel sobre o que acontece en Palestina chegou ao impensable fito polo cal a cifra de xornalistas asasinados no país supera ao conxunto de toda a historia da cobertura bélica.

Pero alén da eliminación dos reportes sobre o terreo, o silenciamento que reina na prensa burguesa internacional forma igualmente parte da estratexia sionista. Occidente difunde numerosas informacións sobre o conflito, pero sempre ateigadas de nesgos, binarismos e omisións cómplices do relato que Israel tratou de vender dende a súa fundación. A censura promovida polo proxecto sionista emprega métodos máis sofisticados que o simple silencio, valéndose de narrativas colaboracionistas que diferencian entre “reféns” israelitas e “prisioneiros” palestinos (noutras palabras, inocentes os primeiros e criminais os segundos), reservando intencionadamente a condición de “terroristas” unicamente a estes últimos. Narrativas orientadas, en definitiva, á consolidación dun statu quo da opinión pública baseado na deshumanización do pobo palestino fronte ao suposto “dereito á defensa” dun Estado cuxa existencia mesma non sería posible sen o ataque continuo e sistemático.

Aínda que a conciencia social sobre a realidade de Gaza aumenta, o xornalismo afín aos intereses imperialistas non deixa de ser partícipe e de agochar intencionadamente fragmentos fundamentais da verdade; e por iso cuestións que haberían de supoñer vitorias simbólicas, coma a utilización da palabra “xenocidio” nos medios xeralistas, chegan en realidade demasiado tarde e non responden a unha vontade sincera de cobertura xornalística. A condena da “violencia” en abstracto, tal como denuncia Safa, segue a formar parte do relato dominante, e con ela, unha inclinación pola censura encuberta do auténtico alcance do conflito.

Esta ofensiva contra o relato fiel sobre o que acontece en Palestina chegou ao impensable fito polo cal a cifra de xornalistas asasinados no país supera ao conxunto de toda a historia da cobertura bélica

Este proceso censor conxúgase con outro, se cabe, aínda máis perverso, que se aproveita dun contexto mediático no que proliferan as imaxes sen filtros e os discursos sen posibilidade de matiz.

“Fálase dos palestinos, pero non se escoitan”, apunta con certeza o médico cisxordano, sinalando a uns medios que se aproveitan da degradación das súas canles para contribuír a este proceso de deturpación do relato. Non cabe dúbida de que temos acceso a miles de imaxes que rexistran o que acontece neste conflito, pero en que condicións? Isto é, en que medida e con que contexto? As respostas son sinxelas: demasiada, no primeiro caso; e inexistente, no segundo. A saturación e efemeridade que caracterizan ás redes sociais multiplican estas testemuñas e mestúranas con contidos de temáticas irreconciliables, xerando o que autor define como “a conversión da dor allea en paisaxe” e unha sensación de esgotamento e desinterese nun espectador que remata por normalizar a traxedia. O resultado: un deterioro absoluto da nosa sensibilidade que non ten outro obxectivo que a desmobilización popular e a consecuente prolongación do silencio.

O xornalismo burgués rexistra e difunde, tórnase nun intermediario no sentido máis puro da palabra, ignorando a súa misión fundacional de tradución e interpretación dos feitos. O xenocidio no século XXI, á súa vez, muda en mero espectáculo, vítima dun panorama mediático obsesionado co rédito económico que supón a sobreexposición da traxedia. A degradación moral do papel da prensa occidental contemporánea é irreversible, sintetizada no fenómeno que o noso autor define coma unha forma de horror “inédita”, e polo cal temos acceso ao mesmo tempo tanto ás derradeiras palabras e momentos de vida de infinitas vítimas, coma ás confesións explícitas e orgullosas das autoridades e milicias israelitas.

A deturpación antimaterialista da Historia é condición necesaria para que o proxecto colonial prospere

A proliferación de todas estas imaxes, en grande medida difundidas polo propio Estado de Israel, denota unha impunidade poucas veces vista antes na Historia. “En Gaza, o xenocidio non se esconde: transmítese en directo”, describe ao respecto Safa, sinalando a inversión histórica que isto supón, por exemplo, con respecto á persecución étnica e política implementada polos nazis.

A esta retransmisión en directo de todo tipo de crimes súmase, ademais, a proliferación dun discurso simplista, repetitivo, baseado en mentiras dogmáticas, que o veloz funcionamento das canles mediáticas impide igualmente contestar. Os nesgos promovidos pola prensa e a televisión atopan, así, nas redes sociais un aliado perfecto para o seu obxectivo ulterior, que non é outro que o baleirado de contido do que en realidade é a maior operación neocolonial das últimas décadas e unha das manipulacións discursivas máis atroces da Historia.

“A normalización do crime e o último triunfo do verdugo”, rezan as páxinas desta obra; un triunfo contra o que unicamente cabe entender a resignación como unha forma de complicidade intolerable, e promover un relato honesto e xusto nas marxes deste sistema mediático espectacular e deshumanizante.

O imperialismo do relato, fase superior do capitalismo das imaxes

Esta espectacularización do xenocidio non é consecuencia, senón unha característica crucial do imperialismo na súa versión máis contemporánea, ao que se adscribe realmente o proxecto sionista. Mohamed Safa define a represión israelita baixo o concepto de colonialismo de asentamento, unha ocupación que non só domina e explota á poboación nativa, senón que trata de eliminala e substituíla co obxectivo de facerse coas súas terras e borrar as súas pegadas nelas.

O mesmo autor, con coñecemento de causa, declara que nesta práctica é fundamental un control absoluto do relato, pois a substitución demográfica completa só será posible da man dunha influencia suficiente como para mudar a percepción acerca das raíces históricas do conflito, como para manipular a opinión internacional para fabricar un suposto dereito natural sobre un territorio en realidade alleo.

A deturpación antimaterialista da Historia é condición necesaria para que o proxecto colonial prospere, de maneira que, como ben conclúe Safa, a loita deixa de ser unicamente pola terra para ser tamén “polo significado”. O Estado de Israel comprendeu perfectamente este feito na súa mesma fundación, baseándoa nun relato vitimista sen resolución posible, que instrumentaliza o sufrimento dos xudeus asasinados durante o Holocausto para empregalos coma arma arroxadiza ante calquera tipo de crítica, automaticamente antisemita. Sen a conquista deste imaxinario, aceptado sen obxección algunha por unha comunidade internacional con culpas que purgar entón e aínda hoxe, a proposta sionista non tería saído adiante dende o seu primeiro momento.

É sobre esta falta á verdade histórica que se funda o ente sionista e que tratou de manterse ata a actualidade. É a este obxectivo, e non a outro, ao que responden tódalas tendencias manipuladoras da prensa burguesa antes sinaladas; todo o relato, en definitiva, que logrou ser hexemónico nas últimas décadas a partir dun retrato racista do pobo palestino e da demonización de calquera trazo de resistencia á ocupación.

A este respecto, Safa explica como o Estado de Israel supón para Occidente a súa derradeira oportunidade de derrotar ao mundo árabe, un auténtico proxecto de supremacía étnica que non é máis que a vella serpe do antigo colonialismo que mudou de pel. Pois, malia a impunidade coa que actúa, amosa un certo coidado da linguaxe de cara á comunidade internacional, substituíndo o discurso racial polos eufemismos modernos que supoñen os conceptos occidentais de democracia e seguridade, en oposición a un suposto retroceso en materia de dereitos humanos asociado, no imaxinario popular, ao islam. Falamos, noutras palabras, dun neocolonialismo sofisticado e lexitimado por todo o entramado mediático dedicado a manter a vixencia do seu discurso, un discurso superficialmente relixioso pero cun marco ideolóxico non tan afastado do que o seu antecedente empregaba como xustificación uns séculos atrás.

É, entón, a forza do relato a principal fonte de poder e éxito da ocupación. Cando a palabra logra despoxar a todo un pobo da súa identidade, da súa terra e mesmo do seu dereito á existencia, calquera acto dirixido á súa eliminación quedará impune. Os estados imperialistas sempre coñeceron este proceso e promovérono en tanto supuxo unha ferramenta vital para conseguir os seus obxectivos; que no caso de Israel, lonxe do ideal de xustiza relixiosa do que se disfraza, esconde igualmente importantes intereses económicos.

Este libro apúntao con detalle: a ocupación é un negocio, unha empresa profundamente lucrativa da que decenas de países participan, e esta é a causa material innegable pola que a diplomática internacional non paraliza o xenocidio. A única diferenza entre os distintos axentes implicados é que Europa trata de agochar o seu rédito económico a través de simbolismos baleiros de contido, coma resolucións e recoñecementos ao Estado palestino; mentres que Estados Unidos saca peito e fala de Gaza coma unha oportunidade de investimento inmobiliario máis entre tantas terras colonizadas e tanto sangue nas súas mans.

A faceta económica do xenocidio é para o noso autor “o espello máis claro do novo rostro do colonialismo global, unha forma de dominación que combina teoloxía, mercado, relato e violencia, en proporcións cambiantes pero cun mesmo obxectivo final: silenciar ao outro”. O capitalismo das imaxes, que torna á información en mercadoría, un sistema que asume as guerras como crises económicas cíclicas e necesarias e as vidas humanas como variacións no capital; só pode sosterse grazas a un colonialismo do relato que someta aos desposuídos no plano simbólico se cabe aínda con máis crueza ca no material.

A urxencia da disputa polo simbólico

Ante este estado das cousas, só cabe entender a inversión do relato como principal forma de loita e resistencia. Segundo Mohamed Safa, o 7 de outubro de 2023 produciuse unha creba fundamental neste senso, a través do que Occidente tratou de retratar coma unha operación descoordinada e espontánea, pero que o autor entende coma unha auténtica “fractura estratéxica, política e emocional” na historia do conflito.

Tras décadas de estabilidade en favor do establishment israelita, a causa palestina traballara en silencio para artellar un retorno que, alén dos seus reducidos efectos militares fronte á potencia da espantosa vangarda armamentística que supón o seu inimigo, confirmase unha auténtica vitoria no plano do significado: malia tódolos esforzos por rachar con el, o espírito de resistencia non morrera.

O binarismo entre ben e mal que o ente sionista conseguira establecer converteuse nunha dicotomía entre imperialismo e humanidade

É innegable, dende logo, a brutal escalada de violencia coa que respondeu o Estado xenocida dende aquel momento. Pero, do mesmo xeito que o proxecto do xenocidio nacera no plano simbólico, tamén dende el debe morrer, e aquel 7 de outubro a imaxe da loita ata as últimas consecuencias pola defensa da historia e identidade propias confrontou de xeito crucial o retrato do titán tecnolóxico-militar todopoderoso israelita. O binarismo entre ben e mal que o ente sionista conseguira establecer converteuse nunha dicotomía entre imperialismo e humanidade que as clases populares de todo o mundo comprenderon co paso do tempo. A proba atopámola nas rúas, que lograron construír un relato propio, aínda con certos matices e imprecisións, pero que por fin cuestiona sen pudor a fabricación que a prensa burguesa segue a bombardear, xa sen o mesmo éxito.

Esperamos con ansias o momento no que se produza a inversión total do relato e o pobo palestino sexa quen de dar coa primeira ferramenta para erguerse por completo. Namentres, neste interregno gramsciano, a tarefa das comunistas é seguir armando á nosa fronte nesta urxente loita narrativa, continuar desbotando a reescritura perversa da Historia que parecía comezar a callar en todas nós e desvelar por fin a falsa pintura de democracia e liberdade que agocha a vella pantasma colonial e unha mercantilización imperialista do horror sen precedentes. Ou, o que é o mesmo, defender ata as últimas consecuencias a dignidade dun pobo que rexeita con valentía o papel de vítima, fronte a aquel que segue a tratar de lexitimarse a través da falta de respecto á memoria dos seus propios mortos.

Insiste nas súas páxinas Mohamed Safa en que a loita polo relato, a disputa polo significado, non é marxinal, senón “o núcleo mesmo do enfrontamento”, unha disputa na que “a linguaxe é tanto campo de batalla como ferramenta de emancipación”. As comunistas, coñecedoras da ciencia da Historia, comprendemos a importancia da fronte cultural, pois non existir no terreo simbólico é non existir en absoluto. E por iso, alén de poses intelectuais meramente estéticas e inmobilistas, seguiremos lendo, escribindo, falando sobre Palestina e o exemplo de dignidade que inspira a súa xente, da súa honorable loita polo bando da Humanidade nunha guerra na que non escolleu participar, do seu espírito de resistencia en cada fronte que nin a miseria mesma consegue rachar. Noutras palabras, e igualando a promesa coa que o autor conclúe esta valiosa obra: seguiremos loitando.