Inicio / Embate / Entre a cociña e a clase

Entre a cociña e a clase

Milena León

“O feminismo é un movemento político socialista e anti-familia que alenta ás mulleres a abandonar aos seus homes, matar aos seus fillos, practicar a bruxería, destruír o capitalismo e volverse lesbianas”.

Pat Robertson, 700 Club Show, 19921.

Para alén de que esta cita é tan grotesca que case dan ganas de rir, quero centrarme aquí na parte máis interesante: destruír o capitalismo. Ata que punto ameaza o feminismo ao capitalismo? E que papel xogamos nós nisto? Nós, por suposto, encargámonos da reprodución dos traballadores desde os inicios da historia da humanidade, non si? Os homes eran cazadores e, en consecuencia, agora cazan as súas carreiras profesionais, e nós, no canto de bagas, recollemos os mellores produtos de limpeza. Despois dun tempo no que parecía que as cousas mudaban para mellor (polo menos en aparencia), agora comeza unha nova era da reacción: as influencers “esposas tradicionais” abrollan como cogomelos no chan outonal, e mozas en Polonia fundan “Patrullas de Fulanas” para, en nome dunha suposta moral, exercer de novo o control sobre as rapazas e os seus corpos. Aínda que os métodos se adaptaron aos tempos actuais, o patrón é xa ben coñecido. Na análise, unha recoñece que o capitalismo tiña máis que ver con todo isto do que inicialmente se pensa.

2. Sangue, traballo e produtos de limpeza – o nacemento da ama de casa

Silvia Federici, coñecida pola súa obra Calibán e a bruxa, describe de maneira impresionante nunha análise clara que a idea da nai e ama de casa é demasiado recente como para ser representativa da historia da humanidade. Porén, si o é para a historia do capitalismo e da industrialización. Nesa época en Inglaterra, as mulleres e os nenos traballaban tan intensamente como os obreiros da súa clase. E así, comprensiblemente, despois dunha longa xornada laboral tiñan poucas ganas de ocuparse das tarefas domésticas. As mulleres, segundo Federici, “negábanse a asumir un rol doméstico e ameazaban a moralidade burguesa cos seus xeitos escandalosos e os seus hábitos masculinos —como beber e fumar—”. Cando os maridos volvían á casa, atopaban a vivenda sucia, nada de comida na mesa, os nenos desatendidos… e a muller non disposta a someterse á “vontade masculina”. Ofendidos, moitos preferían ir aos bares, onde se queixaban xuntos do traballo e, no proceso, desenvolvían ideas rebeldes perigosas para o sistema. As obreiras tiñan cada vez menos fillos para aforrarse a molestia, xa que de todos os xeitos os deixaban ao coidado de mulleres moi maiores ou moi novas que os alimentaban con opiáceos para mantelos tranquilos. E se ocorría unha desgraza, tiñan coñecementos suficientes para practicarse un aborto. O Estado e esta nova concepción da industrialización non o vían moi práctico. Cada vez había menos traballadores potenciais e os que quedaban estaban descontentos e cansos. No canto de mellorar as condicións de vida de todas as persoas, o capitalismo creou un novo rol: o da ama de casa non remunerada, encargada da reprodución da orza de traballo e da disciplina dos traballadores, e así comezaron, simplemente, a expulsar as mulleres e os nenos das fábricas.

No canto de mellorar as condicións de vida de todas as persoas, o capitalismo creou un novo rol: o da ama de casa non remunerada, encargada da reprodución da forza de traballo

3. Do ruído da fábrica á cociña silenciosa

Durante a segunda Revolución Industrial, arredor de 1840, reducíronse especialmente as horas de traballo das mulleres casadas e negóuselles directamente o acceso ao mercado laboral ás embarazadas. Como seguinte paso, introduciuse un “salario familiar” para que os homes puidesen manter a familia por si sós. A idea era: “Detrás da creación da ama de casa da clase obreira e da extensión a esta clase social do tipo de fogar e familia antes reservado á clase media atopábase a necesidade dun novo tipo de obreiro, máis saudable, máis robusto, máis produtivo e, sobre todo, máis disciplinado e «domesticado»”. Como tamén observou Flora Tristan: as nais teñen unha enorme influencia sobre os seus fillos. É dicir: controlando as nais contrólase a forza de traballo, e isto tamén foi explotado en nome do capitalismo.

4. Amor disciplinado – o capitalismo no fogar

O que se vendeu como unha mellora na calidade de vida — como unha mellor hixiene ou auga máis limpa— converteuse rapidamente nunha nova forma de control: castigábase as mulleres se os seus fillos parecían descoidados. Ademais, nesa mesma época criminalizouse o aborto (por suposto, só para a clase traballadora; as mulleres burguesas sempre tiñan as súas maneiras: con cartos abondo pódese librar de calquera escándalo).Tamén se comezou a mirar a prostitución de inmediato cunha visión cada vez máis crítica: unha boa ama de casa non podía ser unha traballadora sexual. Por unha banda, o traballo doméstico converteuse nun instrumento educativo cada vez máis importante e, pola outra, introducíronse novas regulacións para controlar mellor o traballo sexual, e os reformistas da época tamén admitían abertamente que era unha tarefa difícil convencer as mulleres de traballar sen soldo no fogar cando as súas propias amigas e irmás gañaban máis na rúa co traballo sexual e, ademais, sufrían menos fisicamente.

Era importante separar a amable, valiosa e submisa esposa e nai das malvadas prostitutas, e así as mulleres volveron dividirse en “boas” e “malas”. “A respectabilidade convértese na compensación polo traballo non remunerado e pola dependencia do home”.

Estas reformas mudaron moito as dinámicas familiares individuais e tamén trouxeron novos problemas á relación entre marido e muller: a xestión do diñeiro. O día de cobro estaba cargado de moito estrés para ambas as partes, e as mulleres a miúdo tentaban interceptar os seus homes á saída do traballo antes de que gastasen todo o diñeiro en alcohol.

Moitas preferían “a fábrica chea de xente á casa tranquila”, porque aborrecían o illamento da esfera privada

Moitas mulleres rebeláronse contra estas novas ideoloxías e, “sen necesitalo”, seguiron traballando. Moitas preferían “a fábrica chea de xente á casa tranquila”, porque aborrecían o illamento da esfera privada. Esta postura atopou a súa formulación teórica no análise de Clara Zetkin. Ela distinguía claramente entre os intereses da muller burguesa, que quería escapar da súa “casa de bonecas” e dispoñer da súa propia fortuna, e os da muller proletaria, para quen o traballo asalariado era unha cuestión de supervivencia. Mentres a burguesa loitaba contra os homes da súa propia clase para se converter nun suxeito de dereito, a proletaria “como persoa, como muller e como esposa non ten a máis mínima posibilidade de desenvolver a súa individualidade”. Para ela, a fábrica, a pesar de toda a explotación, era a miúdo o único lugar fóra da asfixiante esfera privada onde podía experimentar a colectividade e unha pequena parcela de autonomía.

5. Tradwives, TikTok e o retorno da vella orde

Despois deste pequeno excursus na historia da ama de casa e da súa conexión co capitalismo, as tendencias actuais adquiren un peso completamente diferente. En case todos os países industrializados, a taxa de natalidade non deixa de baixar e, en todas partes, sobre todo os partidos da dereita, debátese sobre restrinxir as leis do aborto.

As mulleres están cansas, non teñen ganas de ocuparse do traballo de coidados despois do traballo asalariado, e os homes, ofendidos, van a internet queixarse. E iso, como aprendemos antes, é perigoso para o sistema. Por iso predícase de novo unha determinada orde mundial: unha muller (nova) casa canto antes, ten 7 ou 8 fillos, é quen de preparar banquetes con poucos alimentos e sorrí feliz á cámara co seu vestido de Chanel. Todo isto na súa cociña de cen mil dólares. Por suposto, este estilo de vida non é sostible para a maioría de nós; ao cabo, hoxe fan falta catro soldos para se poder permitir o luxo dun teito para unha familia pequena.

E, con todo, resulta perigosamente chamativo canto desexa isto moita xente, sobre todo xente nova. Os homes novos non queren unha feminista, senón unha ama de casa tradicional, e as mulleres novas queren un home forte grazas ao cal non teñan que traballar. Certamente, este ideal de perfección doméstica é en si mesmo profundamente burgués. Porén, hoxe impregna, aínda que de maneira desigual, todas as clases, relixións e etnias, acadando unha visibilidade especialmente preocupante no ámbito occidental.

Nunca debemos esquecer cantas das nosas ideas sobre Deus e o mundo foron contaminadas polo capitalismo

Precisamente por iso é tan relevante tamén para nós, a clase traballadora: por unha banda, véndesenos un soño inalcanzable para a inmensa maioría —unha especie de “soño americano doméstico” que, en tempos de custos de vida disparados, non pode senón resultar cínico—. Pola outra, e isto é aínda máis perigoso, esta ideoloxía divídenos. Introduce de novo unha cuña entre quen aspira ao ideal inalcanzable e quen o recoñece polo que é: unha trampa reaccionaria. Deste xeito, desvianos das verdadeiras causas comúns da nosa precariedade.

O máis insidioso é que este repliegue xa non se presenta como unha coacción externa, senón que se disfraza de anhelo íntimo e individual; non é “isto é o que fai unha boa muller”, senón “isto é o que eu quero para a miña biografía, porque promete a miña felicidade persoal e idealizada”.

6. Quizais Pat Robertson tiña razón – só que da outra maneira a coma el pensaba.

Aínda que para algunhas persoas isto poida representar realmente unha realidade vital agradable, nesta magnitude semella máis ben unha reacción. Unha reacción a un sistema con fendas que se fan cada vez máis profundas. Nunca debemos esquecer cantas das nosas ideas sobre Deus e o mundo foron contaminadas polo capitalismo.

Porén, a pregunta crucial que nos plantea este percorrido histórico é: contén hoxe o feminismo a resposta para un cambio verdadeiro? Debemos preguntarnos: como podemos respectar o espazo de decisión individual cando estas eleccións, aparentemente libres, están tan profundamente moldeadas polas esixencias do capitalismo? Podemos permitirnos soportar máis divisións nas nosas filas —xa non só de clase, senón agora tamén entre mulleres “boas” e dóciles (disfrazadas de elección vital individual) e feministas “malas” e rebeldes?

Quizais este círculo vicioso e miserable nos estea amosando con toda claridade que é hora de substituír a loita entre nós por unha crítica fundamental ao sistema. No canto de pelexarmos por quen é a muller “correcta”, deberiamos finalmente poñer baixo a lupa o sistema que non deixa de recrear estas categorías de “boa” e “mala” para mantenerse vivo.

Bibliografia:

  • Tristán, F. (1844). La Unión Obrera (Capítulo 3: “Por qué menciono a las mujeres”)
  • De Miguel Álvarez, A. (2005). La articulación clásica del feminismo y el socialismo: El conflicto clase-género. En A. De Miguel Álvarez & C. Amorós Puente (Coords.), Teoría feminista: de la ilustración a la globalización (Vol. 1, pp. 295–332). Madrid: Universidad Autónoma de Madrid.
  • Federici, Silvia (2018). La construcción del ama de casa a tiempo completo y del trabajo doméstico. En Silvia Federici: El patriarcado del salario. Críticas feministas al marxismo (pp. 69-80). Madrid: Traficantes de Sueños.