Inicio / Embate / Arte, clases sociais, mercado e revolución

Arte, clases sociais, mercado e revolución

(esquema moi, moi breve e con moi poucas certezas)

Laura Quintillán Núñez

Algunhas preguntas:

Un albanel asubía no andamio mentres traballa. Non é arte?

Unha persoa que coida dun ancián demente capea a situación con mestría, intelixencia e agarimo, Non estamos a falar de arte?

Unha veciña da aldea narra unha situación a outra veciña. O relato recurre á expresión corporal, á imitación, á metáfora. Os ollos da paisana falan e a súa voz “canta”. Non hai arte aí?

Tendemos, cando se fala de arte, a dirixir o noso maxín a lugares “autorizados”: O Louvre, Teatro García Barbón, Scala di Milano, Xerais, Bolshoi, RTVG.

Véñennos á cabeza conceptos como carreira, fama, titulación, currículum, certame, premios, éxito de crítica.

Gañadores, fracasados.

Toda esta proliferación de ideas non esenciais tende a escurecer o feito artístico en si, ao xeito de roupaxes que complican a súa percepción.

Arte é, probablemente, todo aquilo que o ser humano inventa e leva a cabo con niveis de excelencia moi variados (ás veces, asombrosamente altos) para:

  • cambiar a face da existencia, o seu entorno físico, o seu estado anímico.
  • “aliviar a dor da existencia humana” (Brecht).
  • acompañar e resignificar o seu traballo, as carencias e perdas propias e alleas.
  • dar testemuña de algo vivido, presenciado ou imaxinado..
  • liberar os excesos da súa tristeza ou da súa ledicia.
  • conxurar a soedade
  • celebrar a excepcional oportunidade do gozo, etc.

Esta hipótese abarca e aplícase á enorme maioría dos seres humanos. Todos e todas temos feito arte moitísimas veces, normalmente, mesmo sen decatarnos de que estabamos a facer arte.

Somos animais artísticos.

Se un ser humano fora quen de nacer da nada e sobrevivir en absoluta e radical soedade, ata morrer, non sería humano.

E non faría arte porque non tería de quen aprender, a quen imitar, a quen ter como interlocutor.

É dicir: a arte é un xeito específicamente humano* e necesariamente social de vivir certa parte da vida.

É racional, é intuitivo, é ritual, é lúdico. É necesario.

Na sociedade de clases é necesario reivindicar sen descanso o carácter de dereito universal para a creación e práctica non reglada, gratuíta, universal das artes.

É un dereito a defender e, ata certo punto, primeiramente, a conquerir. E aquí entra un pouco de visión de clase.

Cando mencionei certames, teatros, medios de comunicación, museos, editoriais como parte dos entramados nos que a arte supostamente “é” (ten lugar), nomeaba instancias concretas da produción e da comercialización de obxectos artísticos en clave de mercado.

Precisamente estas instancias son as que reivindican a exclusividade do seu producto como obra artística.

Precisamente estas instancias son as que reivindican a exclusividade do seu producto como obra artística.

Por tanto parece razoable deixar a un lado, de momento, a perspectiva dunha posible batalla da loita de clases ao interior dos “templos” da arte.

Eses templos son o sistema.

O seu papel é substituir ao pobo como ente creador e atraelo a un ritual de consumo impotente. Atraélo á pasividade do que paga e dá as grazas.

Mentres, o pobo, negando ou ignorando o seu potencial creador, consume aquilo que “hai que ver, ouvir, etc”.

O acumulado da arte consagrada pola historia (e polo mercado) é inmenso, é marabilloso. É produto de millóns e millóns de horas de traballo case sempre baixo inmensa presión. Sempre, nun contexto opresivo e de explotación. Custou milleiros de vidas (só na construción da Catedral de Santiago, cantos caeron?).

Só en tempos de grandes conmocións sociais, cando a clase traballadora se asume a si mesma (e asume a súa propia arte) como parte da arma para a loita social, mesma a arte nacida elitista sae do armario, bota abaixo os valados, inunda as rúas, fertiliza a vida do pobo e faise popular.

Queda expropiado.

Occidente, […] instaurou de xeito case universal, un concepto de arte, o que herdamos nós, impregnado de connotacións clasistas, exclusivistas, competitivas e opresivas.

Na sociedade de clases é necesario reivindicar sen descanso o carácter de dereito universal para a creación e práctica non reglada, gratuíta, universal das artes

Os avances tecnolóxicos poñen xa dende hai tempo en xaque os dereitos de propiedade intelectual e tenden a facer gratuíto o seu consumo.

É ademais fundamental soster activamente todas as formas xa existentes de creación artística popular colectiva.

É elemental loitar pola reducción drástica das xornadas laborais esgotadoras que reducen a vida non laboral á estricta reposición da forza de traballo.

Como profesional, o traballador da arte é, na maioría de casos, un explotado máis. Para quen, pertencendo ao campo popular e facendo súa a causa dos traballadores, se atopa “prostituído” como artista asalariado, lembrar que un pode tentar vivir do que fai pero pode tamén, ás veces, poñer o que fai ao servicio da causa que escolle.

A cultura de Bali antes da colonización do país, carecía dun nome específico para designar a arte, do que sin embargo posuían excelentes obras musicais e outras. Eles dicían que a arte era sinxelamente facer as cousas ben.

Occidente, aparte de colonizar Bali e case todo o planeta, instaurou de xeito casi universal, un concepto de arte, o que herdamos nós, impregnado de connotacións clasistas, exclusivistas, competitivas e opresivas.

Expulsar as gadoupas do mercado do corpo do proletariado, é, tamén, expulsar esas gadoupas da creación artística, (necesaria, xeradora de ledicia e alivio, e arma como as que máis na loita de clases).

Cómo vai ser a creación artística no socialismo está en parte visto e en parte por verse.

Creo que é necesaria inicialmente a coexistencia de dúas vertentes:

Unha, sostida económicamente polo estado socialista, formando claramente parte do seu aparato de propaganda e, en cuxo traballo, o estado como patrocinador, fixará liña (e chegado o caso, practicará lexítima censura).

Outra, exercida por persoas non profesionais da arte para o seu goce compartido gratuitamente cos seus iguais, e que debería e podería ser estéticamente libre, crítica, pero obviamente non contrarrevolucionaria.

E como a historia a escribe a clase vencedora, os liberais vitoriosos crean a súa Memoria Histórica e moi Democrática.