Inicio / Embate / A ofensiva máis brutal xamais vistado imperialismo norteamericano

A ofensiva máis brutal xamais vistado imperialismo norteamericano

José Antonio Egido

Hoxe pódese apreciar o ridículos e covardes que foron os arrepentidos que, coa caída do campo socialista, consideraron “obsoleto” o método marxista-leninista de estudo do imperialismo establecido por Lenin e desenvolvido cientificamente polas academias de ciencias dos países socialistas e por numerosos partidos e personalidades do mundo. Fronte á barbarie desatada polo imperialismo norteamericano, como se pode entender sen regresar ao estudo creativo desta teoría leninista básica?

Ese ser “primitivo, semianalfabeto, vingativo, violento e despectivo” que é Trump axúdanos cando declara sen pelos na língua que o seu obxectivo, lonxe de ser a loita contra o narcotráfico, é apoderarse directamente do petróleo, das terras e dos activos venezolanos porque “son seus”. E dío cun descaro imperialista nunca visto e que agradecemos porque nos aforra esforzos en demostrar o obvio e evidente.

A covardía dos ex-marxistas occidentais, que lles impide reivindicar este método leninista, deixa o campo libre para teorías reaccionarias divulgadas pola extrema dereita como o “globalismo”, que a pouca formación dalgúns compañeiros toma como aceptable.

Efectivamente, o grupo criminal Trump/Rubio/Hepstel representa o sector máis desenfreado dos monopolios petroleiros, mineiros, industrial-militares, financeiros e tecnolóxicos do imperialismo norteamericano, que se retira ás súas posicións neocoloniais no seu “patio traseiro” latinoamericano e caribeño. Así actúa ante o avance da fronte dos BRICS que procura substituír o dólar como moeda internacional; ao reforzamento económico da China Popular; ao avance militar de Rusia fronte aos países da OTAN en Ucraína; á pretensión nacional da India; á ansia anticolonial dalgúns países africanos; á fortaleza militar iraniana; á firmeza da pequena Corea RPD… Non cabe dúbida de que, o pasado 3 de xaneiro de 2026, coa súa exhibición de superioridade militar, alta tecnoloxía e capacidade de corromper algúns altos mandos militares venezolanos, amosou a súa debilidade política e non a súa fortaleza. Cando o imperialismo gringo estaba forte ofrecía aos pobos medidas económicas como a “Alianza para o Progreso” de Kennedy, ou construía órganos multilaterais como a OEA, ou formaba os seus militares na Escola das Américas, ou penetraba nas súas universidades coas fundacións Ford e Rockefeller. Cando os pobos resistían, enfrontábaos con golpes de Estado da CIA. Cando Cuba estendía a súa influencia revolucionaria, someteuna a un cruel embargo.

Os fascistas axentes dos grandes monopolios privados pisotean as normas elementais do dereito burgués e do dereito internacional

Mais cando os pobos avanzaron, creando gobernos e reformando Estados fóra do control da CIA, entón desespera e recorre a accións militares masivas directas como a que perpetrou contra Venezuela o pasado día 3. É dicir, á forza brutal armada directa, que é o argumento que lles queda, como recoñece sen ambaxes este salvaxe de Stephan Miller, que exerce de asesor de “seguridade nacional” do brutal Trump. Di este fascista: “o mundo real só se rexe pola forza”. Os fascistas axentes dos grandes monopolios privados pisotean as normas elementais do dereito burgués e do dereito internacional, como facían Hitler e Mussolini no século XX, e tamén apuntaban George W. Bush e Obama cando aniquilaron Iraq e Libia no século XXI.

É moi doado establecer que os 26 anos de construción bolivariana e resistencia da Revolución venezolana son un desafío aberto ao imperialismo norteamericano, que fracasou continuamente nos seus intentos de esmagala. As masas pobres, xa dende a insurrección militar patriótica dirixida polo comandante Chávez en febreiro de 1992, fixeron súa a mensaxe revolucionaria. Encarnada nesas masas e nun sector maioritario do pobo, esa revolución converteuse nunha “forza material”, como diría Marx. Forza arrolladora que permitiu construír un novo Estado, crear unha democracia de base, corrixir moitas inxustizas herdadas do vello réxime neocolonial, reformar o vello exército controlado por Washington e ser o motor da unidade latinoamericana que o propio Washington vén sabotando dende 1830, cando Bolívar convocou o Congreso Anfictiónico de Panamá.

Un imperialismo gringo máis desbocado ca nunca, mentres golpea Cuba e Venezuela, impulsa as tendencias máis reaccionarias da burguesía europea

Tras fracasar as brutais sancións económicas, golpes de Estado, motíns fascistas e actos terroristas organizados pola CIA, hoxe o Pentágono, ás ordes deste sector oligárquico, pasou ao ataque “cirúrxico” e ao secuestro da parella presidencial venezolana. O que sufriu o pobo venezolano o día 3 non ten precedentes. Se os pobos latinoamericanos non se unen firmemente, o pobo venezolano non resiste, a solidariedade internacional non levanta un berro forte e as potencias emerxentes non actúan, non só proseguirá a agresión contra Venezuela, senón que se estenderá ao corazón da revolución latinoamericana, que é Cuba; á Nicaragua sandinista; ao movemento democratizador de Colombia; ao México que trata de sacudirse a bota gringa; e ás oposicións populares activas no Ecuador, O Salvador, Honduras, Perú, Chile e Arxentina.

Entender o traballo internacionalista significa comprender o mundo. Un imperialismo gringo máis desbocado ca nunca, mentres golpea Cuba e Venezuela, impulsa as tendencias máis reaccionarias da burguesía europea. Frear o fascismo local pasa por defender o pobo venezolano e latinoamericano en xeral, que resiste esta ofensiva recolonizadora.

As masas galegas deron exemplo do excelente traballo solidario e unitario que reacciona con rapidez á agresión imperialista contra Venezuela. Isto mostra o avance na madurez política, organizativa e ideolóxica que vai acadando o proletariado galego. Sen dúbida, un exemplo para o proletariado do resto do Estado español, onde tamén avanzan as formacións fascistas directamente conectadas co bandidaxe trumpista, como é o caso de VOX e os máis cavernarios do PP. Certamente estamos nun mundo conectado. Por algo a Internacional Comunista sinalou nos anos 20 do século XX ao proletariado dos países occidentais o seu deber de solidariedade coas loitas emancipadoras da área do mundo directamente explotada polo imperialismo.

Nesta hora tráxica o pobo galego non lle fallará ao seu irmán, o pobo patriota venezolano.