Inicio / Embate / A morneza do BNG

A morneza do BNG

Xosé Ríos Cidrás

A situación política de Galiza nin é comparábel nin se asemella ao do Estado. Se ben o avance electoral do BNG podía ser un indicativo de algo, de momento só o foi a nivel cuantitativo: o número de escanos no Parlamento. Mais baixando ao plano da sociedade, o desgaste que leva o PP a nivel estatal non se percibe a nivel galego. A inopia na que vivimos en Galiza lévanos a non ser conscientes da ameaza que supón o avance do fascismo en toda a UE. Mentras PP-VOX son desenmascarados no Congreso con debates ideolóxicos, no Parlamento Galego, tanto Rueda coma antes Feijóo, safan a papeleta con catro parvadas. Feijóo, a pesar do seu vínculo co narco, o que desenchufou o Plan Eólico, o celestino do naval, o Xudas dos cerqueiros, o artífice de malograr as caixas de aforro, avalista de ENCE,… aínda por riba salta á candidatura do Goberno do Reino de España! Lembremos que Feijóo vaise no medio dunha lexistura e leva aos pesos pesados do seu goberno: Francisco Conde, Rosa Quintana, Miguel Tellado. Alfonso Rueda fica rodeado dunha banda de aduladoras utilizando o Parlamento para mofarse da sociedade a través da rede clientelar da Xunta

Das 25 parlamentarias non se coñece a que conflicto político-social se dedican a pesar de recuncar na maioría dos casos. Seguro que farán un traballo parlamentar moi meritorio mais, disculpade, coido que isto non vai de sacar matrículas de honra ao final de curso. Trátase de tirar cos marcos. Ou como sempre se dixo: trátase de utilizar o Parlamento de altofalante social. Certo é que obxectivamente témolo máis complicado ca noutras nacionalidades, porque aos vellos problemas, sumánselle outros novos.

A boa imaxe transmitida de Ana Pontón en La Voz de Galicia ou na Radio Galega, facilitou a súa aceptación diante do electorado galego inquedo, basicamente, polo deterioro dos servizos sociais

Porén a desconexión salta á vista. Sempre entendín que o BNG vivía nun espellismo crendo poder desprazar un candidato sen carisma como Rueda. A realidade era a contraria. O medre electoral do BNG foi a conta de En Marea e, posteriormente, do PSdeG-PSOE. Un medre propiciado basicamente por esa maquinaria da lameira dun PP que ten como obxectivo hostigar o Goberno do Estado. A boa imaxe transmitida de Ana Pontón en La Voz de Galicia ou na Radio Galega, facilitou a súa aceptación diante do electorado galego inquedo, basicamente, polo deterioro dos servizos sociais.

Cito os servizos sociais intencionadamente porque o PP non daría abeiro a un BNG que mantivera un discurso emancipador e anti-sistema. De feito o discurso do BNG mantense no institucionalmente correcto, captando “simpatías” para decantar o voto. Esta simpatía pola actual Portavoz xa vén de atrás, co gallo da primeira vez que asumiu a Portavocía no Parlamento alá polo 2012. Pero “nulla estetica sine etica”.

Gustaríame sinalar que o despunte de Ana Pontón coma líder chegou nun debate na TVG. A recén electa candidata á Xunta espetoulle a Feijóo o desastre das caixas de aforro. Aquel discurso asertivo tivo coma base as análises de Xavier Vence como visionario daquela etapa neoliberal e de cómo afectou ao País. O caso é que hoxe, o BNG non debate sobre o mundo actual malia a afectación que ten para Galiza a contenda en Ucraína e Palestina. É máis, semella non ter claro que papel xogar a nivel de Estado, limitándose ás veces a un “que me dás a cambio”.

Vista a morneza da Portavoz Nacional, non debe estrañar que a crítica política do BNG ao PP se centre só na xestión que fai o PP . Tampouco estrañará que os ataques contra a nosa identidade, economía, paixase, cultura… continúen. Citarei algúns deses novos, repito, novos, reveses económicos. Por exemplo o peche de actividades como o das Pontes por mor das emisións de CO2 ao tempo que se valora a continuidade das nucleares. Alúmina-Aluminio non acaba de aclararse o seu futuro. A invasión caótica da eólica e da minaría. A expansión do monocultivo de eucalipto. A especulación na liña de costa e a pésima situación do marisqueo. Afearlle a Portugal a conexión ferroviaria…

No caso de Altri, diante dunha resposta social de envergadura, Rueda eleva a aposta enchufando á Directora de Calidade Ambiental. Esta, ao pouco de chegar ao posto, asina o documento no que afirma que Altri “é medioambientalmente viabel”. A resposta do BNG foi: “Esiximos á Xunta que …” Imos ver, acaso agardan pola UCO? Acaso serán dende o Congreso onde digan que Rueda debe dimitir por corrupto? Non está a xente pedindo na rúa?

O proxecto do BNG non vertebra a sociedade. Aposta por manterse en sempiterna campaña electoral, medindo sempre a mensaxe e a imaxe mediática

Ben meritorio é o papel de Rego no Congreso, mais o proxecto do BNG non vertebra a sociedade. Aposta por manterse en sempiterna campaña electoral, medindo sempre a mensaxe e a imaxe mediática. Esta institucionalización da fronte nacionalista racha coa aportación que dende a sociedade se fai con movementos coma Altri Non, Eólica Así Non, o conflicto da CRTVG, do Ensino, pola Sanidade, Coordinadora por Palestina… frustando a maduración de novas formas de loita e a aportación de maior conflitivade á estratexia emancipadora. Porque o importante non é chegar canto antes nin como sexa, o principal é facer o camiño coa xente tal como recolle o Alba de Gloria.