Telmo Varela
Un revolucionario non nace, vaise formando no fragor da loita, na medida que participa en diferentes tarefas, en folgas, manifestacións, converténdose nun axitador, organizador ou propagandista vai adquirindo experiencia práctica. Pero esta por si soa non leva a ningures. Tamén militantes de CCOO e UXT participan en folgas e manifestacións e máis, por iso, non son revolucionarios. Ademais dunha práctica fai falla unha formación teórica e política marxista-leninista.
Son moitas as persoas moi pouco preparadas, e incluso sen preparación teórica algunha, que se afilian a unha organización, aos cales hai que dicirlles que sen teoría revolucionaria tampouco pode haber movemento revolucionario. Xamais se insistirá bastante sobre esta idea nuns intres nos que a prédica de moda do oportunismo é a de “loitar” só por reformas.
Posto que nin falar se pode dunha ideoloxía independente, elaborada polas mesmas masas obreiras no curso mesmo do seu movemento, o problema formúlase só así: ideoloxía burguesa ou ideoloxía socialista. Non hai termo medio (pois a humanidade non elaborou ningunha “terceira” ideoloxía; ademais, en xeral, na sociedade desgarrada polas contradicións de clase nunca pode existir unha ideoloxía á marxe das clases nin por encima delas). Por iso, todo o que sexa rebaixar a ideoloxía socialista, todo o que sexa separarse dela, significa fortalecer a ideoloxía burguesa.
Todo o que sexa rebaixar a ideoloxía socialista, todo o que sexa separarse dela, significa fortalecer a ideoloxía burguesa
Da mesma maneira que un revolucionario non nace, senón que se vai formando na loita revolucionaria, tampouco unha persoa nace solidaria. Parádevos a observar a un neno de dous anos e darédesvos conta que xa é egoísta. “Meu, meu e meu” e incluso chora e patalexa para arrebatarlle o xoguete ao outro neno e quedar con el. Logo a sociedade edúcanos e esfórzase por formarnos como persoas egoístas, individualistas e insolidarias. O carácter solidario e a persoa solidaria vaise formando na medida que un mesmo vaise desprendendo das lacras burguesas do individualismo e do egoísmo. En definitiva, unha persoa acaba sendo solidaria despois de moito tempo de aprendizaxe e practicando a solidariedade. Para chegar a ser unha persoa solidaria hai que esforzarse moito e practicar constantemente a solidariedade. Por un pouco que nos despistemos, afloran as lacras burguesas do egoísmo e o individualismo. Non é nada doado practicar a solidariedade.
Para chegar a ser un bo ou boa revolucionaria hai que ser antes un bo ou boa solidaria.
É moi doado utilizar as palabras revolucionaria, solidariedade…, pero son palabras feitas, baleiras, sen contido, senón somos consecuentes co seu significado.