Editorial
A loita ideolóxica existe, queramos ou non. Existe porque as elites teñen a necesidade de convencer ao conxunto da poboación de que os seus intereses son os intereses do conxunto, cando non é así. Os donos do sistema –a burguesía– precisan perpetuar a nosa condición de sometemento, acaparando a meirande parte dos beneficios derivados do noso traballo de xeito directo –mediante a estafa que supón calquera salario– ou de xeito indirecto mediante o aluguer, por exemplo. Precisan que nós sigamos como estamos –ou peor– para poder seguir eles como están –ou mellor– aínda que en esencia o que fan é unha soa cousa: vivir do traballo alleo.
Para que a sociedade tolere un xeito de organizarse que resulta perxudicial para a maioría de forma tan evidente, as elites económicas emprenden toda unha serie de campañas de lexitimación mediante a propaganda e dos chamados aparatos ideolóxicos do Estado, que se teñen identificado como: o relixioso –lexitimando o poder vixente e as ideas de xerarquía e verticalidade– , a escola –o sistema deseña o plan educativo e define os valores polos que debe rexirse, así como os coñecementos técnicos concretos que precisa a man de obra para manter a producción en marcha–, a familia –porque é a forma mínima de organización do ser humano para a produción e para o consumo, e porque o modelo de familia varía en base aos valores vixentes, que son os dictados polo
poder–, o xurídico –o Estado burgués dita o que está permitido e reprime o que non o está pola vía policial-xudicial–, o político –reproduce as lóxicas de competencia do mercado e, mediante o exercicio constante da propaganda, lexitima o sistema e o Estado burgués– o sindical –o sindicalismo amarelo mantén ás clases populares alonxadas da loita real contra as clases dominantes–, os medios de comunicación –que exercen como medios de difusión de masas para a propaganda das ideas dominantes, que son as da clase dominante– e a cultura –que trasnmite os valores do sistema vixente e contribúe a reproducilos–.
Que o relixioso, a escola, a familia, o xurídico, o político, o sindical, os medios de comunicación e a cultura actúen como aparatos ideolóxicos do Estado en mans das elites dominantes non impide que existan formas de disidencia que operan no seo dos mesmos: relixiosos contrarios ao sistema, como foi Xaime Seixas Subirá, mestras e mestres disidentes, formas de familia alternativas ao modelo tradicional baseado na xerarquía e no poder incontestable do pai, avogadas laboralistas, cadros políticos comunistas, formas de sindicalismo obreiras e absolutamente combativas, medios de comunicación ao servizo da información honesta ou directamente medios de comunicación cunha liña editorial antisistema e, por suposto, traballadoras da cultura e das ciencias contrarias ao estado actual das cousas.
Entendamos, en definitiva: que as clases existen, que os intereses das clases sociais son antagónicos e irreconciliables, que isto dá lugar á loita de clases e que esta loita de clases trasládase ao campo das ideas querámolo nós ou non. Se a dinámica social que chamamos loita de clases existe con independencia da nosa vontade, cómpre entón prestar batalla para evitar que se libre na nosa contra de xeito unidireccional. Tamén no campo das ideas.
A preocupación polo aumento de ideas e valores reaccionarios entre capas cada vez máis amplas da sociedade é recollida de cando en vez por determinados medios progresistas: á proliferación –sobre todo entre a mocidade– de ideas racistas, misóxinas e homófobas súmase a glorificación da autoridade imposta pola forza, do Poder entendido baixo esquema vertical e dos conceptos místicos de individuo e de éxito a través da competencia despiadada impostos polo liberalismo. Temos, como resultado, unha sociedade cada vez máis individualista e menos solidaria, que ve na competencia a dinámica máis desexable e despreza calquera modelo baseado na cooperación. Temos tamén, como era de esperar, unha sociedade na que medran a miseria e a precariedade.
Os donos do sistema […] precisan que nós sigamos como estamos –ou peor– para poder seguir eles como están –ou mellor– aínda que en esencia o que fan é unha soa cousa: vivir do traballo alleo.
O século XXI formula novos retos no que á cuestión das ideas se refire:
A información atópase máis reducida que nunca á súa condición de mercadoría. Tense banalizado e, despoxada en grande medida da concepción de servizo, o consumo aparece como valor principal sobre o rigor con máis forza que nunca. Isto dá lugar a situacións absurdas, como enterarnos de que Israel está a atacar Irán grazas a un reel –vídeo curto da rede social Instagram– de quince segundos. A brevidade, o enorme aluvión de temas diferentes, a rápida sucesión de contidos e o tratamento dos mesmos propio das redes sociais –atrapar a atención do usuario– provoca unha resposta aínda máis pasiva e apática cara a información recibidia da que podería provocar a prensa tradicional. Opera ademais un fenómeno que a nós, como comunistas con vocación transformadora, aínda nos resulta máis preocupante: o discurso complexo é
substituído pola consigna, facilitando a supresión do pensamento crítico e fomentando un seguidismo irracional a determinadas posturas.
As figuras públicas que desenvolven o seu traballo a través das redes sociais –youtubers, influencers…– atópanse condicionadas de xeito eminente pola posición que ocupan dentro dunha estrutura económica determinada: as ganancias obtidas da publicidade adoitan ir asociadas á diversificación das fontes de ingresos que, con frecuencia, sitúa os seus intereses económicos en liña cos da burguesía clásica. Este e outros elementos, como as dinámicas propias das redes, fan moi complicado que sexa posible contrarrestar de xeito eficaz o discurso de determinados persoeiros mediante a mera imitación. É posible e necesario desenvolver certo traballo de axitación e propaganda en redes, pero intentar ter influencers e youtubers de esquerdas –expresión lida recentemente noutro medio– capaces de contrarrestar a hexemonía mediática das forzas reaccionaras nestes ámbitos sería un plan condenado ao fracaso. Se forzas coma VOX –e outras, pero nomeamos á que adoita ser posta como exemplo con máis frecuencia– teñen éxito na súa estratexia axitativa é precisamente porque redundan nas dinámicas lobotomizantes descritas máis arriba, pero iso non resulta funcional á hora de artellar un proxecto emancipador baseado na mobilización do pobo como suxeito central e proactivo.
Se a dinámica social que chamamos loita de clases existe con independencia da nosa vontade, cómpre entón prestar batalla para evitar que se libre na nosa contra de xeito unidireccional
Debemos ter isto claro: se o capitalismo ofrece un modelo individualista baseado na información como mercadoría de consumo –en soídade, ante a pantalla, absorvendo os estímulos informativos que chegan vía redes– o proxecto comunista debe construirse sobre a base dunha fórmula consistente na participación activa, democrática, colectiva e común. O proxecto do proletariado baséase na asemblea.
A asemblea preséntase así ante nós como fórmula definitiva de organización que, dende lóxicas de cooperación, sírvese da presencialidade como catalizador de tódolos valores sobre os que se debe erixir a democracia das clases populares: solidariedade das comúns, intervención activa, argumentación complexa, pensamento crítico, igualdade e participación baseada nun modelo absolutamente horizontal…
E como entronca isto coa loita ideolóxica? Moi sinxelo: a asemblea é ese lugar no que se intercambia información, no que se reflexiona en conxunto, no que se crea, no que se aprende. É implementando a asemblea en todos os eidos como a capacidade de control por parte das elites dominantes comeza a ser erosionada, limitando notablemente a súa operatividade como aparellos ideolóxicos do Estado.
Resulta fundamental, no momento no que nos atopamos, explorar esta fórmula especialmente no eido cultural e nos medios de comunicación, sobre todo no contexto galego, atendendo ao alarmante retroceso da nosa lingua, que xa é a segunda lingua do País fronte ao castelán. Isto ten relevancia polas súas implicacións en materia económica e sociolóxica, máis aló de calquera tipo de identitarismo. Alén da cuestión lingüística, a escasa capacidade de reacción do conxunto da poboación fronte situacións absolutamente intolerables, como pode ser o xenocidio en Gaza pero tamén, no noso territorio, o abusivo incremento dos alugueres e a precarización das nosas condicións laborais e materiais, pon o foco sobre a necesidade de dispor estructuras e esquemas que contribúan a mover a opinión pública cara teses de impugnación radical de todo o que non pode ser tolerado.
A aparición, no mes de xuño deste ano, da iniciativa Artefacto, asinada por unha serie de nomes de innegable relevancia procedentes dos diversos eidos que compoñen o panorama cultural galego, é pra nós unha noticia que debe ser especialmente celebrada, pois supón o primeiro paso, pensamos, na construción deste modelo asembleario. A reivindicación da cultura como ferramenta de transformación e da condición de traballadoras –situándose, así, ao carón e mesmo dentro da clase obreira– para as persoas que desenvolven a actividade profesional no sector das artes, das letras ou das ciencias, son dúas declaracións de intencións e apuntan a un interesante cambio de paradigma. Esperamos que esta asemblea das artes e do saber teña capacidade de integrar á ampla maioría do pobo galego nun xeito de facer cultura verdadeiramente emancipador.
Non obstante, que podemos facer dende Embate para manternos á altura dos tempos? Resulta evidente, se analizamos a historia dos procesos revolucionarios que sucederon dende o século XVIII ata os nosos días, que o voceiro escrito é un elemento nucleador e vertebrador central na construcción dos grandes movementos de emancipación. O papel xogado polos xornáis da Revolución Francesa –o célebre L’Ami du peuple de Marat, por exemplo– será esencialmente de mobilización, contribuíndo a transformar a revolución nun proceso político baseado na mobilización e a participación de masas. Os xornais dos revolucionarios rusos cumplirán unha función radicalmente distinta, pois actuaban como xérmolo de organización en torno ao cal se construirán despois os partidos, ilegais e duramente perseguidos: do que un día foi Iskra rematará nacendo, despois de motas idas e vidas, o Partido Bolxevique.
Se o capitalismo ofrece un modelo individualista baseado na información como mercadoría de consumo […] o proxecto do proletariado baséase na asemblea
O caso galego é moi diferente dos dous anteriores: a organización revolucionaria xa existe (o PCRG) e por tanto nin Embate nin ningunha outra publicación escrita ten a obriga de adoptar esa dimensión orgánica que si podía ter Iskra, por exemplo; as razóns dadas máis arriba son motivos suficientes para considerar que a fórmula do voceiro escrito, nos diferentes formatos que poida adoptar, é insuficiente nos nosos tempos para actuar como elemento mobilizador das persoas alleas á militancia partidaria.
Que facer? Embate debe xogar un dobre papel en relación co horizonte que estamos a esbozar:
En primeiro lugar, alimentar o debate convertíndose en foro ou en altavoz para o intercambio de ideas, facilitando un maior dinamismo na discusión real que opera cando a escrita é substituida pola fala no marco da xuntanza física e presencial das e dos iguais. Embate como revista do marxismo galego actúa así como complemento ao Partido como asemblea política, como cerebro colectivo, pero tamén pode contribuir a fortalecer a discusión e o intercambio de ideas no resto das asembleas, incluída a cultural. Como se fai isto? Integrando novos elementos, dando voz a aquelas voces que teñen algo importante que dicir e contribuindo a crear as sinerxias imprescindibles entre os todos aqueles actores emancipadores que xogan un papel na creación da República Galega, que como sabemos ten que ser unha República das asembleas.
En segundo lugar, Embate debe explorar unha dimensión que xa comezou a ser esbozada, pero que na que debemos afondar aínda máis: alén de transformar Embate nunha revista de referencia dotada dun papel central no debate intelectual galego, é fundamental dar o salto definitivo que faga de Embate unha editorial funcional de publicacións orientadas á formación política, pero non só. Galicia precisa unha maquinaria de producción cultural, literaria, artística e científica ao servicio da súa emancipación e debemos saber estar á altura, aportando o máximo dende a humildade, pero sabendo explotar as nosas capacidades e potencial.
Cremos firmemente que a nosa terra está a ver nacer un proxecto de emancipación no que calquera persoa honesta ten cabida.
Ninguén debe quedar fóra.