Inicio / Embate / Entrevista a Fervenza, sindicato estudantil 

Entrevista a Fervenza, sindicato estudantil 

No pasado 9 de marzo, véspera do Día da Clase Obreira Galega, nace nun numeroso plenario constituínte o novo sindicato estudantil Fervenza. Dende Embate entrevistamos a Gonzalo, un dos seus portavoces. 

Ola Gonzalo, cóntanos un pouco cómo comezaches a militancia no ámbito estudantil

O meu comezo penso que é similar ao da maioría da militancia estudantil. Recordo que rematando a Educación Secundaria Obrigatoria comecei a interesarme por algunhas folgas que facían sindicatos estatais, participando e colgando cartaces no meu centro de estudos. Cando comecei a miña etapa universitaria puiden comprobar de primeira man a escasa mobilización dos sindicatos estudantís. No meu primeiro ano non quixen militar en ningunha organización estudantil, e no meu segundo curso animeime a militar en ERGUER, etapa curta que rematou en menos dun ano. A partir do meu terceiro ano xa comezo a enchouparme máis de grandes mobilizacións estudantís no meu paso por Barcelona. 

Como e por que xorde Fervenza? Cal foi a necesidade que sentíchedes os estudantes de crear un sindicato coma este? 

Fervenza xorde a raíz de numerosas asembleas para dar forma a un novo sindicato estudantil, unhas asembleas con longos debates sobre os textos programáticos da organización. Esta etapa duraría varios meses e, en todas as asembleas ás que acudín, chegábamos a unha idea clara: a necesidade de construír un movemento estudantil que incorporase ao estudantado desmobilizado. 

O voso sindicato defende unha educación pública e en galego. Como valorades a situación actual do ensino en Galicia? 

Unha situación que é sobre todo complexa, cun sistema educativo caduco e cunha sociedade sumida no desinterese e na desmotivación na loita polos seus dereitos. Un ensino público que non fomenta a opinión crítica do seu alumnado, un ensino que desprestixia a cultura e o idioma da súa terra, un ensino público desmantelado en beneficio dos empresarios que buscan lucro cun dereito básico. 

O pasado 9 de abril leváchedes a cabo unha folga estudantil que mobilizou centos de estudantes. Como foi o proceso da folga e que balance facedes dela? 

Na etapa que comentaba, antes na que tivemos numerosas asembleas para debater os textos programáticos, xurdiu a idea de facer esta folga. Reunímonos con varias organizacións estudantís para debater a forma na que se organizaría. Finalmente decidimos organizala a través de comités de folga nas diversas facultades, para así lograr unha clara independencia entre o movemento estudantil e as organizacións que o convocan, considerando que o estudantado desmobilizado vai ter maior interese á hora de participar. 

Esta folga consideramos que foi un éxito, xa que acadamos os obxectivos propostos, conseguindo unha gran participación na USC e unha mobilización de preto de medio millar de estudantes. Claramente gustaríanos que a situación mudase grazas a esta folga, pero sabemos que isto non é tan sinxelo. 

Falando da folga, a vivenda é un dos grandes problemas do estudantado, especialmente nas cidades universitarias. Fálanos un pouco das dificultades que encontra o estudantado para atopar unha vivenda digna. 

Esta situación vén dada por dous escenarios, ambos fundidos no principal problema da vivenda: a especulación. Por un lado, atopámonos co mercado inmobiliario, con poucos pisos a prezos desorbitados e nunhas condicións lamentables. E por outro lado, un servizo de residencias de estudantes cun número de prazas absurdo, que non cubren nin o 5% dos estudantes universitarios. Unhas residencias públicas desmanteladas en beneficios de fondos de inversións estranxeiros como o caso da empresa Resa en Vigo. Atopámonos nunha situación tan alarmante como que na cidade máis poboada de Galiza non exista residencia pública de estudantes universitarios. 

Por que apostades por un sindicato de práctica unitaria e asemblearia? 

Como expliquei antes, coa formación de Fervenza tentamos mobilizar ao estudantado desmobilizado e consideramos que esta é a mellor forma posible. Temos que facerlles ver que a súa participación pode cambiar o panorama do ensino público galego e que coas súas accións podemos reforzar e conquistar os nosos dereitos. Isto pode conseguirse a través da escoita e do debate, cunhas asembleas nas que todos nos sintamos escoitados. 

Qué papel cres que xoga a mobilización estudantil na loita pola educación e os dereitos do alumnado? 

Calquera dos dereitos que temos na actualidade é debido á mobilización. Non podemos esquecernos disto xa que estes dereitos poden verse comprometidos, non só fai falla loitar por novos dereitos, senón que tamén para manter os que podemos perder nun futuro. 

Que lles diríades ás novas xeracións que neste novo curso se achegan ás universidades e institutos? Cal é a importancia da organización e da mobilización? 

Gustaríame que pensasen ou que falasen cos seus pais ou cos seus avós. Que lles preguntasen se podían expresar as opinións que agora podemos publicar en calquera lugar. Pero tamén me gustaría que buscasen todas aquelas mobilizacións que se fixeron para conseguir estes dereitos. A raíz diso poden decatarse da importancia da mobilización. 

Por último, fálanos un pouco de que retos principais e obxectivos atopades nos próximos anos no movemento estudantil. 

Hai moito camiño que percorrer e moitas rutas diferentes que podemos levar a cabo para acadar o destino. Pero o que está claro é que o camiño faise paso a paso. Agora toca enfocarnos nos estudantes, conseguir que loiten e que se mobilicen polos seus dereitos. Dereitos como a vivenda, o ensino en galego, a gratuidade do sistema ou en consecuencia unha maior financiación para un dereito tan básico como é a educación.