Inicio / Embate / Cultura e institucións 

Cultura e institucións 

Pancho Niño e Xaquín Silva 

1—A cultura é tan ampla que custa deixar algo fóra. O fútbol é cultura, o control dos esfínteres é cultura, o  comportamento nos ascensores, Harry Potter, Proust, o galanteo, os bicos, as aixadas, comer sardiñas por San Xoán, as maneiras da sexualidade, a distancia social, os roles dos parentes, o que se come e cómo, as concepcións do mundo que profesa o barrio, a aprobación, a creación artística, as cancións, o tamaño da privacidade, os mandatos, as emocións viables, os tabús, a lingua como sitio no que unha comunidade transxeneracional existe especificamente, as conversas na que existe e o vehículo co que relata e se relata. 

2—Os antropólogos falan de cultura material e inmaterial, aínda que as fronteiras adoitan non ser netas; ou dos produtos do espírito coma un plano particular da cultura: aqueles que o materialismo antropolóxico abrangue no epígrafe estrutura ideolóxica ou superestrutura. Nós coidamos que eses produtos culturais, en sentido estrito, carecen de substantividade, é dicir, de existencia de seu, ou, menos estritamente, posúen unha autonomía relativa. Daquela son un tipo de produtos de consumo a beneficio de terceiros que soen non estar no escenario; ou son coartadas simbólicas que prestan un servizo adaptativo (como non comer certos animais por prescrición sagrada).  Un Pantocrátor medieval presenta un manual de emprego  sobre quen é quen no mundo, perfectamente lexible para os traballadores iletrados. A filosofía, clasicamente, conságrase como a mostra da superioridade do intelectual e daquela institúese como actividade de clase. A arte é a cotío capturada en redes financeiras que someten o valor comunicativo da obra e paralízana en valores de cambio alleos á xénese da peza. Pensemos no fetichismo da mercadoría. Crenzas moi estendidas, como que cadaquén é dono e responsable do seu destino e arrimouse a el no uso da súa liberdade, arrincan dos intereses da franxa sociopoliticamente exitosa e astuta, imprescindible para o sistema sen que os pormenores persoais teñan moita importancia; pola cima, os sacerdotes da superestrutura, relixiosos ou non, xustifican a funcionalidade da crenza. 

3—As institucións do estado favorecen, naturalmente, os produtos culturais que concordan cos compromisos de aquel, pero non necesariamente de xeito mecánico ou directo. Creacións que non idealizan as glorias da propiedade, o xardín de Occidente, o paradigma democrático que funda a nosa superioridade —e hogano xustifica para o público acometer as máis atroces aventuras—, o statu quo, chegan a ser parcial ou momentaneamente sostidas por aquelas institucións. Non presentan perigo para as adestradas masas que comen noutros abrevadeiros. Nin perigo para a estrutura ideolóxica das institucións, solidamente fortificadas por produtos culturais infinitos e inofensivos. O pensamento, a arte críticos, ocupan por quendas currunchos nos espazos institucionais con públicos minoritarios, mentres por fóra a publicidade arrastra multitudes a produtos abondo distintos, que teñen lugar en espazos de propiedade pública alugados por empresas privadas de entretenemento. Non hai perigo nin problema: o estado cumpre o seu compromiso de dar cancha ás manifestacións culturais ideoloxicamente convintes, sexan os trust das bonitas mitoloxías, dos contos e filmes para púberes destinados a maiores (escribiu non hai moito M. Scorsesse); ou eventos procaces, reaccionarios e opacos, cosificadores das mulleres desde que son pequenas, idiomaticamente tortos, remitentes á pornografía; a cotío introducen na supresión dos límites e no voyeurismo; proveñen da propaganda mediática de toda fonte; artellados con coidado para constituír  modelos para a nosa xente nova —pero non só—, contribuirán a socializalos cando adultos xoves na necidade política e mais outras necidades, pois están, estamos, suxeitos a un diluvio tóxico fora de control sob o que non sabemos dicir nada; pingamos pasivos e de pronto tristes na choiva mesta como se non tivésemos casa. 

4—Poñamos casos. A compañía Nova Galega de Danza creou a obra Dique, en memoria das mulleres que outrora carrexaron as pedras na construción do “Dique da Campana” en Ferrol no século XIX. O interese múltiple da peza, interpretada por oito bailarinas, non precisa comentario. Dique foi invitada hai uns meses a ocupar uns minutos no programa Luar da TVG. Unha institución de grande importancia e un programa que é unha “institución” dentro dela. O conductor do programa presentou o tema —en xeral descoñecido ou esquecido— con torpeza e mesmo banalidade, pois non atendeu ás notas informativas que aportou Nova Galega; a compañía interpretou un fragmento; foi interrompida no medio do aplauso e a troula habitual apertou de socate coma se a intervención de Dique non tivese lugar.                                               

A Coruña tivo ate non hai moito un fermoso museo de arte contemporánea (MAC), propiedade de FENOSA e orixinario do tempo en que era unha empresa pública. Un bo día pechou, anos despois da privatización. Segundo semella, a empresa tiña que soltar lastre. Sen entrar en cuestións como o uso dos fondos, A Coruña quedou sen espazo específico para a arte contemporánea, quere dicir, comprometido nunha programación regular de interese e calidade, e cunha colección permanente accesible ao público.                                                                                           Unha parte moi extensa da zona céntrica portuaria desta cidade está en mans de Inditex, que levantou nela grandes stands ben servidos tecnoloxicamente, para exposicións fotográficas, de gran porte e magnificamente anunciadas por toda a cidade, de Helmut Newton e Irving Penn, por agora, isto é, a fotografía xeneticamente ligada ao negocio, o que nós chamaríamos o “circuíto glamour”. O “agasallo” de Inditex á cidade é o papel de regalo que envolve a publicidade, honra á empresa, e remacha na ideoloxía da arte plástica como subproduto, como servizo ao que alguén de fóra quere para un obxecto. 

Hai circuítos emparentados co anterior como o “circuíto arte para bancos” (blu, blu, blu… chipi, chipi…), onde as imaxes, insondables, xeométricas ou informes, emocionalmente débiles, ornamentais, repousan xustapostas á xente que fala de cartos. Hai “circuítos gran mundo” (bla, bla, bla…), impoñentes de verdade, como os filmes de R. Scott ou D. Villeneuve que xa son eles unha máquina de cartos. “Circuítos mundo real” como Goya, Lobato, Wearing, Springael, Salgado…, como os filmes Patterson, Maudie, Wendy e Lucy, Nada persoal, O que arde…                                                                                             E logo están os desertos culturais, como Ourense, que progresa nesa condición —se se exceptúan espazos xestionados pola Deputación—  desde que a manda a inefable Democracia Ourensá gobernada por G. Pérez Jácome, que foi elixido alcalde cun apoio máis que considerable do electorado.                                                         Etc. 

5—Os desplantes á lingua. Son tan numerosos que dan moita vergoña. Coñecemos moitos casos de adolescentes ridiculizados e mesmo ameazados na casa por falar galego, institutos preocupados por obter o estatuto de plurilingües cando o galego está desatendido agás polos departamentos de Lingua Galega, que se ven na obriga de facer da lingua unha trincheira. Agás nalgúns casos, a inmigración non encontra que precise incorporala, daquela engádese involuntariamente como un factor de desgaleguización máis. Os inmigrantes económicos son grupos con intereses ben determinados: xuntar cartos; o resto é lateral: participación política, comunidade lingüística, integración cultural alén do imprescindible. Nós faciamos igual en Suíza, Holanda e Alemaña. A primeira era unha xeración de marxinados culturais. Neste país, xuridicamente comunidade autónoma, non se lles crea a necesidade, nin a facilidade, nin o beneficio de se converter en galegofalantes como tampouco se nos crea a nós, galegos nativos. Nin aos españois que atopan onda nós traballos públicos: en termos xerais, por exemplo, docentes non galegos, que están obrigados a probar coñecementos avanzados da lingua, non a utilizan no seu labor. Pásalles coma aos inmigrantes: non se atopan na necesidade. A responsabilidade está no autodesprezo que latexa na estrutura e no corazón das institucións gobernamentais.        Tratar a lingua coma a un can de palleiro sen dono é como quitarlle á comunidade contidos substanciais que daquela se afogarán ao quedaren no silencio, sen recursos humanos para dicirse… e é como quitarlle un glosario que non ten tradución, a maleta coas ferramentas de traballo. Literalmente. 

6—Os ritos  académicos, as formas de casamento, as regras da circulación, os libros escolares, moitos usos da linguaxe, a medicina aleopática, a investigación universitaria, o modelo estándar en física, o sistema decimal, levar tapados os órganos sexuais primarios e os secundarios, o Cantar do Cid, a toga nos xuízos, Mozart, escribir banco con be e vaca con uve, os premios Princesa de Asturias, a lírica trobadoresca, as mancomunidades… etc., son obxectos culturais que forman parte implícita ou explícita do aparello institucional tal como vimos falando del aquí, cun uso certamente restritivo que o aproxima ao “legal” ou ao considerado “lícito”, ortodoxo, respectable, desexable. Non sempre son nidias as fronteiras entre os obxectos culturais institucionais e os non institucionais neste sentido. Por exemplo, a música e baile tradicionais foron incorporados polas deputacións provinciais en tempos do réxime anterior: fundáronse escolas e mesmo organizáronse xiras polo mundo adiante. Hogano, anque os produtos folclóricos  gocen de apoio, aqueles “Coros e Danzas” non existen. A danza contemporánea acadou un pequeno espazo nos conservatorios,  e un espazo serio no de Lugo,  pero o seu pulo, desenvolvemento e contextos de suxestión son extrainstitucionais. A peza de teatro e danza As Mapoulas, escrita e realizada por Laboratorio Escénico, que aborda a traxedia das mulleres anarquistas que tiñan conta de casas-refuxio no barrio coruñés de As Atochas e foron masacradas pola Garda Civil nunha soa xornada no 36, mereceu o premio Luísa Villalta 2021 da Deputación Provincial, e foi proposta nun circuíto teatral que deseña a entidade. Sen embargo a obra non recibiu a curiosidade da rede institucional de programadores. Exactamente o mesmo estalle a acontecer á creación Que din as Rumorosas, de Maquinarias Teatro de Ferrol, que obtivo o mesmo premio no 2022. Recolle as vidas de varias notables mulleres galegas que durmían (e dormen) como tantísimas no sono do esquecemento, desde María Balteira, trobadora do s. XII, ate a pintora Maruja Mallo no XX.                                                                                          Pero os obxectos e accións culturais e socioculturais nidiamente separados do institucional son certamente localizables. A asociación Proxecto Cárcere traballou sen fatiga 11 anos nun plan que invertería a nefasta significación da Prisión Provincial da Coruña como centro de encerro. Fracasou definitivamente en tempos do goberno da Marea. A asociación non desapareceu xuridicamente. A prisión, materialmente, tampouco. Fogar das gaivotas, sigue en pé pero derrúbase cada día un pouco, coma un Gulliver da vergoña. Os plásticos Josechu e Xan de Dios montaron unha acción descomunal en Ourense en 2002, o Baleirado de rúa, para encadrar a presentación dun libro de autoría colectiva de Redes Escarlata e visibilizar esta organización sociocultural  independentista e republicana. As ducias de grandes pancartas pintadas a seguir por eles sobre tea, alusivas ao desastre do Prestige e á invasión de Irak, impactaron na estética das manifestacións do 1 maio e 25 xullo, agrandáronas e multiplicaron os efectos da contestación… Os medios, agás pequenas excepcións, disimulaban.                                                                                Coidamos que temos diante o desafío de montar unha cultura da contestación eficaz, creativa, inagardada, inquedante, que faga sentir á institucionalidade que nos detesta e nos silencia que a collen a contrapé, que hai unha velutiña política que zoa preto, un aire frío que a desacouga, unha razón e unha beleza que a avergoñan e a violentan, unha cultura coma a nena daquel conto a sinalar ao emperador espido. Silvio Rodríguez di nunha canción: “O soño faise a man e sen permiso, labrando o porvir con vellos bois.”