Moncho Lareu
You don’t like the effect, don’t produce the cause
the chip is in your head, not on my shoulder
total control just around the corner
open up the floodgates, time’s nearly up
keep banging on the wall of Fortress Europe.
“Fortress Europe”, Asian Dub Foundation.
It´s true I don´t want to join the Army or turn lathes
in precision parts factories, I´m nearsighted and
psychopathic anyway.
America I´m putting my queer shoulder on your wheel.
“America”, Howl and Other Poems,
Allen Ginsberg.
I.
Europa, non es xardín ningún, senón xurreira bulleirenta, crisol de decadencias,
cemiterio ornamental, sopa primordial da indecencia,
sabes? en moitos lugares do teu territorio, os neonazis camuflábanse so a
denominación Amigos de Europa, agora xa non o necesitan,
Europa, ponte diante dun espello pra veres que es unha churriana vella, enferma e
enrugada que se viste coma unha adolescente,
tes unha psicopatía: ser forte e soberbia cos débiles; ser débil e submisa cos
fortes; das moito noxo, quen pode soportalo? o Meditarréaneo é unha morgue anegada para os excluídos da túa festa,
Europa, levas cento vinte anos dándolle o Nobel da Paz a señores da guerra, piratas
homologados e anticomunistas, es a raíña do paradoxo, da macabra ironía, do
óximoro inerte…
cantos narcoestados e estados falidos máis vas provocar? Kosovo non se
sostén, e ti non podes conter eternamente tanta hipocrisía,
Europa, porque consentes que persistan aberracións anacrónicas coma Polonia, Ucraína, Croacia ou España?
cando vas liberar Galiza e Occitània, que semearon de amor, alegría, luxuria e ludibrio a túa idade máis medieval?
Europa, estabas ben a medias durante esa guerra fría que sempre estivo quente, pero
decidiches ser tan vendida e tan vulgar…
profanaches tumbas en Timisoara e condenaches aos Ceaucescu nuns pupitres
de escola para meteres Romenia na túa bebedeira de capitalismo e prostitución,
Europa, cando serás digna dos teus varios millóns de comunistas? é do único do que
poderías estar orgullosa,
Marx, Engels e Luxemburg están tristes por teren iluminado unha caste drogadicta e traidora.
Europa, fuches raptada por Zeus e adoptaches os seus peores vicios: estupro,
violación, cobiza, ambición, soberbia…
o euro é a divisa dos corsarios; dende que o pariches case todos somos máis
pobres, enfermos e depresivos,
Europa, a túa relación amor-odio coa etnia xudía está a chapicar moita xente, dende
hai moito tempo e en moitos lugares,
Gadaffi foi sodomizado até morrer para teres algo máis de petróleo; agora Libia é un niño de escravistas, vas facer o mesmo no Sahel? É un asunto bastante delicado,
Europa, a nación rom, o pobo xitano, é o mellor dos teus fillos, e non paras de maltratalo e desprezalo: es moi mala nai,
cando lle vas agradecer a Rusia que che salvara o cu tantas veces ao longo dos séculos? Non o fas e non paras de cuspirlle na cara.
Europa, pareceríame ben o da Gran Substitución; o teu sangue está podre, moi podre; que mágoa que non sexa máis ca outra das túas innumerábeis paranoias,
é máis, levaches de América, Asia e África ouro, prata, diamantes e petróleo e ti só exportas guerra, odio, relixión e fanatismo,
Europa, só queres ao Papa cando é o teu mercenario; calquera día reabres Avignon ou, tal vez, O Palmar, quen sabe? es tan ridícula…
a túa Comunidade Económica, ora Unión, é o IV Reich tedesco máis o Terceiro Imperio gavacho; tes en Buxelas unha reciclaxe de liberalfascistas e Maastrich é o soño húmido de de Hitler e Himmler,
Europa, ceiba Pablo Hasél dunha vez, por moito que ocultes os teus presos políticos, todos sabemos que fas cando pensas que non te miran,
sabes? cando tiña sete anos meu pai levábame moitas tardes ao local de Comisións Obreiras en Vigo e eu coraba carteis contra a OTAN; o referendo foi un calote,
non marchamos de Europa, Europa marcha de nós,
estás inhabilitada para seres garante da paz, da unidade dos pobos, da democracia e de porvir ningún, aburres coa túa posmodernidade,
Europa, o colapso soviético foi unha traxedia universal para as clases traballadoras e ti celébralo coas túas bebedeiras de imperialismo, explotación e xenocidio,
Europa, clausura Siovisión,
miña nai traballou toda a vida coma unha escrava e agora, xubilada, non chega a final de mes, non es digna das nosas nais proletarias, nin das nosas avoas, nin das que serán as nosas netas,
Europa…nunca, xamais,
achegaremos o noso ombreiro.
II
Europa, Constaninopla nunca foi fronteira pero ti insistes no teu etnocentrismo protestante,
Europa, Grande Maquieiro que soña incontinentes,
Europa, noite de pedra,
Europa, sombra.
III.
loitadores da sabana, camponesas de Asia
indíxenas dos Andes, patriotas árabes
resistencia americana, nenas de Gaza
guerrilleiras africanas, presentes!
Humanidade,
Occidente é a decadencia e o mal.
Europa,
o xénero humano é A Internacional
internacional é o xénero humano
Asia, Latinoamérica e Asia son
a Tricontinental,
axuntémonos.