Anxo Angueira
Púxolle o nome Xesús Bal y Gay (1905-1993), que xa falara da súa propia e nova xeración en varios artigos de El Pueblo Gallego, a fiestra preferida dos seus membros, en 1927. Púxollo máis tarde, en “La generación gallega de 1925”, un artigo publicado en Presencia de Galicia en México (1954) polo Padroado da Cultura Galega, institución que é referencia para a historiografía do exilio republicano galego en México (e non só) e que logo editaría ese poderoso artefacto antifascista que é a revista Vieiros (1959), en cuxa dirección estaban Luís Soto, Carlos Velo, Delgado Gurriarán e Arturo Souto, membros todos da xeración de 1925, coma o propio Bal y Gay. É a deste intelectual unha figura en xeral esquecida. Foi un músico e musicólogo nado en Lugo, que participou nas actividades iniciais do Seminario de Estudos Galegos e logo nas da Institución Libre de Enseñanza e que desde 1938 a 1965 viviu exiliado en México.
Quen despois retomou a terminoloxía de Bal y Gay, e polo tanto dos intelectuais do exilio republicano, e ademais a canonizou no campo literario galego nun estudo de referencia foi Xosé Luís Méndez Ferrín no seu De Pondal a Novoneyra (1984). O ourensán, que desenvolve aquí poida que por primeira vez unha visión historiograficamente independente da poesía galega contemporánea, á marxe da literatura española, organiza o seu estudo a partir da metodoloxía de Petersen e o seu concepto de xeración. Para Ferrín serían membros da xeración de 1925 os nados máis ou menos entre 1895 e 1809. Da longa nómina, incluíndo non só escritores, podemos citar a Fermín Bouza Brey, Mercedes e Luís Pimentel, Filgueira Valverde, Lois Tobío, Ramón Martínez López, Manuel Antonio, Amado Carballo, Alexandre Bóveda, Paz Andrade, Blanco Amor, Carlos Maside, Victoriano Taibo, Ánxel Casal, Manuel Luís Acuña, Johán Carballeira, Eugenio Montes, Rafael Dieste, Xoán Xesús González, Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, os citados Luís Soto, Carlos Velo, Delgado Gurriarán e Arturo Souto, o propio Bal y Gay e mesmo García Lorca. Habería que agardar a Luz Pozo (1922-2020) e Xohana Torres (1929-2017) para atopar novas xeracións con presenza de mulleres.
Entre os proxectos que Ferrín lles atribúe está o do Seminario de Estudos Galegos, iniciativa xuvenil universitaria nacida en 1923 e de extraordinario calado no campo cultural que o fascismo tronzou en 1936. Tamén a revista Ronsel de Lugo (1924), subtitulada como Revista de la nueva generación gallega no seu derradeiro número, o 6. Dirixida por Evaristo Correa Calderón e Álvaro Cebreiro foi a primeira revista vangardista galega. Finalmente tamén á xeración de 1925 se vincula a creación do Partido Galeguista, que a finais de 1931 promove Alexandre Bóveda para evitar a fragmentación política no campo nacionalista. O PG conseguiu un impacto decisivo na política galega da II República e foi determinante na vitoria do plebiscito estatutario de 1936.
Nestas e noutras empresas a xeración de 1925 asume a posición directora dos mestres da xeración Nós, principalmente Castelao, Risco, Villar Ponte e Otero Pedrayo. Agora ben, tamén con estes mantiveron os seus litixios literarios, estéticos e políticos. Eles eran “os novos” e quixéronse desmarcar dos vellos. E “os vellos” eran principalmente os rexionalistas en política e en literatura, contra os que batallou brillantemente o manifesto Máis alá (1922), pero tamén os que negaban para a literatura galega o diálogo interliterario que supuñan as vangardas. E aí os mociños da xeración de 1925 bateron cos homes da xeración Nós, que ás veces se sumaron a “os vellos” na defensa das tradicións propias para acusaren “os novos” de alleeiros. O litixio epistolar sobre arte e estética entre Manuel Antonio e Castelao é moi ilustrativo. E seguindo con rianxeiros tamén é ben visible a distancia entre o Rafael Dieste de Dos arquivos do trasno e o Castelao de Cousas, libros coetáneos (1926), incluída moi sintomaticamente a visión da emigración. Claro que tamén entre Manuel Antonio e Rafael Dieste hai diferenzas, como cando aquel lle di a este que deserte do exército español na guerra de Áfica e se aliste no do rifeño Abd el-Krim. E os novos tamén bateron cos de Nós nas fiestras escollidas para publicaren: eran máis de El Pueblo Gallego e non de Nós nin d´ A Nosa Terra. Persoalmente non creo que Ferrín lle fixera xustiza cando conclúe no seu estudo que “a xeración de 1925 ha de ser definitivamente considerada como unha doorosa frustración das nosas letras”. Son palabras de 1973 (da súa tese) e cremos que había a suficiente perspectiva histórica. En todo caso sería unha frustración relativa. A morte prematura nalgúns casos e logo o fascismo, especialmente virulento cos seus membros, esfarelou os proxectos e maila dinámica de grupo no momento en que iniciaba a madurez. Por outra banda, eran “os novos” os que máis firmemente crían o estaren asistindo a un verdadeiro rexurdimento nese período de 1916 a 1936 en que dalgún xeito se eles criaron e no que algún deles fixo achegas decisivas, sempre con espírito rompedor. Non foi frustración, non. Non houbo poesía como a desta xeración. A alta obra poética de Luís Pimentel foi a luz que prendeu nas novas xeracións como a de Ferrín trala guerra, cos seus Triscos (1950) e a súa Sombra do aire na herba (1959), co seu “A Rosalía”. O Manuel Antonio de Máis alá (1922) e de De catro a catro (1928) ergueuse no medio dos océanos da noite coma poderoso faro, o semaphore dos avances, referencia en tódolos cruceiros literarios e políticos posteriores: coa Nova Narrativa, con Rompente, coas Redes Escarlata e cos que aínda chegarán. E se Pimentel xa puña algún obreiro nos seus Triscos, Blanco Amor vai facer xirar por fin as coordenadas do pazo ou do castelo para pór nos catro puntos cardinais d´ A esmorga (1959) e de Xente ao lonxe (1972) a clase traballadora, a clase obreira, coma suxeito político e literario do visible e do invisible. Non foi frustración. Non cremos. Velaí Luís Soto coas súas achegas fundamentais para fundar a UPG e logo o PGP, á beira por certo de Méndez Ferrín. Quer decer que a xeración de 1925 deixounos o horizonte da futura República Galega de Manuel Antonio, o camiño comunista de Luís Soto e o permanente, o con sen berros, o grande milagre do mundo de Pimentel para avanzar. E aínda, non podemos nunca esquecelo, o sangue antifascista entre outros moitos de Alexandre Bóveda, Ánxel Casal ou García Lorca.