Inicio / Embate / 22 de xuño 1941. Comezo de “Operación Barbavermella” contra a Unión Soviética 

22 de xuño 1941. Comezo de “Operación Barbavermella” contra a Unión Soviética 

Carlos Dafonte 

“Barbavermella”, así denominaron os dirixentes nazis no poder, despois de derrotar e ocupar Francia e a maioría dos países europeos, o ataque contra a Unión Soviética. A idea era facerse cun enorme “espazo vital” onde vivían, consideraban, razas inferiores que debían traballar ao servizo da raza superior a aria; espazo que contaba ademais con enormes reservas de minerais, petróleo e auga, que unha vez conquistado,  sería repoboado por alemáns. 

Considero necesario tratar en certa medida, e dun xeito breve, o contexto no que se vai producir a invasión. Axiña, despois de que o exército vermello, o que se constrúe perante a revolución levada a cabo polos soviets en 1917 no imperio tsarista, derrotara ás forzas contrarias á revolución e a unha posible volta da dinastía dos Romanoff ao trono, e a agresión das principais potencias imperialistas, en 1921, a partir dese momento, as potencias imperialistas comezan a súa política de illar ao país da revolución e poñer fin á experiencia de ter expropiado á burguesía e iniciado un período de transición cara ao socialismo primeiro e o comunismo como fin estratéxico: a sociedade sen clases e sen estado. 

O primeiro paso son os tratados de Locarno, que conseguiron recompoñer en certa medida as feridas entre os contendentes na Iª Guerra Mundial; asínano Alemaña, Francia, Italia, Bélxica e Reino Unido. Esta recomposición dos adversarios na guerra, foi vista na Unión Soviética como un paso na súa contra, pois tamén fora contendente e ficara excluída do tratado. 

O seguinte tema de preocupación é o golpe de estado do marechal Pilsudsky en Polonia en 1926, inimigo declarado da revolución, que rexeita asinar un pacto de non agresión coa URSS e exixe unha parte de Ucraína e exercer unha especie de protectorado sobre os países bálticos. 

Ao ano seguinte, o Reino Unido rompe relacións diplomáticas e comerciais coa URSS e en Francia o marechal Ferdinand Foch invita ao seu país a seguir o mesmo camiño. 

Unha vez os nazis no poder en Alemaña, tamén preocupa a URSS, coñecendo o que opinaban sobre a necesidade de espazo vital, o seu racismo, a consideración de razas inferiores de eslavos e doutros pobos que a conformaban e o pacto que en 1933 asinan Francia e o Reino Unido coa Alemaña nazi  de “Comprensión e Colaboración”. Que significado tiña, que Francia e o Reino Unido comprenderan os intereses que os nazis presentaban no seu programa de expansión cara ao leste, e estaban dispostas a colaborar na súa realización? Parece que si, pois inducido por elas, Polonia asina un pacto de non agresión coa Alemaña nazi, ao ano seguinte. 

No ano 1935 asínase o acordo naval Alemaña-Reino Unido que permite o rearme naval  alemán e a construción de submarinos, violando os acordos de Versalles; e no 1936, en outubro, créase o eixo Alemaña-Italia e en novembro o pacto anti- Komintern, que así era como en ruso se denominaba á Internacional Comunista, entre Alemaña e Xapón de defensa fronte a ameaza do “comunismo internacional”. Ao ano seguinte amplíase a Italia, Hungría, España, Bulgaria e o Manchukuo, un goberno monicreque de Xapón creado en Manchuria. 

A URSS en varias ocasións solicitou do Reino Unido e Francia un pacto para frear o expansionismo alemán pero non obtivo resposta. A non ser que a resposta sexa o pacto asinado entre Reino Unido e Francia coa Alemaña nazi e a Italia fascista o 30 de setembro de 1938, en Munich, que foi orixe da ridícula escena do primeiro ministro británico baixando do avión en Londres co papel do tratado na man e anunciando “que a paz estaba asegurada”. No mesmo ano e meses máis tarde, o 6 de decembro, asínase o pacto de non agresión entre Francia e Alemaña por parte de von Ribbentrop e George Bonnet. 

Fronte a tanto pacto que illaba á URSS, o 23 de agosto do ano seguinte asínase o pacto de non agresión entre a URSS e a Alemaña nazi, sendo conscientes na primeira, que máis cedo que tarde, entrarían en guerra coa segunda e que o pacto era un xeito de retrasar a agresión e prepararse para a futura guerra. 

Antes hai que considerar que a partir de 1928 na URSS prodúcense dous procesos moi importantes como son a “colectivización forzosa” do campo, posto que a política seguida dende 1921 coñecida como Nova Política Económica (NEP) permitira neste sector o enriquecemento de sectores campesiños, os kulaks, que enfrontaron co poder soviético tentando establecer prezos e poñendo en perigo o aprovisionamento de cidades e do propio exército en caso de conflito. Este proceso non foi pacífico e hai autores que o consideran como a segunda guerra civil. O segundo proceso é o da industrialización acelerada que permitirá un avance moi importante das forzas produtivas e unha base para fabricar o armamento necesario para defenderse. 

Como segue a haber voceiros que afirman que a URSS confiaba plenamente na Alemaña nazi, é necesario constatar que no ano 1935 no Congreso da Internacional Comunista celebrado en Moscova no mes de agosto, caracterizouse ao fascismo- nazismo no poder como: “A  ditadura terrorista aberta dos elementos máis reaccionarios, máis chovinistas e máis imperialistas do capital financeiro. A variedade máis reaccionaria de fascismo é a de tipo alemán. […] É o sistema de goberno da bandidaxe política, un sistema de provocacións e torturas contra a clase obreira e os elementos revolucionarios do campesiñado, da pequena burguesía e dos intelectuais. […] O fascismo alemán actúa como destacamento de choque da contrarrevolución internacional, como incendiario principal da guerra imperialista, como instigador da cruzada contra a Unión Soviética, a gran patria dos traballadores de todo o mundo. O fascismo non é unha forma de Poder Estatal, que está, como se pretende, por encima de ambas clases, o proletariado e a burguesía; tampouco é a pequena burguesía sublevada que se apoderou do aparello do estado […] O fascismo é o poder do propio capital financeiro. É a organización do axuste de contas terrorista coa clase obreira e o sector revolucionario dos campesiños e dos intelectuais. A subida do fascismo ao poder non é un simple cambio dun goberno burgués por outro, senón a substitución de una forma estatal da dominación de clase da burguesía-a democracia burguesa-por outra, pola ditadura terrorista aberta”. 

Queda claro que a caracterización que se fai do nazismo alemán no poder, non é a dun amigo, é a do principal inimigo que ten como misión a destrución do que representa a URSS e polo tanto o pacto de 1939 é un xeito de gañar tempo diante da próxima agresión. 

O 22 de xuño de 1941 comeza agresión da Alemaña nazi contra a URSS. 

Analizar a resposta que os dirixentes do PCUS e da URSS deron á mesma, ten dúas versións; unha é a que se saca do “informe secreto” presentado por Kruvchof ao XX Congreso do Partido celebrado en 1956, tres anos despois da morte de Stalín.  Hai outra versión distinta resultado da apertura dos arquivos despois da desaparición da URSS, que permitiu achegarse á verdade do que aconteceu. 

Na primeira píntase a un paralizado e temeroso autócrata chamado Stalin incapaz de comprender como o “seu amigo” Adolf Hitler o traizoou, o que permite que nas primeiras horas a paralización da URSS sexa total. Coincidindo con esta visión, toda a culpa a tiña un sanguinario e paralizado Stalin. Nunha cadea de TV pasouse estes  días un documental sobre a “guerra no leste”, e cando falaron dos mortos da URSS, sobre 28 millóns, fixeron a afirmación de que “a metade fora por culpa de Stalin”. 

A outra versión, hai varios autores, entre eles varios norteamericanos que a teñen exposto. Dende o primeiro momento despois de coñecida a invasión, celébranse  xuntanzas constantes onde se discute facerlle fronte aos invasores preto da fronteira ou retroceder, pero o que para min é importante son as medidas tomadas dende anos antes da invasión que de ningunha maneira amosaban confianza, no pacto de “non agresión”. 

Como sinala Hoffmann no seu libro de 1995, no ano 1940 saíron das fábricas 358 carros de combate; pois ben, no primeiro semestre do ano seguinte 1.503. Outro dato importante son os dos Planos Quinquenais, no referente ao orzamento de defensa; no primeiro de 1928-1932 era do 5’4 % do orzamento; no segundo do 41’3%. E outro máis en setembro de 1939 o Politburó do PCUS aprobou construír antes de 1941 nove fábricas para a construción de avións. No comezo da operación “barba vermella” a industria tiña producido 2.700 avións e 4.300 carros de combate. A pesar destes datos, enfrontarse a unha potencia militar como Alemaña non foi doado, senón que llo pregunten a Francia. 

A visión dos dirixentes nazis a pouco de comezar a invasión 

Hai que sinalar que a invasión contou con ducias de miles de combatentes de corpos do exército doutros países como Italia, Hungría, Romenia, Finlandia, España, Eslovaquia, Croacia, nazi-fascistas do Benelux, países escandinavos e da Francia ocupada.   

Doménico Losurdo no seu libro sobre Stalin, recolle algunhas consideracións de diarios e entrevistas con dirixentes nazis despois de comezada a invasión. Así, por exemplo, antes de iniciala, Hitler comentoulle a un diplomático búlgaro que o exército soviético era “un chiste”, opinión que tamén compartía o Ministro Británico de Exteriores Lord Halifax para oporse a un achegamento do Reino Unido á URSS por non ter case exército. Pero Hitler, o día 16 de setembro, nunha conversa consideraba que “A preparación bélica dos rusos debe considerarse fantástica”. Nunha nova conversa con Fritz Todt, o 29 de novembro do mesmo ano, preguntábase “Como é posible que un pobo tan primitivo poda acadar tales obxectivos técnicos en tan pouco tempo?”. Noutra conversa o 26 de agosto de 1942 afirmaba, referíndose á URSS, “En conxunto é necesario recoñecer que foron construídos talleres da importancia da “Hermann Goering Werke”, alí onde ata hai dous anos só existían aldeas descoñecidas. Atopamos liñas de camiños de ferro que non aparecen nos mapas”. 

O seu desconcerto era patente. Axúdanos tamén o coñecemento dos diários de Goebbels, que escribe o 2 de xullo a pouco de iniciada a Operación Barbavermella, “en conxunto combátese moi dura e obstinadamente. De ningún xeito pode falarse de paseo. O réxime vermello mobilizou ao pobo”. O 1 de agosto: “No cuartel xeneral do Führer […] admítese abertamente ter errado un pouco na valoración da forza militar soviética. Os bolxeviques revelan unha resistencia maior da que pensabamos; sobre todo os medios materiais a súa disposición son maiores do que pensabamos”. E o 19 do mesmo mes, “O Führer está en privado moi irritado consigo mesmo polo feito de terse deixado enganar ata tal punto sobre o potencial dos bolxeviques, a través dos informes chegados da URSS, sobre todo da subestimación da infantería acoirazada e da aviación do inimigo que nos crean grandes problemas”. Por último o 16 de setembro afirmaba “Temos calculado o potencial dos bolxeviques dun xeito completamente erróneo”. 

Algúns xenerais tamén indicaban a capacidade de resistencia e de contraataque do exército vermello e o contralmirante Canaris, dirixente da contraespionaxe comentou “Véxoo todo moi negro”. 

 É sabido que tomar Moscova era un obxectivo fundamental de carácter propagandístico, como aconteceu coa toma de París polos nazis e Hitler paseándose pola cidade, pero neste caso a eficacia da artillería e da aviación soviética frustraron o intento. 

Non vou entrar nas accións de carácter militar, son elementos moi coñecidos, Stalingrado, Kursk e a partir dese momento, avances moi importantes do exército vermello ata entrar Berlín en abril de 1945. 

Consecuencias da derrota do nazi-fascismo. 

O capitalismo, que tiña creado o nazi-fascismo como defensa contra o movemento obreiro, e que contou con numerosos seguidores en moitos países europeos,  creou os campos de exterminio para os opositores e produciu o asasinato de millóns de xudeos contando coa colaboración doutros países, saíu da guerra moi desprestixiado fronte a unha URSS que conseguiu en moi poucos anos pasar de ser un país atrasado, a unha potencia de todo tipo: económica, política e, para moitos traballadores do mundo e sobre todo de Europa, o exemplo a imitar, a sociedade alternativa a construír. 

A iso tamén contribuíron a actitude dos Partidos Comunistas que foron os opositores máis radicais, coas armas na man, á ocupación das tropas da Alemaña nazi e contra dos colaboradores coa mesma. Aos países europeos que se consideraban como vencedores, non lles quedou máis opción, se querían frear a revolución, que facer cesións á clase obreira, institucionalizando deste xeito o que chamamos “estado de benestar”, que é unha cesión do capital pero baseado na explotación do que se coñece como o terceiro mundo, sobre todo o continente africano e partes importantes de Asía. 

O triunfo da revolución en China, a independencia da India, a aparición de Pakistán, o triunfo da revolución en Cuba, van ser fitos importantes, como as guerras de liberación en África e Asia e a loita pola independencia política en América Latina, que contaron co apoio político da URSS. As dúas guerras vitoriosas en Vietnam, primeiro contra os franceses e despois contra os USA, tamén foron fitos moi importantes na loita contra o colonialismo que obrigou á principal potencia imperialista, os USA, a situar bases na maioría dos países do planeta e, sobre todo, en América Latina, a potenciar constantes golpes de estado e instaurar sanguentas ditaduras. 

A existencia da URSS era o contrapeso ás políticas dos países imperialistas, na chamada dinámica de bloques ou “guerra fría”. A desaparición da URSS a partir dos primeiros anos da década dos noventa do século pasado, fíxonos entrar nunha dinámica nova, o mundo unipolar rexido polos USA, co dominio ideolóxico das posicións máis reaccionarias, que sobre todo na Europa da UE, soportamos hoxe en día. 

Dende hai uns anos este mundo unipolar estase a fundir aparecendo unha alternativa multipolar na que os BRICS xogan un papel importante. Pero o avance cara ao novo, non vai ser nada fácil e os USA e os seus aliados, van opoñer unha importante resistencia e é posible que nalgún momento utilicen a arma da guerra. A OTAN contra Serbia, contra Libia, Siria, Iraq, Irán e o que virá, son parte do proceso de resistencia do imperialismo.