Carmiña Naveiro é unha muller que, ao longo de varias décadas, se converteu nunha das figuras máis importantes na loita sindical dentro de Inditex.
Comezou a súa carreira laboral na empresa a mediados dos anos 90, cando as condicións de traballo eran extremadamente precarias. Ao longo dos anos, a súa implicación foi fundamental para mellorar a situación laboral, loitando por unha xornada laboral xusta, dereitos de descanso e melloras nas condicións de saúde e seguridade. A súa dedicación tamén permitiu que as mulleres adquiriran maior visibilidade.
Carmiña, como iniciaches a túa loita sindical?
A miña implicación na loita sindical non foi unha decisión dun só momento, senón un proceso gradual.
Comecei a traballar en Inditex a mediados dos anos 90, nunha época na que as nosas condicións laborais eran moi precarias. As xornadas eran abusivas, chegando a ser moitas veces de ata de 21 horas sen descanso, sen descansos semanais, e ocultándonos o convenio colectivo de aplicación que tiñamos. Dende ese momento, comecei a sentir a necesidade de loitar para mellorar as precarias condicións nas que traballabamos, e tendo coñecemento de que a única maneira que tiñamos de cambiar esa situación era a de organizarnos, sendo conscientes do poder que tiñamos como grupo.
De non ser por esa loita colectiva, aínda estariamos en precariedades e en situación de completa desprotección.
Tiveras algún tipo de contacto previo cos movementos sociais ou activismo antes de comezar na loita sindical?
Non, non tivera ningún contacto directo con movementos sociais. Como moitas outras compañeiras, a miña relación co activismo sindical comezou a raíz das malas condicións laborais que padecíamos. Sen embargo, si que crecín nun ambiente no que se valoraba a loita polos dereitos e a xustiza social, xa que a miña nai sempre me transmitiu a importancia de loitar por aquilo que era xusto. Ela, ao igual que moitas mulleres da súa xeración, tamén padeceu a opresión e as dificultades propias da súa época, pero sempre me animou a non calar. A súa forza e as súas vivencias foron unha gran influencia para min.
Como percibiches a loita sindical sendo muller?
Sendo muller, a loita sindical foi moito máis complexa.
Ao principio, as mulleres eramos vistas como un colectivo máis fráxil e menos disposto a loitar en comparación cos homes. Moitas veces, a loita das mulleres era minimizada e invisibilizada, polo que as nosas voces eran desestimadas, chegando ao extremo de chamarnos “las niñas”, o que buscaba infantilizarnos e restarnos autoridade como mulleres adultas que eramos. Ademais o traballo das mulleres era considerado como un complemento ou unha axuda á economía familiar, máis que un soldo propio.
A miña loita tivo un dobre reto: defender os dereitos das mulleres e, ao mesmo tempo, traballar para cambiar esa percepción nas empresas. A pesar diso, as mulleres mostramos que tiñamos a mesma capacidade para loitar, para tomar as rendas e lograr cambios significativos nas nosas condicións laborais.
Como caracterizarías as diferentes fases da loita sindical dentro de Inditex?
Ao principio, a loita sindical nas tendas foi un proceso fundamentalmente interno, onde a principal meta era concienciar aos compañeiros e compañeiras sobre os seus dereitos laborais máis básicos, como o cumprimento dos convenios colectivos, a regulación dos horarios laborais , descansos, vacacións… Este primeiro paso foi clave para que as traballadoras tomaran consciencia de que as dificultades que padecían non eran exclusivas dunha tenda, senón que tamén se repetían en outras áreas do grupo, como nas fábricas e plataformas loxísticas.
A medida que foron avanzando na loita, loxística, fábricas… conseguido melloras, incluso por riba dos seus convenios, as traballadoras das tendas, foi cando fomos conscientes de que o noso obxectivo tiña que ser mellorar as condicións laborais de todas as traballadoras e traballadores dentro da empresa, e de paso que a nosa loita tamén sirva de exemplo para conseguilo noutros sectores.
Logramos que moitas compañeiras puideran recoñecer que os seus dereitos estaban sendo vulnerados, non por erro, senón por unha estrutura que non tiña en conta as súas necesidades e que as trataba de maneira desigual. Fomos tamén aprendendo da loita doutros sectores que xa estaban mellor organizados e, así, fomos recollendo ideas e estratexias que nos permitiron fortalecer a nosa posición. Ao mesmo tempo, isto motivou a moitas máis compañeiras a unirse á loita, impulsando un movemento solidario que foi clave para conquistar dereitos que ao principio nin sequera sabiamos que existían.
A loita foi longa, pero a unión e a toma de conciencia colectiva foron o que realmente nos permitiron avanzar.
Nun sector eminentemente feminizado, que reivindicacións se poden relacionar coa loita pola emancipación da muller no ámbito laboral?
A loita pola emancipación laboral das mulleres no sector de Inditex está moi ligada á loita contra a precariedade e a invisibilización do traballo feminino. Durante moitos anos, as mulleres foron consideradas traballadoras de segunda, e as condicións de traballo que sufrimos estaban cargadas de desigualdades. A nosa loita non só foi por mellores salarios ou unhas xornadas laborais máis xustas, senón tamén por recoñecemento e dignificación do traballo das mulleres. Buscamos que as mulleres non só tivéramos traballo, senón tamén dereitos, igualdade e visibilidade dentro das empresas.
A loita das mulleres é tamén unha loita pola súa autonomía económica e a súa independencia, sen que dependan dun salario extra que as feminice ou subordine á economía do fogar.
Actualmente, en Inditex e no sector do comercio, ves formas de violencia machista, explícita ou estrutural?
Sen dúbida, a violencia machista, tanto explícita como estrutural, segue presente, por desgracia en Inditex en moitas empresas e en moitos sectores.
A pesar da imaxe moderna e progresista que a empresa quere proxectar, a realidade é que os postos de responsabilidade, especialmente os cargos de dirección, están predominantemente ocupados por homes. As mulleres seguimos sendo maioría nos postos de base, como nas tendas, mentres que os homes dominan os postos de maior responsabilidade. Este feito é unha forma de violencia estrutural que invisibiliza as nosas capacidades para asumir roles de maior poder. Ademais, a violencia explícita tamén segue sendo un problema, xa que moitas veces as mulleres sufrimos acoso ou discriminación. A pesar dos avances na loita polos dereitos laborais, as mulleres moitas veces son prexudicadas cando se trata de promocións ou de acceder a postos mellor remunerados.
A loita por unha verdadeira igualdade de xénero no traballo segue sendo unha tarefa pendente, que require cambios na estrutura e na mentalidade das direccions de moitas empresas.
Consideras que as mulleres teñen suficiente representación nas loitas sindicais?
A miña resposta é clara: non.
As mulleres seguimos tendo unha participación insuficiente nas loitas sindicais,especialmente en sectores onde a maioría do persoal somos mulleres, como por exemplo conserveiras, axuda no fogar, limpeza, comercio… a carga de traballo, que seguimos asumindo as cargas e responsabilidades familiares e o medo ás represalias son algúns dos motivos que dificultan a nosa implicación activa.
Moitas mulleres queren loitar, pero non teñen os medios ou o tempo para facelo, e a sociedade non facilita que as mulleres poidan participar de maneira plena na loita sindical.
A clave para cambiar isto está en darlles máis voz, crear espazos seguros onde as mulleres poidan ser escoitadas.
Como valoras o papel das mobilizacións feministas nas loitas sociais e sindicais?
O papel das mulleres nas mobilizacións feministas é crucial, pero aínda está por valorar na súa totalidade. As mulleres sempre tivemos un papel fundamental nas loitas sociais e sindicais, pero os logros e as conquistas moitas veces non se nos recoñecen de maneira xusta.
A pesar de que a loita feminista se fortaleceu nos últimos anos, seguimos sendo as mulleres as que máis traballo temos que facer para que as nosas loitas sexan visibles e se recoñezan.
Para que a loita sexa efectiva e as mulleres sexan protagonistas, necesitamos dar un paso máis e asegurarnos de que as mulleres teñan a mesma capacidade de influír nas decisións que os homes. Se logramos isto, as mobilizacións feministas terán un impacto moito maior nas loitas sociais e sindicais en xeral.
Que consideras que se logrou na loita sindical en Inditex respecto ás mulleres, e que desafíos seguen existindo para conseguir unha igualdade real no ámbito laboral?
Logramos importantes avances nas condicións laborais, pero a loita continúa, non só para mellorar as condicións laborais, senón tamén para alcanzar a igualdade real no ámbito laboral e social.
A través da solidariedade e dun gran traballo colectivo, as mulleres somos capaces cando nos unimos, que temos a forza suficiente para cambiar as estruturas e acadar a xustiza social que todas nós nos merecemos.