Inicio / Embate / A entelequia dos dous estados II

A entelequia dos dous estados II

Pancho Niño e Xaquín Silva

 1. Namentres:  Barra libre deste lado á estupidez das palabras, aos argumentos baleiros de argumento  e ás contumaces falacias coñecidas. Sahar Shatat dixo nunha manifestación na Coruña: “… O ocupante non ten dereito a defenderse.” Parece claro. De non ser que esgrima un dereito inmanente á súa natureza étnica ou ontolóxica. Admítese a ocupación? Só se se nega, as accións de Israel terían xustificación. En orde inversa: a xustificación de “algunha” acción militar de Israel agocha a negación da ocupación. Algún goberno europeo sostén dito enunciado.

2. En abril Irán resposta ás matonadas de Israel cunha acción piadosa avisada 15 días antes: Axiña o galiñeiro europeo entra en alarma e discute sancións contra Irán.O Estado xudeu incumpre, como sabe todo o mundo, por sistema resolucións ONU, e logo destes meses de matanza bíblica Europa murmura votos pola “moderación na resposta” (sic)

3. Por agora os universitarios dos países que chamamos anglosaxóns deron unha lección e mais un patrón: Ás veces debe ser duro vivir tan preto dos culpábeis, en simbiose forzosa e desvergonzada con eles (sabemos que as universidades estadounidenses dependen fortemente do capital privado, porque as sostén como estruturas e axiña condiciona a orientación dos seus proxectos).

4. Pero, en realidade, que importa que todo isto sexa así? O 20 de abril os informativos de RTVE dan conta da morte gratuíta, venal, dun neno cisxordano. A seguir, o medio asegura que 7 de cada 10 humanos viven baixo réximes non democráticos; as imaxes amosan mundos e políticos non occidentais. Esta secuencia, non significa que as nosas liberdades e benestar nos blindan perante complicidades criminais de nós, ou dubidan destas, ou as minimizan? É a teoría borrelliana do xardín europeo, nada orixinal porque expresa as coartadas sentimentais que latexan nos nosos corazóns e daquela as reforza. O xardín florece encol dun abono de tesouros e corpos tan esgrevios de contar como diversos.

5. Certas emocións sociais non duran: pousan como impostacións sobre o corpo social esnaquizado desde fora e duran o que duran. Como cando se sae dun filme conmovido. Non se recollen, procesan e reproducen apropiadas; a dor non se reflicte, non sangra, porque a compaixón, activa, perdurable, adulta, non forma parte do programa. As traxedias afastadas non removen alicerces, nin nos cuestionan; axiña tórnanse abstraccións un pouco fatigantes. E non estamos equipados con ferramentas que nos restitúan sen cese na escena do crime, como serían unha vida asociativa e unha intelectualidade que discuten todo o tempo e a berros coa ideoloxía do Paraíso borrelliano e a chaira que segregaría e que nos cobre…, agás se temos a experiencia dunha dor análoga.  Asemade, somos unha especie altruísta, centrada filoxeneticamente na cooperación e os coidados e o recoñecemento do outro como lexítimo outro, pero o outro é concreto, corporal, existe no noso espazo; non é unha imaxe, unha abstracción, algo case ficticio, case que dubidable. Non entendemos iso. Para que o “outro” “nos” exista compre que se materialice na nosa experiencia, ou preto dela. Na realidade –esta realidade- todo nos separa del agás saber que ten lugar –probablemente- nalgunha parte. Un tipo de saber que conleva quizais a utilidade de nos adestrar na aceptación da traxedia allea.

“Cando ocorre unha catástrofe, as persoas próximas conmociónanse e ofrecen a súa solidariedade. Non hai dubida de que as catástrofes repentinas fan ese efecto. Segundo semella, adoita agardarse que sexan breves. Pero as catástrofes crónicas son tan desagradábeis que os veciños comezan a se amosar de cada vez mais indiferentes, se non máis impacientes, a respecto delas e as súas vítimas (…) Unha vez que a emerxencia se alonga, as mans solidarias retornan aos petos e os lumes da compaixón arrefríanse até apagar”.1

Engadamos que acotío non temos tempo… embarcados vertixinosamente nas nosas profesións, quefaceres e oficios. Engadamos o vigor entre nós da chamada falacia naturalista: O que percibimos empiricamente legalízase como inexorábel e ineluctábel e a imaxinación moral non o supera nin como expectativa nin como desexo que se tome en serio a si mesmo.

6. Así que naves de todas cores e funcións seguen a ir e vir, cadenciosas e seguras, diante da Torre de Hércules. Transatlánticos fóra de toda medida fondean cada día no porto e deitan provisoriamente moreas de viaxeiros que sentan nas terrazas da zona vella onda nós e vagan a rumbo. Os prezos dos alugamentos supéranse a cada pouco como un destino fatal, meteorolóxico, incurábel e estocástico. Hai moitos empregados satisfeitos de montar no mundo da especulación inmobiliaria: vidas cumpridas, ah. As razas caninas sucédense nas preferencias seguindo patróns que os asinantes ignoran pero constatan: os donos recollen civilmente as cacas en bolsiñas. Reciclamos. Hai farmacias que viran en boutiques con cores e pantallas. Chamar por teléfono, disque, chega a ser pouco axeitado. As gaivotas parecen galos. Os estudantes retornan ás cortes, aos Valores Cívicos Institucionais, a Descartes (que non ten culpa de nada), ao bulling, ás paranoias preuniversitarias, etc. Adoramos os filmes para nenos grandiños . Fantasiamos coa felicidade. A igualdade, dámola por sentada. Vixíannos.  Sobran as perruquerías. Os cativos inícianse na pornografía. Pouco se fala (ou fálase de mais para o que se di), pouco se mira, úlese a penas, non se toca. A existencia esvaece dun momento a outro enredada en caribdis de peto igual que os mariñeiros enredan o peixe… (ou ben, pouco existimos fora delas). O reguetón modeliza ás adolescentes e Tezenis (Sandro Veronesi) bríndalles lencería nos vidros das marquesiñas. Facemos teatro cada xoves, pilates cada martes, stretching, terapias xestálticas, cursos de milagres, listas de voda, listas de citas unha após da outra, listas de series sen final preciso, formacións de crecemento persoal en países afastados. Os límites rachan gustosos e o espectáculo chanta en calquera espazo de calquera escala. (Así que) o mercado inviste en voyeurs, falócratas, dandis, chantaxistas, celebridades de nada, glamourosas celebridades de algo, novos fidalgos, vidas exemplares con fortunas exemplares… Na patria dos “dereitos humanos”, as persoas non che valen moito, agás baixo o prisma da reificación.  Nesta cidade, alén da Torre, os solpores son lindos como promesas de bonanza.

7. E os traballadores?  A potencia temible do proletariado?   Está este ao corrente dos seus intereses mais que atento a deixar atrás a súa condición?  Non sucumbe á volatilidade e a fragmentación, o desregulamento, ou si? á incerteza na que o deita o capital, fuxinte, impredecíbel, pantasmal e devoto do caos, do mundo líquido? Sabe “…o groseiro dislate que corre baixo a idea segundo a cal a procura da felicidade e maila boa vida é un asunto autorreferencial que cada individuo debe levar a cabo pola súa conta”? Que os dados, as estatísticas,  “deixan en claro que a esperanza do ´eu podo só’ é un erro fatal que pon en xaque o propósito de se coidar e preocupar por un mesmo”? “que non podemos achegarnos a ese propósito mentres nos afastamos dos infortunios que afectan aos demais.”2?  Porque, se non é así, como non afiar a fouce e mais os dentes e as palabras xuntas, globais como naquel poema de Cesar Vallejo, Masa, para fender nas pernas e nas mans e o pensamento, dun só golpe, de dous, dos que cumprisen, dese concilio demencial que arrebata cunha frialdade desesperada — xa refén de si mesma, xa cega para a covardía e a coita e que será lembrada moitos anos con igual noxo e desacougo e vergonza co que recordamos o nazismo– a terra e mais o corpo, cada día que pasa mais enteiramente, a esa nación emblemática, nosa, empenada a morte en existir, materia e testemuña da culpa de Israel, Palestina?3

8. Máis preguntas: E a sociedade civil? Sabemos que os nenos xudeus son adestrados no odio e a ollada deshumanizadora para os palestinos desde pequenos. De xeito sinxelo e sistemático, sen ambigüidade, dende a mitoloxía do sufrimento e a superioridade moral. Non é difícil coa tecnoloxía da conduta de que se dispón desde Skinner, os achados sobre modelización do comportamento con Bandura, a funcionalidade da presión tácita do entorno na resposta do individuo de Ash, a autoaniquilación de un mesmo como suxeito moral de Milgram, a autocompracencia nun destino colectivo transcendente de Goebbels. E logo, a fantasía de constituír a súa democracia O.K. da rexión. Daquela: unha sociedade de pedra, con poucas fendas, cargada de razón e de razón histórica, disposta a cometer “erros” xustificados pola súa singularidade. Hoxe comandada por un Xosué4  contemporáneo, destrutor de vilas que lembra aos seus a gravidade de faltar á fidelidade para Xehová.  A sociedade do Terceiro Reich durmiu no berce do crime: Se aquilo chegaba a porto, ela espertaría un día nunha lexitimidade sagrada que validaría o tempo anterior da barbarie. A guerra (guerra?) absoluta deste Xosué enfía por esa ruta, e a sociedade que o produce a el fica atrapada naquel mesmo berce, insomne.5

9. Se admitimos o anterior sen  dramatismos expresionistas, deixamos de asombrarnos perante a continuidade cotiá do horror. Non nos asombramos de que as SS debuxasen a Solución Final na Conferencia de Wannasee, abráianos que aquilo puidera acontecer, e sen embargo non agardamos outro guión nas palabras e deseños de aqueles homes (cousa que nos descolocaría); e non están tolos nin sós6. Sentímolos seres dun mundo a que non pertencemos (ou iso cremos). No filme de nazis que estamos a mirar, a acción non acontece nun pasado deleznábel e irreversíbel, obedecendo a un erro previsible ou imprevisible; non é un filme que miramos con benquerenza catártica desde longuísima distancia; un filme de monstros que non nos ofenden porque nós somos seres humanos. Polo contrario, neste filme de nazis que miramos, a acción ten lugar do outro lado da pantalla, neste momento das nosas existencias, e é real. Os actores son xente coñecida, do noso mundo. Os nazis da historia parécense a nós. Levan gravata ou traxes de campaña co ferro pasado, van bañados e peiteados. Falan coma nós, levan bandeira na solapa, prometen –e prometen outros que tamén coñecemos- que viven coma nós, na república fetén (mesmo máis), arrostrando as contrariedades dela cando compre. Tamén dan por sentada a liberdade, aman aos seus fillos, falan linguas, deféndense dos perigos, as mulleres levan o pelo solto, etc.                                                                                   Se admitimos o punto anterior sen hiperventilación expresionista, deixamos de asombrarnos perante a continuidade cotiá do horror. Non nos abraia que iso teña lugar, porque sabemos que esa xente que pinta tan ben coma nós é quen de posibilitalo: Son nazis, si, sono. Cousa que apenas lles causa problemas (loxísticos e algunhas incomodidades diplomáticas seguro que doadamente asumibles). O mal virou banal (Dixo H. Aarent, e probou Milgram no laboratorio), doado, mesmo limpo pero non nesta ocasión. Pensamos (os asinantes) que pode ser unha necidade culpable pedirlle aos nazis que teñan a amabilidade de se moderar. Pero claro, os tipos eses son nosos parentes, e iso, onde nos sitúa? Os nosos antergos botaron fora aos seus en tempos lonxanos. O Occidente de pre e posguerra non quería acoller poboación xudía, un dos motivos de mimar a solución do fogar  en Palestina. Todo isto…, onde nos sitúa?  En que traxicomedia?… sórdida…? neurótica…?

10. …Probablemente en ningunha que non habitaramos xa denantes.  “Non hai diferenza entre nós e Israel. Por iso non detemos o xenocidio. Israel está a facer exactamente o que fariamos no seu lugar. Israel e Estados Unidos probablemente gañarán esta ronda. Pero, en derradeira instancia, teñen asinado as súas propias sentencias de morte.” Di Chris Hedges7. A pequena Europa fixo o necesario para baleirar América de 100 millóns de habitantes nativos no espazo dun século, informaba John Elliot en 1992. Millóns de africanos constituíron unha mercadoría esencial na fase de acumulación primitiva do capital; humanistas como Luís Vives contestaron a conquista e colonización de América con argumentos radicais que arestora subscribiríamos como contemporáneos. A escravitude como negocio legal aboliuse preguiceiramente no XIX, pero o real subsiste; o Comité de Saúde Pública de Robespierre afogouno no Caribe en 1793; mais tarde o Consulado rescatouno. Noam Chomsky abordou o exhaustivo bombardeo de Laos con napalm nos 70 en Os gardiáns da liberdade. Unha versión da doutrina alemá do “espazo vital” estivo no fundamento do violento esnaquizamento de Yugoslavia8 a fins dos 90 e a carnicería que contivo; intelectuais como Régis Débray e Peter Hadke, que ousaron contestar as versións ortodoxas de aquilo coa demonización tout court  de Serbia,  atrapada na estratexia da rata acorralada, seguen a soportar cadanseu  estigma. “(…) o goberno de Xapón estaba disposto a capitular xa desde un mes antes de que botaran a primeira bomba (atómica)…e abondaba con tomar dúas medidas para os instar a depoñer as armas: o consentimento de Truman de que o Exército soviético se engadira á guerra con Xapón e máis o compromiso aliado de manter  ao emperador no trono logo da rendición.” Escribe Zigmunt Bauman en Danos colaterais, e lembra “a triunfante alocución presidencial publicada en The New York Times o día seguinte á destrución de 100.000 vidas en Hiroxima: ‘Fixemos a aposta científica máis destemida da historia, unha aposta de 2.000 millóns de dólares, e gañamos’.” En febreiro e marzo de 1945, con Alemaña axeonllada, Dresde e Würzburg, cidades significativas en aspectos non militares (se se exceptúa que Dresde era un nó ferroviario) foron bombardeadas científica e minuciosamente. Kurt Vonnegut estaba en Dresde prisioneiro dos alemáns, nun matadoiro: Na súa novela Matadoiro 5, Billy Pilgrim conta: “ Atopamos por calquera sitio unha especie de troncos abrasados que eran os restos das persoas calcinadas baixo a treboada de fogo… Dresde semellaba unha paisaxe lunar. Non ficaba nada.” De Würzburg, bombardeada o 16 de marzo, Phillip Knightley conta : “As lapas devoraron toda a materia orgánica ao seu paso: todo o que era combustible ardeu. A xente morreu derretida, incinerada ou por asfixia. O día seguinte chegaron avións norteamericanos para ametrallar aos supervivintes que intentaban acadar a ribeira do Elba”. Era práctico e simple bombardear a cidade, ela era unha “diana doada e exenta de riscos”9 

“As bombas deitadas sobre Hiroxima e Nagasaki proban que os pareceres opostos á Ilustración non son condicións necesarias da masacre tecnolóxica. As dúas bombas atómicas, como os campos de exterminio nazis, foron elementos do ‘proceso civilizatorio’, manifestacións  dun dos seus potenciais, unha das súas facianas e unha das súas posíbeis ramificacións.”10

G. García Márquez, no seu discurso perante a Academia sueca en 1981, ao fío de repasar atrocidades e loucuras cometidas por gobernos metropolitanos e crioulos no seu continente, exclama: “Non tivemos un instante de repouso!”11. E así.

11. 31 de outubro, xornal El País: “El Parlamento israelí (incluídos los moderados) ilegaliza la Agencia de la ONU para los refugiados palestinos(…) Le deniegan a los civiles suministros alimenticios, agua y asistencia médica…” Hai desertores israelíes; o xornal recolle que din que “Además de matar civiles y destruír el enclave, no se prioriza la liberación del centenar de compatriotas hechos rehenes por Hamas.” E cítaos: “…Muchos rehenes han muerto por los bombardeos, muchos más de los rescatados” (A cursiva é nosa). Velaí a ideoloxía inoculada no uso que se fai da linguaxe. Como que “denegar”? Acaso está Israel licitado para conceder ou denegar calquera cousa a Palestina? O xornal está recoñecendo a autoridade xurídica do ocupante-agresor. “Civiles”? Cal é a distancia entre civís e milicianos nese contexto? É posible localizar separadamente ámbalas dúas categorías? Cales son máis? A sociedade israelí pensa –semella- igual que os alemáns na Francia ocupada (a poboación non colaboradora protexe a resistencia e esta emana de aquela). “Enclave”? Un enclave é un forte, unha zona específica, unha instalación… “Prioriza”? Quérese dicir que rescatar reféns é de primeira importancia e matar á xente de segunda? Os desertores cren “que el objetivo de evitar otra matanza se está logrando en parte, pese a las docenas de miles de muertos civiles. Pero las operaciones militares perjudican la vuelta a casa de los cautivos” (cursiva nosa). “Pese”? Os desertores parecen pensar –e o xornal, á sombra deles- que alomenos a destrución de Gaza e o que contén de vivo ou morto ten un beneficio, un ben recoñecible: limitar á milicia palestina. De “volver a casa” mellor non falar porque é ofensivo de máis. Unha nación enteira poderá verse privada da posibilidade de gardar – ou voltar a el un día- o seu fogar mesmo en niveis de miseria.

12. Daquela, quizais, hogano, a noción-imaxe xenocidio fique superada e valería falar de erradicación. Erradícanse as pragas, as doenzas contaxiosas, a poliomelite e a malaria, esa bichalla que compre imposibilitar porque dana a vida humana. Son bichos; se puidesen pensar na súa existencia, non lles parecería crible se a operación fose exitosa. Cando te erradican, retíranche primeiro os vestixios de humanidade (os cans e os gatos humanízanse, e os hámsters e os louros e mesmo as gaivotas anque amolen, etc.). A seguir, baixo as cousas que teñen lugar, a vida deixaría de ser imaxinable. Non se erradica á xente nin os pobos, agás se foron previamente deshumanizados.

Non o conseguirán; dicilo non é mandar unha proclama. Primeiro porque a resistencia palestina é tremendamente imaxinativa, curtida e lixeira coma unha manda de auga que baixa da montaña, e iso non é comprensible para a tecnoloxía de fumigación de Israel, con esa arrogancia  romana, que atopa un buraco pero non comprende o labirinto. Segundo porque como dicía Neruda naquel poema Explico algunhas cosas  sobre a Guerra civil “,,,pero de cada niño muerto saldrá un fusil con ojos…”. Cousa que non é literatura nin metafísica. Terceiro porque é fisicamente imposíbel. Hai moitos millóns de palestinos no exilio, orgullosos de selo, perfectamente recoñecíbeis, amados ou non amados, non importa. Eles contan un día voltar á terra. Como evoca Darwish no seu poema, cultivan o recordo das oliveiras concretas, as vilas grandes e pequenas, as comidas, as fontes precisas que lles secuestraron, o Mediterráneo a chegar a Gaza para non ter máis onde ir. Saben que teñen moito que facer cando Israel marche vivir e morrer noutro sitio, e saben que, como dixo  Darwish e o ocupante tivo que escoitar con carraxe, o mais semellante a ese cultivo do recordo que teñen os xudeus é soñar ou ler na Biblia que o rei David andou por alí (?) hai tres mil anos… Como parece dixo Clinton sen querer ser sarcástico mais para gozo dos sacásticos. Cousa que igual nos da licencia para preguntar sobre o estatuto real de nación da colectividade xudía  (Nunca confundir coa cuestión do estado, que, como todos, é unha construción xurídico-política automodificábel mediante mecanismos que lle pertencen e el). Para erradicar o bicho e por fin durmir nunha paz suprema, nietzscheana, terían que invocar ao anxo aquel que en tempos das pragas de Exipto pasou asasinando nunha noite aos fillos maiores dos exipcios, casa por casa. Sería unha longa fatigosa noite polo mundo adiante, mesmo para un anxo.

13. Estimamos con Mariana Pérez Neira12 e outros que é cuestionábel a existencia da nación xudía. Ou ben: neste caso a xénese dela operaría de xeito inverso ao habitual historicamente: instálase unha estrutura estatal e dela intenta “deducirse” unha nación, e, como aquela adoita ser indicador de esta..,pois xa está!  Traguemos!   Hai nacións sen estado; eis un estado sen nación. Existirá, en todo caso, a sociedade civil isrelí, pero esa é outra conformación sociopolítica  e despréndese dos programas do estado e mailas tradicións, liturxias,  mitoloxías e cultos aos ancestros que si vertebraron secularmente á colectividade xudía nos casos en que era tal. A diferencia dos palestinos, auténticos donos dunha realidade nacional, as experiencias dos hebreos que os vencellan á terra desapareceron coa diáspora. O lingua hebrea implantouse artificialmente desde 1948: non regresou ao berce daquela a bordo dos seus  falantes, que non a coñecían. A idiosincrasia xudía é tan imprecisa que non se pode falar dela. É natural nunha poboación que procede que múltiples países e/ou culturas que perviven nos apelidos e custodian os pasaportes. Que diferencia a un xudeu italiano dun polaco…? moitas cousas, posto que seguen  a proceder de culturas afastadas entre si, por moito que ambos conservaran signos ideolóxicos de seu -de ser o caso-, signos como obrigas identitarias que se consolidaron na segregación e constitúen unha forma de culto aos antepasados. Asemade acontece coa economía: se os tópicos tiveran algo de certo, sería sob as  restricións no acceso á propiedade impostas polos códigos cristiáns.  M. Pérez Neira sostén que baixo unha óptica materialista (non esencialista) o nacionalismo xudeu contemporáneo é netamente  ideolóxico. Israel foi unha nación na antigüidade, non o é arestora e a eternidade non é un atributo do concepto. En sentido orixinario e quizais estrito Israel non contén civís (os que viven na civitas, cidadáns), contén colonos.

14. O terror13. Arrepíanos a mención aos “grupos terroristas”. Suscita a sensación dun perigo imprevisíbel, multiforme, caótico, impío, cego, absolutamente irracional. O terror ameaza directamente ao civilizado, ao familiar, o tenro e calculábel. É escuro, resentido, sen sentido, radicalmente vingativo, é patolóxico e oculto, é sucio. Tememos este terror porque non é noso; ven de fora. Non ten nada que ver co que nós xeremos, co tecido no que circulamos, traballamos, consumimos, etc. Ao contrario. Se acontece preto, abre no coñecido fendas peores que a morte. Non ten nada que ver coas forzas de seguridade do estado. Estas son limpas, uniformes, ordenadas, veciñas, racionais, éticas, regradas, son de nós. Ninguén ten que temelas, ao contrario: Son un anxo custodio xigantesco. Mirámolas na televisión sen arrepío, no barrio, nos coches que pasan ouveando para ben da xente. Se un día non son corteses…ben, os erros e excesos teñen lugar inevitablemente; no caso deles pode ser algo máis desagrádabel, si…                                                                     Terror, forzas de seguridade: palabras que secretan socioemocións ben simples, ben funcionais: arrepío e indefensión unha, limpeza e garda a outra. Tebras exteriores unha, Uriel a protexer o xardín borrelliano coa espada láser na man a outra… Así sucede, semella, no mundo do “pensamento cero” que dicía Saramago.  Sentimos así porque, agás se nos preparamos, non miramos ben. E as conciencias fican portas abertas para as coartadas morais da clase gobernante e parasitaria, para os esquemas mentais14 que conveñen ás necesidades reprodutivas dela; as emocións  latexan como un monicreque ao son dos seus dedos nefastos que non repousan; somos un gran campo abonado para o maniqueísmo evanxélico e os espantallos espirituais de que se serve ela.                                                                            En Palestina, a loita pola liberación nacional corre parella á loita pola emancipación de clase. As formas que adopte a loita, como adoita ser, non as decide o pobo, senón o inimigo nacional e de clase co tipo de violencia que exerce. En 1793 os xacobinos xunto cos sans culotte abriron o Terroren París. Entendíano como forza que derribaba as resistencias mais esgrevias perante os avances maiores da Revolución (como o sufraxio universal e a abolición da escravitude), os máis proletarios, cando o proletariado a penas asomaba na escena da historia. Namentres, en cidades afastadas de París, ardía o terror contrarrevolucionario e as vítimas foron moito máis numerosas.                                                    O artista chinés Chen Jang Hong no seu libro Mao e máis eu, fai esta cita de Mao a comezos da Revolución Cultural: “A revolución non é unha cea de gala, non pode se acadar con dozura, tranquilidade ou calma, moderación e xenerosidade de alma. É un alzamento, un acto de violencia mediante o cal unha clase deita a outra”.                     

1.Joseph Roth, Xudeus errantes.

2. Zigmunt  Bauman, Danos Colaterais

3. No 91 Jean Baudrillard publicou o ensaio  A Guerra do Golfo non tivo lugar. Baudrillard pensaba que se chamaba “guerra” a unha razzia, impostura que servía a “dignificala”. O agresor era habitualmente invisible e inalcanzable. Os pilotos USA sentíase seguros nas cabinas mentres acertaban as dianas asombrados e felices, como nenos diante de pantallas de videoxogos, celebrando o espectáculo “de luces de Nadal” (sic) que xeraban e transmitían a televisións de todo o planeta.

4. Xosué acaudillou o primeiro aos israelitas adentro de Canaán. H. Maturana, en Amor e Xogo, apunta: “Eu manteño que a nosa forma de vivir  patriarcal europea xurdiu no encontro das culturas patriarcal pastoril e matrística prepatriarcal europea, como resultado dun proceso de dominación patriarcal directamente orientado  á completa destrución de todo o matrístico mediante accións que poden ter sido moderadas soamente por la bioloxía dol amor. De feito, se queremos imaxinarnos como pode ter acontecido isto, todo o que temos que facer é ler a historia máis recente verbo da  invasión da Palestina, fundamentalmente matrística, polos hebreus patriarcais tal como fica relatada na Biblia.”

5. Nunha entrevista recente, X.M. Beiras lembra que “cando escribín por primeira vez que os israelís eran os nazis de arestora, así literalmente, foi nun artigo na madrugada en que se declarou a Guerra do Golfo. Era o ano 1992…”  (El Salto, verán 2024)

6. Ver F Guerin, Fascismo e capital.

7. Chris Hedges, O exterminio funciona, ao primeiro.

8.  Michel Collon traballou polo miudo as imposturas mediáticas daquel tempo en O xogo da mentira.

9. Hermann Knell, Destruir unha cidade. Bombardeos estratéxicos e consecuencias humanas na II Guerra Mundial.                         

10. Enzo Traverso, A violencia nazi. Unha xenealoxía europea.

11. O músico belga Dirk Brossé recita partes sustanciais do discurso na peza homónima La soledad de América Latina

12. Véxase M.Pérez,Neira, O marxismo-leninismo como fórmula para a liberación nacional.

13. Do latín terreo, tremecer, espantar. Asem. aterrar, botar a terra. Dicc. etimolóxico Corominas

14. O psicólogo J. Piaget desenvolveu a noción de esquema mental: representación non só de obxectos, senon tamén de accións relacionadas con eles que se teñen adquirido ao longo da experiencia e permiten sobrevivir no medio, adaptarse a el e prever a aparición de determinadas situacións.