Editorial
As enormes dificultades que experimentamos á hora de acceder a unha vivenda digna non evidencian unicamente un problema de especulación inmobiliaria, forman parte dunha tendencia xeral á alza dos prezos que non se corresponde cun aumento dos salarios. Que significa isto? O noso traballo vale cada vez menos. Resulta esclarecedor ver como, en paralelo, as empresas españolas baten récords de beneficios ano tras ano. Unha selecta minoría vive cada vez mellor forzando á inmensa maioría da cidadanía a vivir cada vez peor. Acaso non é iso un problema de calidade democrática?
O réxime do 78 consolidou, coa denominada transición democrática, un modelo baseado no bipartidismo no que o poder lexislativo recae sobre dous partidos máis ou menos garantistas da estabilidade e continuidade do sistema («PSOE e PP a mesma merda é», rezaba a consigna do movemento indignado durante a década pasada, condensando de xeito maxistral e sinxelo unha verdade que a forza dun poderoso movemento cidadán permitía expresar sen medo nin necesidade de matices). Este esquema oligárquico que non afectaba únicamente ao poder lexislativo, senón tamén ao xudicial, materializouse durante anos na práctica do reparto de xuíces. O reparto de xuíces lévase a cabo no Estado español a través do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), encargado da selección e nomeamento dos xuíces. O problema é que o CXPX está composto por vinte vogais nomeados polo rei e propostos polo Senado e o Congreso dos Deputados, o que supón que, na práctica, PP e PSOE colaboran (ou colaboraban) para repartirse os xuíces dando lugar a un equilibrio bastante cuestionable e a unha rede clientelar baseada na dependencia e nas débedas de gratitude que impide, na práctica, unha actuación real e enérxica contra a casta política integrada no modelo bipartidista. Nos últimos anos este equilibrio aparente rachou: a dereita conseguiu o control total, de facto, do poder xudicial, e agora aproveita para atacar con todas as súas forzas ao PSOE e os seus socios no poder. A verdade é que o Estado supura corrupción por todos os seus poros, así que á dereita non lle resulta moi complicado atopar puntos brandos nos que cravar o aguillón e á socialdemocracia parlamentaria tampouco lle é difícil contrataacar como pode sacando a relucir casos como o de Alberto González Amador, parella de Isabel Díaz Ayuso e acusándoos de ser unha especie de remake do matrimonio Franco-Polo, pode que con certo fundamento. O resultado: a cidadanía, educada na prudencia nestes últimos anos, evita referirse á similitude fecal entre os partidos do poder para tomar partido nunha loita de faccións canalizada mediaticamente polos principais medios públicos e privados deste país. Mentres prestamos atención a estas loitas intestinas das altas esferas, o control absoluto do poder xudicial por parte da facción máis conservadora do réxime tradúcese en campañas represivas aínda limitadas pero cada vez menos tímidas contra cidadáns comprometidos como Asier e Youssef, aos que a Audiencia Nacional pretende acusar de terrorismo por dar voz ás vítimas do xenocidio levado a cabo nestes momentos por Israel en Palestina e outras zonas de Asia Occidental. Acaso non é isto unha severa carencia de calidade democrática?
Se ollamos o panorama internacional, avaliando críticamente as alianzas e organismos cos que España colabora, seremos testemuñas de como o xenocidio sae impune ao tempo que a agresividade e o despotismo son empregados como ferramentas de control con propios e alleos. Queda algo daquela ilusión sobre a que se construiron as bases do modelo político en base ao cal se organizan as «democracias» capitalistas?
Se no pasado abordamos a necesidade de reconstrución orgánica do Partido Comunista, do fortalecemento dos sindicatos como ferramentas da loita económica para a clase obreira ou do necesario artellamento de novos esquemas para a produción cultural, hoxe toca falar da relación política entre o pobo e o Estado. É un tema espiñento, pero toca abordalo.
Establezamos, por tanto, os puntos clave da nosa análise:
- Consideramos o Estado como a estrutura política específica propia dun momento histórico concreto, resultante dunhas relacións de clase específicas. É importante comprender que, do mesmo xeito que a Primeira República Francesa nace deseñada pola burguesía e os seus aliados como resultado da destrución do Reino de Francia ou a URSS nace a partir do modelo obreiro de organización en soviets como resultado da destrución do Imperio ruso, calquera modelo de Estado nace e se constrúe en base ás necesidades concretas da clase específica que asume o protagonismo na súa fundación.
- Comprendemos que, dado que o Estado español responde ás necesidades dunha minoría, as súas carencias á hora de satisfacer as demandas da maioría cidadá non son defectos que se resolvan mediante unha serie de reformas que fortalezan o Estado compensando as súas carencias, senón mediante unha emenda á totalidade que veña a suplir o Estado actual con outro, ou outros, que respondan dun xeito máis axeitado ás demandas e ás necesidades das clases populares. Por multitude de factores que xa temos analizado unha e mil veces nesta revista, consideramos que a emenda a totalidade debe operar nestes termos: onde agora hai un reino, reclamamos repúblicas; onde agora hai unión imposta pola forza, reclamamos a máis estreita das colaboracións baseada na solidariedade e no internacionalismo proletario; onde agora hai goberno da minoría, reclamamos asembleas da maioría social e cidadá.
- Concluimos que unha transformación como a que propomos só é posible mediante a impugnación de todo o que pretendemos superar. O Estado réxime do 78 debe, por tanto, ser impugnado a todos os niveis como paso previo á súa substitución por un novo esquema de organización social construído sobre as bases da plena participación, a xusticia, a equidade e o ben común. O necesario proceso de impugnación corresponde ao pobo no seu conxunto en tanto que actor en exercicio activo da súa soberanía. É aquí onde entra en xogo a nosa interacción coas institucións do Estado actualmente existente, chamado xenericamente Estado burgués polos clásicos marxistas e Réxime do 78 polas tendencias progresistas máis avanzadas que operan ou operaron no noso contexto concreto.
Todas as revolucións triunfantes ao longo da historia interactúan, dun xeito ou doutro, coas institucións do poder vixente antes de suplantalo definitivamente. Vexamos os dous exemplos máis famosos:
- A Revolución Francesa comeza a xestarse cando a situación de crise obriga ao monarca a chamar aos Estados Xerais, unha asemblea convocada polo rei de xeito extraordinario á que acudían representantes de cada estamento (clero, nobreza e o famoso terceiro estado, os non privilexiados representantes das cidades dotadas de consistorio). Os representantes do terceiro estado, identificando a súa oportunidade, farán unha serie de reclamacións que afectaban á estrutura política propiamente dita, poñendo en evidencia as súas limitacións á hora de representar á inmensa maioría do pobo francés e, en definitiva, comezando a súa impugnación. As reticencias e a reacción dos privilexiados e da coroa levarán ao terceiro estado a impugnar por completo as canles de representación existentes ata o momento, convocando a famosa Reunión do Xogo de Pelota (asemblea dos non privilexiados á marxe da nobreza, do clero e da coroa) e detonando así, coa impugnación definitiva do absolutismo, a Revolución Francesa.
- A Revolución Francesa comeza a xestarse cando a situación de crise obriga ao monarca a chamar aos Estados Xerais, unha asemblea convocada polo rei de xeito extraordinario á que acudían representantes de cada estamento (clero, nobreza e o famoso terceiro estado, os non privilexiados representantes das cidades dotadas de consistorio). Os representantes do terceiro estado, identificando a súa oportunidade, farán unha serie de reclamacións que afectaban á estrutura política propiamente dita, poñendo en evidencia as súas limitacións á hora de representar á inmensa maioría do pobo francés e, en definitiva, comezando a súa impugnación. As reticencias e a reacción dos privilexiados e da coroa levarán ao terceiro estado a impugnar por completo as canles de representación existentes ata o momento, convocando a famosa Reunión do Xogo de Pelota (asemblea dos non privilexiados á marxe da nobreza, do clero e da coroa) e detonando así, coa impugnación definitiva do absolutismo, a Revolución Francesa.
Existen incontables exemplos e todos eles teñen innumerables peculiaridades, pero con coñecer ben os casos francés e ruso é máis que suficiente neste momento. Agora ben: podemos afirmar que a participación institucional é o fenómeno clave á hora de propiciar a transformación social? Nin moito menos: o fenómeno clave é a organización popular en estruturas paralelas e antagónicas con respecto ao poder oficialmente constituído; a participación do continxente revolucionario nas institucións é só un paso táctico concreto que contribúe a apuntalar a súa impugnación definitiva. O exceso de confianza nas posibilidades que ofrece o sistema para actuar dentro dos seus límites adoita supor terribles derrotas, cando non baños de sangue: vexamos o terrible resultado da Segunda República Española ou do Chile da Unidade Popular de Allende, ambos incapaces de disputar de xeito exitoso o monopolio da violencia a unha burguesía disposta a buscar acubillo no fascismo máis xenocida para sobrevivir.
Se os casos citados tiveron finais tan atroces débese, en gran medida, a que o proceso de transformación social avanzaba por bo camiño, pero as clases populares, carentes dos mecanismos axeitados de participación precisos para a resposta rápida contra a reacción fascista e sobre todo, desprovistas dos recursos materiais que fan posible disputar o monopolio da violencia (sexamos claros: armas e un estado maior ou, canto menos, un organigrama alternativo ao das forzas represivas da clase dominante), foron rápidamente aniquiladas. Que podería ter pasado en Chile se o pobo dispuxera dun exército de adscripción masiva, composto por obreiros e campesiños armados, que tivera capacidade para plantar cara ao puñado de asasinos que lle cortaron as mans a Víctor Jara? Que tería sucedido coa República española se a Fronte Popular non tivera actuado, durante tanto tempo, movida polo medo ao pobo, reaccionando únicamente cando xa era demasiado tarde a pesar de que todo parecía advertir do aumento na agresividade das forzas reaccionarias?
Pero non todos os fracasos son sinónimos de baño de sangue, algúns son máis discretos aínda que non menos lamentables, pois perpetúan a dominación sine die dunhas elites criminais que obteñen o seu lucro, insistamos tantas veces como sexa necesario, do negocio da fame e máis da morte. O movemento obreiro europeo foi reducido a un farrapo nun espazo de tempo escandalosamente curto como consecuencia inevitable da erosión á que foron sometidos os Partidos Comunistas occidentais, reducidos de xeito definitivo trala caída da URSS ben a grupos raquíticos de nostálxicos incapaces de trazar un plan para a acción, ben a organizacións consumidas polo oportunismo e dispostas ás máis variadas «innovacións» políticas, que non eran máis que as vellas formas de derrota ensaiadas pola segunda internacional.
E se centramos o noso relato histórico no comunismo non é únicamente porque esta reflexión vaia orientada ao consumo interno, a simpatizantes do marxismo-leninismo ou militantes dun determinado tipo de organización. É momento de xogar coa man destapada: o inimigo (chamémoslle polo seu nome a quen busca o noso mal) coñece xa perfectamente os nosos obxectivos, é preciso enuncialos con claridade diáfana para que os nosos potenciais aliados non teñan xa máis motivos para eludir o noso deber común. Esta é, en definitiva, unha declaración de intencións feita tamén para todas aquelas persoas susceptibles de conformar a Unidade Popular ou a Fronte Popular, empreguemos o nome que nos sexa máis cómodo. Falemos con claridade e garantamos así quedar atados polo deber de ser consecuentes coas nosas propias teses.
O comunismo é, digámolo claro, unha peza central e irrenunciable da construción de calquera confluencia que, dende a mobilización da maioría social, pretenda emprender a tarefa radical da construción democrática, e isto é así porque o Partido Comunista comprende a súa actividade como unha triple loita política, económica e ideolóxica. O seu modelo de organización e método de traballo esixen dunha permanente conexión entre os distintos eidos de actividade do movemento obreiro e permiten, por tanto, trazar follas de ruta comúns que integren a amplas capas da cidadanía en aras da consecución de obxectivos concretos. Os intentos de conectar a actividade sindical ou cultural coa iniciativa política sen mediación dun Partido Comunista rigorosamente estruturado como organización asemblearia da clase obreira constituída para a loita teñen rematado, invariablemente, ben no illamento dos integrantes da aventura institucional, ben no illamento da organización sindical incapaz de elevar ao máximo o grao de participación e combatividade da clase ou ben no secuestro de calquera das dúas partes por organizacións oportunistas plenamente integradas no sistema.
O Partido Comunista comprende a natureza do Estado como ferramenta de clase e, por tanto, actúa como revulsivo permanente fronte á inercia asimiladora da institución. Un Partido Comunista operativo e saudable, en tanto que organización asemblearia da clase obreira organizada para a loita, actúa como seguro definitivo contra o divorcio entre o conxunto das clases populares e os seus representantes no eido institucional. Se o Partido Comunista non existe, ou deixa de operar como organización de clase, calquera intento de transformación da realidade caerá en saco roto, pois a tendencia natural é, por unha banda, que a organización dese contrapoder que actúa como alternativa ao Estado careza de incapacidade para levar a detonación que permite rebasar os límites do sistema, e por outra que os individuos máis concienciados da necesidade radical da transformación democrática como proxecto político integral rematen illados do movemento xeral do conxunto da sociedade.
O nacemento do proletariado fai precisa a participación do Partido Comunista no seo de calquera verdadeira transformación social. Castelao soubo entendelo. Nós tamén o comprendemos. E isto constitúe o noso aval e a nosa garantía de absoluta entrega e honestidade ao proxecto colectivo, pois sabemos que somos parte necesaria, do mesmo xeito que nós, como integrantes da clase obreira galega, sabemos que ese proceso ao que nos referimos é unha urxencia e unha necesidade para o noso país.
Tendo deixado claro todo isto, e disoltas xa todas as tentacións á marxinalidade dogmática e ao oportunismo de disfraz heterodoxo, podemos proceder claramente coa nosa proposta:
- Propomos a Unidade de todas as forzas progresistas de Galicia e a súa estreita colaboración con todas as forzas progresistas do Estado susceptibles de artellar un proxecto de transformación radical que poña fin ao Réxime do 78.
- O noso obxectivo é a construción dun novo modelo de Estado radicalmente democrático no político e no económico: a República das Asembleas.
- Entendemos que os nosos obxectivos só son alcanzables a través da loita económica, política e ideolóxica.
- No eido ideolóxico a nosa loita pasa pola disposición de novos esquemas e canles de produción artística e científica que permitan a difusión e socialización dun pensamento crítico radicalmente democrático e radicalmente obreiro.
- No eido económico a nosa loita pasa pola construción dun sindicalismo combativo, democrático e de clase que cristalice no Sindicato Único Galego tal e como afirmamos no editorial do número anterior desta mesma revista (Embate 8).
- No eido político a nosa loita pasa pola disposición de espazos que permitan a participación das maiorías sociais e, moi especialmente, da clase obreira no seu conxunto, permitindo dunha vez por todas que producimos todo decidamos todo.
- Entendemos que a disposición destes espazos políticos entrarán en conflicto, de xeito inevitable, coa existencia dun Estado construído polas elites que viven da nosa explotación.
- Aceptamos que a impugnación deste Estado pode pasar polo artellamento dun espazo político con carácter institucional que participe dos mecanismos da chamada democracia burguesa, tales como as eleccións, pero advertimos: a construcción de calquera espazo deste tipo debe emanar das asembleas como forma básica da organización popular e XAMÁIS, poderá aspirar á xestión dos espazos institucionais dispostos polas elites dominantes, senón que debe servir para impugnar os límites do Estado contribuíndo a evidenciar as súas insuficiencias e a rebasalas, facendo da asemblea a base única e verdadeira do novo poder.