Apágase unha Luz do Proletariado. 

Hoxe finou na Capital da nosa Patria Luz Fandiño. A Luz compañeira, camarada, amiga. A Luz veciña, solidaria, poeta, muller obreira e militante revolucionaria. 

A Luz que alumeou con palabras e actos toda a súa longa vida a causa das desposuídas.  

A Luz que sempre tomou Partido no lado correcto da historia coa súa militancia patriótica e comunista na primeira UPG e na FPG, coa súa presenza en primeira liña nas trincheiras do sindicalismo nacional e de clase na CXTG, CIG e CUT, sempre implicada no traballo pola liberación da Muller, comprometida coa cultura emancipatoria no clube cultural Adiante ou nas Redes Escarlata. Sempre tomando Partido, pero sen sectarismos nin gregarismos, coa sensatez e o compromiso de quen viviu nas súas carnes o látigo do amo, do patrón e da emigración.  

A Luz máis pura da nosa clase marcha como chegou: ceibe, sinxela e optimista. Boa partida. 

Que a Terra che sexa leve. 

Crónica do I Congreso do PCRG 

O noso Partido, o Partido Comunista pola República Galega, vén de celebrar o seu primeiro congreso ordinario, despois do suceso da súa constitución hai dous anos e medio. O Congreso, como máxima expresión democrática da militancia comunista, é analizado polo Comité Central electo como todo un éxito pola elevada, rica e construtiva participación dos camaradas de todas as células do país. 

Só podemos participarnos co resultado tanto do congreso, como do traballo intercongresual realizado nos últimos dous anos e medio; con humildade inda que con ledicia e orgullo podemos certificar o avance cuantitativo e cualitativo en todas as zonas do país, coa incorporación de cadros de distintas procedencias e xeracións, así como o cumprimento de obxectivos políticos marcados no Congreso Constituínte, destacando a penetración no movemento obreiro e no sindicalismo nacional e de clase. 

O Partido avanzou posición no seo do Movemento Obreiro Galego, participando activa e construtivamente nos conflitos reais que operaban no seu seo, como as folgas do Metal, de Inditex, da Limpeza, do Saf ou dos supermercados, implicándonos democraticamente e atraendo cadros das centrais sindicais galegas (CIG e CUT) e defendendo unha liña combativa, asemblearia, unitaria e non pactista. Todo isto reflectiuse tanto nun aumento da militancia do Partido, como de influencia política e ideolóxica sen hexemonismos nin ultravangardismos estériles. Seguimos a traballar polo Sindicato Único Galego como meta orgánica final, como vén reclamando o comunismo galego dende a década dos 70. 

Redobramos a nosa aposta internacionalista, tanto reforzando as relacións con Partidos e organización obreiras e revolucionarios do resto do mundo, como colaborando e participando nas plataformas e convocatorias solidarias existentes no país. Saudamos a decadencia da hexemonía do imperialismo e o abrente do mundo multipolar. Condenamos a criminalidade ianqui e europea así como os seus “proxys” criminais e xenocidas: a Entidade Sionista de Israel e a Xunta Fascista de Kiev. 

Reforzamos a nosa liña pola República Socialista Galega, apostando pola liberación nacional, lonxe de todo esencialismo e interclasismo, cunha óptica claramente proletaria e republicana. A nosa clase como suxeito central da emancipación, por elevar o proletariado á clase nacional. 

Saudamos o reforzo da liña pola liberación da muller traballadora, tanto polo enriquecemento do debate político ideolóxico, como pola incorporación efectiva de mulleres do mundo obreiro e estudantil ás fileiras do Partido e a súa participación protagonista nos conflitos sociais deste país. 

Por todo o anterior, o Comité Central entrante acolle con entusiasmo e optimismo militante a dirección deste Partido nos vindeiros anos, co obxectivo de seguir consolidando o incremento sostido de militantes e de influencia política, coas portas abertas sempre á unidade comunista e obreira e coa Revolución Proletaria como meta, inda sabendo as tarefas diarias e inmediatas que temos que cumprir. Cos pés na Terra e a Cabeza no Ceo. 

Comité Central do PCRG, na Primavera do 2024 

O PCRG perante as eleccións do 18 de febreiro

A teor das inminentes eleccións galegas que se celebrarán o 18 de febreiro, o comunismo galego afirma:

1. O Estado das autonomías é unha entidade opresiva que, lonxe de protexer os dereitos das diversas nacións que compoñen o Reino de España, só perpetúa a ilusión de equidade e respecto coa que se pretenden ocultar as máis dramáticas condicións de opresión nacional.

2. A Xunta e o Parlamento de Galicia son ferramentas ao servizo da opresión politica, ideolóxica e económica á que as elites dominantes someten ao pobo galego. A súa natureza como instrumentos represivos de clase supón que non existe a máis mínima posibilidade, por remota que sexa, de que estas institucións actúen como garantes dos dereitos do pobo galego ou defensoras dos nosos intereses coma clase sometida.

3. Do anterior dedúcese que a clase obreira só podemos aspirar a neutralizar as nomeadas institucións como ferramentas represivas das elites e a debilitar os mecanismos represivos do Estado español, pero debemos comprender que nunca acadaremos a emancipación da nosa Patria nin da nosa clase a través dunha estratexia exclusivamente electoralista.

4. A nosa condición de nación sometida económica e políticamente redunda nun gran perxuízo para a nosa terra. Despoxada de voz propia, Galicia non pode defender os seus dereitos no plano internacional e permanece indefensa ante un imperialismo depredador que redunda na destrución dos nosos montes, da nosa industria e das nosas costas.

5. Galicia atópase nunha situación crítica: mentres a nosa lingua morre lentamente, suplantada polo castelán de xeito cada vez máis dramático, a nosa industria é desmantelada baixo a coartada dunha axenda ecoloxista que non respecta os ritmos nin as necesidades económicas dunha clase obreira galega conducida ao desemprego, á precariedade e á emigración, condenando a miles de familias á miseria. A desindustrialización convive coa proliferación dos parques eólicos, deseñados e emprazados dende fora do noso País, en base a intereses económicos que nos son alleos.

6. A burguesía española, apoiada por unha escasa burguesía galega que actúa en connivencia con ela, obtén copiosos beneficios deste esquema ao tempo que actúa coma engrenaxe dun imperialismo internacional que, antepoñendo os intereses dos poucos fronte aos moitos, perpetra toda clase de irresponsabilidades criminais que, se ben contribúen á destrución do planeta, non parecen interesar tanto como sabotar a nosa industria: lembremos o Prestige ou, máis recentemente, o caso dos granulados.

7. Tendo todo isto en conta, valoramos que a nosa tarefa prioritaria é traballar pola construción dunha alternativa política de clase quen de ofrecer un horizonte superador e capaz de transcender tanto as consideracións exclusivamente electoralistas coma as concepcións esquerdistas da formulación estratéxica que rexeiten o electoral de plano, resultado ambas da concepción do panorama institucional como fin e non como medio.

8. Partindo desta base e partillando a carraxe da meirande parte do noso pobo ante tantas décadas de opresión da nosa Patria e repugnante caciquismo, o Partido Comunista pola República Galega insta a todas aquelas persoas que, malia as propias contradicións, entendan coma xusto e preciso acudir a votar o vindeiro 18 de febreiro a que, aínda sabendo que non será o mero exercicio do voto a base sobre a que se fundamente o cambio que precisa a nosa Nación, tomen a súa decisión guiados unicamente por dous criterios que, no caso de Galicia, son: Patria e clase.

Viva Galicia ceibe e socialista!

Comité Central do PCRG.

ESTAMOS FARTOS! LUMES NUNCA MÁIS!

Nas últimas semanas a nosa Patria está a sufrir unha catastrófica vaga de lumes incontrolados. Milleiros de hectáreas arrasadas, núcleos de poboación asolados e incontables perdas de patrimonio persoal e colectivo constitúen o saldo do desastre.

Os nosos espazos rurais levan décadas experimentando unha reconversión abrupta e desorganizada baixo a dirección do capitalismo. Dunha banda as empresas madeireiras, favorecidas polas políticas do Estado e a UE, adícanse a fomentar a substitución do bosque autóctono por especies de rápido crecemento. Préstanlle nula atención ao mantemento e limpeza do sotobosque, dado que o seu aproveitamento non satisfai as súas crecentes necesidades de acumulación. Por outra parte, o estrepitoso fracaso dos mecanismos de mercado á hora de mobilizar terras ten como resultado o abandono dunha altísima proporción de tenzas agrarias. No canto de seren incorporadas a outras explotacións, estas pasan a ser ocupadas pola xesta e o monte baixo. En vez de empregar as capacidades produtivas dos nosos campos e bosques, o sistema capitalista tan só promove as ineficiencias, a irracionalidade e o abandono: combustible perfecto para o lume sen control.

As e os comunistas defendemos unha alternativa para o noso rural baseada na xestión democrática e planificada do territorio. No inmediato, fica clara a necesidade de incrementar exponencialmente os medios de prevención e extinción. Porén, no medio e longo prazo, é necesario que as clases traballadoras rexeitemos unidas o uso que o capital fai dos nosos montes e terras. Nunca máis directivos de ENCE e FINSA enchendo os petos de millóns a costa de especular co patrimonio do pobo galego. É por iso que chamamos a participar das mobilizacións que terán lugar en varias cidades do país no día de hoxe.

Queremos lograr que os lumes volvan ser soamente un accidente. Queremos construír un rural dinámico, moderno e racionalmente xestionado. Para iso precisamos un Estado de noso, onde quen todo o producimos todo o poidamos decidir: a República Socialista Galega.

23 de abril, 85 anos do asalto do bou Eva

Un 23 de abril, pero de 1937, acontecía un suceso realmente tráxico para o noso país dentro do marco da Guerra Civil española. Unha mostra máis da represión franquista sufrida polo noso pobo.Estamos a falar do coñecido como asalto do bou Eva ou, noutras palabras, do suicidio colectivo máis grande que tivo lugar durante a xa amentada Guerra Civil.

Na noite dese día, os recentemente casados Ángel Nogueira Nogueira (30 anos) e Carmen Miguel Agra (24 anos) xunto con Luís Álvarez González (obreiro, 30 anos), Camilo Campos Méndez (barbeiro, 33 anos), Manuel Martínez Moroño (mariñeiro, 44 anos), os irmáns Fernando e José Rodríguez Lorenzo (albaneis os dous, de idades de 37 e 30 anos, respectivamente) e dous curmáns de Castelao, José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao (ambos mestres, de 45 e 31 anos de idade, respectivamente) tentaron fuxir da represión franquista por mar dende Vigo, cara Francia, co obxectivo de xa dende alí ir cara algún dos portos da España aínda leal á República, como xa algunha xente fixera con anterioridade dende a costa viguesa.

Axudado por un mariñeiro “cómplice” que fixera de intermediario co patrón da embarcación, o grupo entrou no bou Eva xa de madrugada e viaxarían na adega do mesmo. Cando xa todo estaba preparado e semellaba ir ben, os acontecementos se precipitaron. Tras ser delatados, moi posibelmente por un tripulante do barco, o xefe da Garda Civil, Gumersindo Salinas, foi alertado do que estaba a suceder e presentouse no lugar cun grupo de fascistas e membros da Garda Civil e da Policía. Negándose o grupo a saír sabedores do que lles esperaba no caso de facelo, a resposta dos fascistas foi achegar un buque alxibe á embarcación e, dende este, introducir unha mangueira para anegar a adega na que os nosos protagonistas se atopaban, buscando desta maneira forzarlles a deixar a nave. Empregaron primeiro auga fría e, ao ver que isto non funcionaba, o tentaron con auga fervendo. Aí foi cando se comezaron a escoitar os disparos dentro do Eva. A contra resposta dos tripulantes foi preferir poñer fin a súa vida de xeito colectivo antes que entregarse aos falanxistas.

A dignidade por riba de todo. Finalmente, e non quedando a cousa niso, o mariñeiro que lles axudou sería días despois localizado e tamén asasinado en Teis, cerca da ETEA.

O suceso foi ocultado polo réxime franquista (de feito, no rexistro civil de Vigo apenas quedou recollido como que estas persoas faleceron por “un tiro de bala”), e apenas obtivo tampouco difusión tras a morte do ditador Franco, caendo na desmemoria entre boa parte do pobo galego, nun intento por silenciar a valentía destes homes e mulleres.

Por iso faise tan necesario lembrar no seu 85º aniversario o acontecido. A atrocidade cometida contra oito homes e unha muller que non cometeran delito ningún, máis alá de querer fuxir, tras nove meses de persecución, da represión franquista.

Homes e muller que o tiñan moi claro… ANTES MORTOS QUE VENCIDOS. Até o final, sempre combativos! Nin esquecemento nin perdón. Que a nosa historia e as atrocidades cometidas contra nós non caian nunca na desmemoria.

Camarada Enrique Líster

Foi nos momentos máis críticos, nas situacións máis duras, cando Enrique Líster amosou a súa capacidade para estar á altura. Foi na hora máis escura da humanidade, na que o fascismo manchaba Europa enteira, cando Enrique Líster deu exemplo como loitador inquebrantable na defensa da súa clase: primeiro, na defensa da Segunda República contra o fascismo español, despois, defendendo á Unión Soviética na súa loita contra o nazismo alemán.

Líster non destacou unicamente pola súa firmeza no militar; destacou tamén pola súa solidez militante, sendo exemplo durante toda a súa vida de lealdade á clase obreira e de honestidade consecuente na defensa dos seus principios. Constitúe, por tanto, un elo irrenunciable no proceso de consolidación do comunismo galego tal e como o entendemos hoxe.

Foi tamén Líster, segundo algunhas voces, o creador da primeira versión da estreleira, que serviu de pavillón a aquel Batallón Galego que afirmaba, pioneiro: «A liberación nacional de Galiza está notriunfo das nosas armas». Nós comprometémonos a honrar o seu legado revolucionario facendo ondear esa bandeira, que é a mesma pola que morreu Reboiras, nunha República Galega independente e socialista.

Castelao é noso

No 136º aniversario de Daniel Castelao, para alén de todos os lugares comúns sobre a súa figura, dende o Partido Comunista pola República Galega queremos destacar:

  • Castelao, orixinal e senlleiro nun eido artístico e literario no que non entendía fronteiras entre as artes nin entre os xéneros, non o é menos dende un punto de vista biográfico e político.
  • Se no literario busca unha combinación entre o enxebre e o vangardista, politicamente Castelao fusiona tamén un nacionalismo popular cunha esquerda avanzada e antifascista.
  • Nun nacionalismo primixenio dominado por unha pequena-burguesía esencialista e conservadora, Castelao imprime unha pegada popular e de clase que fuxe dos ítems raciais e identitarios.
  • Daniel procede dunha estirpe rianxeira mariñeira e humilde, e coñece ao longo da súa vida as dúas principais modalidades de exilio: o económico sendo cativo, e o político sendo adulto.
  • Curtido dende novo na loita agrarista e anticaciquil, nunca renunciará a posicións de clase nin á solidariedade cos desheredados, sen diferenciar sexos, razas ou idades.
  • Discrepou co filonazi Risco pola liña política do nacionalismo e as súas aportacións teóricas foron fundamentais para que o Partido Galeguista integrara a Fronte Popular antifascista.
  • Sen ser comunista, admirou e defendeu a Unión Soviética, os seus logros, os seus progresos, os seus avances culturais e o seu modelo para as nacionalidades.
  • Despois de defender posicións autonomistas e federalistas, e tras o fracaso do Goberno Republicano no exilio, acabou adoptando posicións abertamente independentistas.

Por todo iso, o compañeiro Daniel está sempre presente na nosa acción política, na nosa memoria, entre os nosos referentes. Ao lado dos mártires, dos camaradas, dos irmáns.

Sempre na memoria, Camarada Braulio Amaro!

O 29 de decembro deixounos un bo e xeneroso, un firme militante da causa obreira e da causa galega, sempre activo en todas as loitas sociais, no sindicalismo nacional e de clase e, sobre todo, un decidido e entregado promotor da unidade da esquerda independentista, impulsando plataformas unitarias como as Bases Democráticas Galegas e Causa Galiza.

Camarada, xa es semente de vencer!

Por ti, tamén, cumpriremos!

Congreso Constituínte do PCRG

Na fin de semana do 18 e 19, no barrio obreiro dunha bisbarra deste País, foi formalmente constituído o Partido Comunista pola República Galega (PCRG), un destacamento revolucionario e obreiro que traballará incansabelmente por unir nunha soa ferramenta a todas as comunistas galegas, así como por coordinar e darlle dimensión política e revolucionaria aos conflitos sociais do país.

A totalidade dos relatorios e a dirección proposta foron aprobados con 121 votos a favor, ningunha abstención e ningún voto en contra.

O Congreso Constituínte do PCRG encárgalle ao seu primeiro Comité Central as seguintes tarefas:

  • Traballar por unir a todos os comunistas de Galiza nun só Partido, fomentando a organización dos elementos máis avanzados e combativos da nosa clase, así como a coordinación, colaboración e cohesión práctica e teórica entre os destacamentos xa organizados actualmente existentes. Renunciaremos se fose preciso ás nosas siglas pola Unidade orgánica proletaria e revolucionaria.
  • Traballar pola Central Sindical Única Galega e, mentres tanto, implicarse nas centrais sindicais existentes para coordinar aos elementos máis conscientes e combativos, e fomentar un sindicalismo nacional, de clase, non pactista, combativo, asembleario e non sometido a lóxicas alleas ao movemento obreiro.
  • Reconstruír un movemento estudantil popular, democrático , republicano e asembleario, capaz de ter un programa avanzado e ser hexemónico á vez.
  • Reforzar teórica e practicamente o movemento de emancipación da muller, fomentando a formación interna ao respecto, a propaganda específica dirixida ás mulleres traballadoras e a promoción da militancia e da organización entre elas. Fomento de cadros mulleres nas organizacións obreiras e populares, así como no propio Partido.
  • Impulsar e reforzar as relacións internacionais, tanto cos estados socialistas e populares que resisten ao imperialismo, como coas organizacións e movementos obreiros, revolucionarios e insurxentes de todo o mundo. Promocionar, tamén, as organizacións de solidariedade internacionalista do noso país.
  • Solidariedade anti-represiva con todas as persoas encausadas pola súa participación nas loitas obreiras e democráticas e cos presos políticos. Loita pola amnistía e contra os corpos represivos.
  • Fomentar a formación teórica constante da militancia mediante lecturas, charlas e seminarios obrigatorios.
  • Participar en todos os frentes de batalla e de intervención, e con todos os métodos de combate que aconselle a situación da loita de clases en cada momento.

Pola República Socialista Galega!

Pola Revolución Proletaria!

6 de decembro, contra a Constitución

O Réxime do 78 foi un pacto de elites da dereita oligárquica e o fascismo coa esquerda claudicante e o nacionalismo burgués. Este remendo, a reforma política do franquismo, foi feito baixo a ameaza das pistolas golpistas e capitaneado e financiado polo Departamento de Estado Norteamericano e polos elementos atlantistas da socialdemocracia alemá para asegurar a dictadura burguesa e o liñamento total co imperialismo.


Nin o capitalismo, nin este Estado, nin este Réxime son reformables; a única saída para a clase obreira galega é a Revolución Proletaria e a construción da República Socialista Galega camiño do comunismo.